A Coruña é unha península (e outros consellos útiles para a túa primeira vez no Festival Noroeste)

A Coruña é unha península (e outros consellos útiles para a túa primeira vez no Festival Noroeste)
30 Xuño, 2017 gestion

Pode que sexas de aquí. Pode que veñas de visita familiar estival. Pode que sexas un recén chegado. Ou pode que nunca estiveses antes. En calquera caso, sempre hai unha primeira vez para darse conta que A Coruña, cidade onde se celebra o Festival Noroeste Estrella Galicia, é unha “terra cercada pola auga, e que só por unha banda relativamente estreita está unida e ten comunicación con outra terra de extensión maior”. É dicir, A Coruña é unha península. ¿Sorprendido?

Se este ano decidiches achegarche a gozar do festival -e esperamos que así sexa- é o primeiro que has de saber. Ao principio camiñarás despistado, pensarás que levas dando voltas ao mesmo lugar varias horas e terás unha sensación de estar no deserto pero cambiando a area por auga -tranquila, a todos nos pasou-. Cunhas cantas indicacións e o noso mapa de sons nadarás cal Nemo no océano.

Dory

Antes de comezar a experiencia musical, aconsellámosche ir ata a praza de María Pita, onde se atopa a oficina de turismo. E xa que estás alí, pregunta quen foi a heroína María Pita -sabelo é unha condición sine qua non para poder pasear pola Coruña coa cabeza alta-. Unha vez en situación, e con todo o material que che interesa na túa bolsa, traza un pequeno itinerario diario a partir da información da web ou do programa de man (sobre todo se ves os seis días de festival). Serache máis que útil para sacar o máximo partido ao teu tempo.

No Festival Noroeste a oferta musical non ten descanso. Polas mañás, as Matinais do Noroeste -á hora do vermú ya poderás estar gozando dun refresco ou unha caña e concertos en prazas e rúas-. Polas tardes, o Noroeste Expandido, -actuacións nos escenarios máis emblemáticos da cidade-. E polas noites, o Noroeste + -as mellores sesións de djs nos locais máis frecuentados para pechar a xornada (ou comezar a seguinte)-. Ti decides.

Se todos os festivais teñen o seu recinto acoutado, o do Noroeste é a cidade. Ao carón, terás a praia de Riazor e a do Orzán. Ao outro, o porto deportivo e a lonxa. No medio, queda co nome da principal arteria que divide o centro da Coruña, a rúa San Andrés. Desde alí, e dun escenario a outro, terás como máximo 20 minutos andando. Poderás probar de todo, coma se fose un suculento menú. E é o que che recomendamos.

Captura de pantalla 2017-07-02 a las 13.16.37

Aproveita a diversidade de grupos musicais para coñecer novas bandas, e a proximidade dos escenarios para coñecer os lugares emblemáticos da cidade onde están situados. Algunha vez imaxinaches ver un concerto a carón dun convento de clarisas ou nunha fortaleza do século XVI bañada polo mar? Non é Xogo de Tronos, é o Festival Noroeste.

Lembra que sempre terás preto un bar para beber algo se tes sede; un banco ou unha praza para sentar se estás canso; unha farmacia se necesitas tiritas ou un analxésico; ou un supermercado, para comprar aquilo que se che esqueceu. E probablemente seguirás escoitando de fondo algún concerto, porque a música vai alagar a cidade durante eses seis días. Se es sensible ao volume, consegue uns tapóns. E como case todos os concertos son gratuítos e en recintos abertos e públicos, podes traer aos teus peques, á túa mascota ou mesmo a un parente afastado, se lle pica a curiosidade polo evento tan molón ao que lle dixeches que ías. Nunca se sabe onde se esconde a alma dun rockeiro.