A playlist de DJ Espinoso PetardPop

A playlist de DJ Espinoso PetardPop
8 Agosto, 2017 gestion

PetardPop son Xavi e Alberto, amigos desde hai anos e apaixonados pola música desde sempre. Xuntáronse en Vigo hai pouco máis dun ano para meter algo de vidilla na noite viguesa. Están no Plaff, no casco vello, case todas as fins de semana. E de cando en vez escápanse a facer algunha colaboración. Participan nunha chea de eventos, entre eles o Entroido da Coruña 2017 e a Gala do Cabaret de Redondela 2016.

Juntos – Paloma San Basilio

Clásico entre clásicos. Só con escoitar o redobre co que arrinca este temazo, todo o mundo tolea. Lanzada en 1981, alcanzou o número 1 en vendas nese mesmo ano, manténdose desde entón como a canción máis lembrada da gran Paloma.

Black Is Black – Belle Epoque

Este tema orixinal de Los Bravos alcanzou tal repercusión internacional que foi versionado por varios artistas. Entre esas versións, unha das favorita é a do grupo alemán La Belle Epoque, que converten Black Is Black nun espectacular temazo disco.

Estoy Bailando – Hermanas Goggi

En 1979 Daniela e Loretta Goggi presentan o seu éxito Estoy Bailando, versión en español do Sto Ballando de Daniela. Tal foi o éxito deste sinxelo das irmás en España e América Latina, que decidiron lanzar un álbum “Estoy bailando” cantado en castelán. Versionada polo dúo de drag queens Shiami, é un temazo marabilloso para calquera festa.

Dancing Queen – ABBA

Pouco se pode dicir dun dos maiores éxitos dun dos grupos máis exitosos de todos os tempos. ABBA marcou un antes e un despois na historia do pop. Dancing Queen é a canción máis coñecida do grupo sueco, e fai que calquera pista de baile tolee con só escoitar a caída a piano coa que arrinca.

Este Amor No Se Toca – Yuri

“Estalla la tormenta, el cielo ya está gris” son as primeiras palabras desta versión en castelán do “Questo amore non si tocca” do italiano Gianni Bela, interpretada pola cantante mexicana Yuri. Tivo gran éxito, xunto co resto do álbum “Llena de Dulzura” ao que pertence, alcanzando o disco de ouro en España.

Caliente Caliente – Raffaella Carrá

É moi difícil escoller un só tema de Raffaella. O seu nome é indiscutible sinónimo de festa, e para mostra, esta canción, “Caliente Caliente” que incita a bailar e a cantar de principio a fin.

I Will Survive – Gloria Gaynor

“Firts I was affraid, I was petrified”, así comeza esta gran canción que move masas alá onde soa. Pouco se pode dicir deste HIMNO, con maiúsculas, que non se dixo xa. Clásico por antonomasia que non podía faltar nesta selección.

Eloise – Tino Casal

Reivindicado de forma recorrente como o Bowie español, Tino Casal arrasou en 1987 con esta versión do tema Eloise escrita por Paul Ryan e cantanda polo irmán deste, Barry, en 1968. Non hai festa que se prece na que non soe, e practicamente todos nos quedamos afónicos coreando ao gran Tino.

Bailando – Alaska y Los Pegamoides

Un dos temas máis coñecidos e representativos da movida madrileña. Gran clásico do pop español dos 80, co seu mítico vídeo gravado na Joy Eslava, non pode faltar!

Wannabe – Spice Girls

Nos 90 chegaron elas, un grupo prefabricado de 5 mozas escollidas por casting que recibiron críticas e encomios por igual. É indiscutible que o seu primeiro single Wannabe, que arrasou converténdose nunha das cancións máis exitosas de todos os tempos en todo o mundo. Foi o primeiro das mozas, e foi premonitorio do enorme éxito que cultivaron despois, nunca superado a día de hoxe por ningunha outra girl band.

Bandido – Azúcar Moreno

As irmás Encarna e Toñi Salazar con tres discos de éxito moderado ás súas costas, foron elixidas para representar a España en Eurovisión en 1990 con este Bandido. Tras a súa actuación, fallo engadido, alcanzaron o quinto posto no concurso. Isto fíxolles alcanzar o éxito total, e fíxoas coñecidas en practicamente todo o mundo.

Like A Prayer – Madonna

Outra enorme artista, da que resulta extremadamente complicado escoller unha soa canción. En 1989 lanza este Like a Prayer, que de inmediato se coroou nas listas de éxitos de todo o mundo. Outro gran HIMNO con maiúsculas que non podía faltar nesta lista.