Ter aptitudes musicais é unha combinación de diferentes tipos de intelixencias

Ter aptitudes musicais é unha combinación de diferentes tipos de intelixencias
8 Agosto, 2017 gestion

Roberto Casteleiro é o coordinador de Naranja Imaginario, un proxecto que comezou sendo un taller musical e finalmente converteuse nunha banda de música integrada experimental e electrónica por persoas con diversidade funcional que aspira a gravar o seu primeiro disco. Tras o seu paso polo festival ‘Una mirada diferente’ en Madrid, a súa actuación no Festival Noroeste Estrella Galicia, este martes 8 de agosto na Fundación Luis Seoane, suporá un escaparate máis para dar visibilidade a tanto esforzo e talento.

Cal é a orixe de Naranja Imaginario?

Hai varios camiños que conflúen para que Naranja Imaginario exista. Poderiamos pensar en tres. Primeiro, a nosa clase de habilidades sociais e culturais do C.O. Pascual Veiga que nalgún momento empezou a chamarse Taller Naranja Imaginario e na que puidemos xerar procesos sen medo ao tempo nin ao para que. Segundo, o grupo de persoas que formamos a banda do taller (Mónica, Mila, Estrela, Ramón, Miguel A., Mariana, Tania, Miguel G. e eu mesmo,Roberto) que por circunstancias vivimos un proceso artístico grupal e que nos levou da clase aos directos. Terceiro, unha certa vontade de mesturar educación social e música alá onde me deixen.

Que referentes tiñades antes de comezar este proyecto?

Como banda, pois segundo a quen preguntes, por exemplo, Mariana, a percusionista, deixoume unha vez no taller cinco follas cheas polas dúas caras de grupos de cumbia e reggaeton arxentinos que ten no seu reproductor. A maioría escoitan aos artistas dos corenta, Naranja Imaginario naceu un pouco como taller cultural para ter novas referencias e atoparse con outro tipo de músicas. En clase soan moito Hidrogenesse e Os Ganglios, tamén Gorillaz… Como referente para o proxecto temos a Debajo del Sombrero de Madrid, unha plataforma para a creación, investigación, produción, e difusión de arte onde os seus principais protagonistas son as persoas con discapacidade intelectual.

Cantas alegrías vos otorgou Naranja Imaginario desde que empezastes?

Pois o grupo tróuxonos moito traballo e moito esforzo extras que acabaron por traernos grandes momentos enriba do escenario. Simplemente o proceso de ter un concerto remóvenos. Os ensaios, as cancións novas, as risas do grupo, as anécdotas das viaxes, a emoción de ver ao público responder ás túas creacións, o reforzo positivo que nos levamos a casa está cambiando percepcións internas e externas.

Estiveches en maio no Centro Dramático Nacional e agora no Noroeste Estrella Galicia. As institucións públicas están abrindo os ollos fronte o verdadeiro potencial das persoas con diversidade?

Mestúranse moitas cousas nesta pregunta como para ser breve, así que só darei unhas pinceladas. A nosa actuación no Festival “Unha Mirada Diferente” do CDN ou esta semana no Noroeste débese con seguridade a que nos viron en algun concerto previo. Non podes ver o que é invisible. Do que se trata quizais é que faltan oportunidades de exhibición e de produción de creación contemporánea por parte de persoas con diversidade funcional. Isto lévame a outro lado, e é que non creo que exista un verdadeiro potencial das persoas con diversidade; si que hai como en calquera outra persoa, un potencial artístico ou de calquera outra índole, que ten dereito a saír e a que existan medios suficientes e axeitados para exploralos se a vontade da persoa é esa. Faltan institucións e entidades que aposten pola creación artística de persoas con diversidade. Ao final é unha cuestión de igualdade de oportunidades, accesibilidade e capacidade de elección.

Cales son os vosos próximos retos e obxectivos?

Son moitos. Primeiro temos que conseguir financiamento para gravar o noso primeiro disco, e tamén queremos constituírnos como asociación para poder facer cousas que co centro ocupacional non podemos. Ademais queremos cambiar algúns dos aparellos que empregamos cara a tecnoloxías de hardware libre e… seguro que hai máis… De cara ao outono, temos un par de concertos e o noso obxectivo será preparalos.

Que pasos recomendarías seguir a unha persoa cun familiar con discapacidade se detecta sensibilidade e talento para a música?

É a primeira vez que me fan e me fago esta pregunta… Ter aptitudes musicais é unha combinación de diferentes tipos de intelixencias. Moitas veces xúlganse só competencias lingüísticas ou de mobilidade… Ao que vou é que coa música tes un vehículo para abordar multitude de capacidades. Supoño que non deberían deixar escapar esa vía de comunicación e expresión. En todo caso, con ou sen discapacidade, a sensibilidade musical aparece en toda persoa á que lle cantan, póñenlle música e lévana a concertos desde pequena. Volvemos ao de antes, do que se trata é que si che gusta a música poidas acceder e participar dela sexas quen sexas.

Se botades unha ollada ao cartel, que concertos recomendaríades a todos os que se trasladen á Coruña para coñecer o festival?

Pois recomendamos os concertos na Fundación Luís Seoane: Helado Negro e Valgeir Sigursosson. Iriamos ver moitos outros, pero estaremos atentas a Os Gru, a Window Pane, a Emilio José e a Aviador Dro.