A playlist de Servando Carballar (Aviador Dro): a sabiduría do profeta do cyborg-punk

A playlist de Servando Carballar (Aviador Dro): a sabiduría do profeta do cyborg-punk
3 Agosto, 2017 gestion

Se alguén coñece ben as orixes do tecno-pop en España, ese é Servando Carballar. O líder polifacético dos lendarios Aviador Dro ofrécenos na súa playlist unha lección de historia musical dos últimos corenta anos e así prepáranos para o que se aveciña: o concerto da banda o xoves 10 na praza das Bárbaras no Noroeste Expandido, e a súa particular pinchada esa mesma noite na Barbería dentro do Noroeste +. Das orixes do punk e as caixas de ritmos ás melodías do pop con bases electrónicas. Un goce completo para oídos esixentes. 

 

Sex Pistols – ‘Anarchy In The U.K.’

Con eles empezou todo. En 1977 escoitei a Sex Pistols e vendín todos os meus discos de Génesis e Pink Floyd para comprarme Never Mind the Bollocks e encher a miña camiseta de imperdibles e manchas de mercromina. Todos podiamos subir a un escenario, tocar catro acordes e vociferar o que se nos pasase pola cabeza. Determinante.


Ultravox – ‘The Quiet Men’

Ultravox e Stranglers fixéronme ver que o punk podía evolucionar cara a outras fronteiras. Caixas de ritmos e sintetizadores encheron o meu imaxinario e desempoei o meu órgano caseiro, que incorporaba unha pequena caixa de ritmos.


Kraftwerk – ‘Man Machine’

Se os Pistols espertaron a miña consciencia, Kraftwerk e xente como LA Dusseldorf ou NEU fixéronme investigar e desexar ser un cyborg. Máis aínda. Descubrín que podía axuntar o meu amor pola ciencia ficción e a ciencia e incorporala ao meu ideario. Escoitei oito veces seguidas Man Machine para tentar “absorbelo”. Conseguino e convertinme en Cyborg.


DEVO – ‘Mongoloid’

Devo e The Residents achegaron tolemia, forza, digresión e sentido do humor. Ademais de recuperar un sentimento arty e teatral que me acompañaba desde a época na que, con nove anos, colaboraba na compañía de teatro dos meus pais. A súa estética era brillante, respiraba dadá e surrealismo, outros dos meus fetiches, e facían os mellores videoclips da historia. Impagables.

The B-52’s – ‘Planet Claire’

O cume do pop americano. Téñeno todo: simpatía, letras demenciais, unha imaxe incrible e algunhas das mellores cancións do século XX. Adóroos.


DAF-  ‘Der Mussolinni’

Levan o minimalismo electrónico a cotas insospeitadas. Evocadores, poderosos. Letras subyugantes. Tremendos.


Zombies- ‘Extraños juegos’

O meu grupo favorito da Movida, con perdón de Alaska y los Pegamoides e Paraíso. Os máis orixinais e persoais. A incrible guitarra de Bernardo Bonezzi e a alieníxena beleza de Tesa fixéronme desexar ser como eles. Unha das poucas influencias nacionais de Aviador Dro.


L-Kan –  ‘Ay Marie Kondo’

L-Kan e La Monja Enana son brillantes e teñen algo que me importa moitísimo: letras divertidas e xeniais que non teñen nada que envexar a uns Nikis. O sentido do humor é crucial para a miña comprensión do pop e eles fano como ninguén. E encima son os meus amigos! (E Luís Garcia Morais é o mellor técnico de son da historia: para que o saibades).


Breton Armada – ‘Aquí no se salva ni Dios’

O mellor grupo tecno actual da península e máis aló. Unha vez máis Lucho escribe como ninguén unhas letras que me matan de envexa. E o son é fantástico. Non teñen desperdicio.


Zoot Woman – ‘Haunt Me’

Algo recente para sinalar que, a data de hoxe, sigo escoitando música todos os días. Zoot Woman teñen todo o que me gusta: a perfecta mestura de New Wave e pop electrónico. O que algúns chaman electroclash e nós definimos como tecno-pop. Xeniais.