A playlist de Tito Lesende: clásico entre os clásicos

A playlist de Tito Lesende: clásico entre os clásicos
12 Agosto, 2017 gestion

Tito Lesende, coruñés do Castrillón, desenvolveu o oficio de xornalista musical en Rolling Stone, Grazia, Revista 40, Cinemanía, La Voz de Galicia ou Diario 16, entre outras publicacións. Na actualidade escribe para Cuadernos Efe Eme, Vanity Fair ou Icon-El País, principalmente. Tamén tivo diversos programas musicais e colaboracións en Radio Galega ou Cadena 100-COPE. Publicou tres libros de temática musical; o último deles é Revolver: el disco de los Beatles que revolucionó el rock (Efe Eme, 2016). Tito Lesende estará poñendo cancións no bar Belmont o sábado 12, tras o peche de The Jesus & Mary Chain na praia de Riazor. Precisamente por iso, para compensar o ruidismo branco, o seu repertorio propón música negra para todos os públicos.

 

Stevie Wonder – ‘Superstition’

Se cadra hai que estar cego para ter os oídos de Stevie Wonder. Certamente, espero que non. Durante un tempo tiven que deixar de escoitar os seus discos mentres conducía, porque tendía ao acelerón. Quero dicir: intensificaba a presión do pé sobre o pedal do coche e tamén a libido. A conxunción desas dúas circunstancias é letal na autoestrada, pero moi agradecida nun bar.

Parliament – ‘Do that stuff’

Dende que Red Hot Chili Peppers deixaron de escoitar isto, hai moitos anos xa, convertéronse nun grupo aburrido. Se o Partido Demócrata tivese escollido a George Clinton no canto de Hillary Clinton como candidato á presidencia dos EE UU, igualmente gañaría Donald Trump, pero o proceso electoral tería sido moito máis funky. Vin un concerto deste home cos seus proxectos Funkadelic e Parliament e aínda sinto reaccións nerviosas nalgunhas partes do corpo.

Sharon Jones & The Dap Kings – ‘Stranger to my happiness’

Sharon tardou demasiado en acadar certo recoñecemento como gran dama do soul contemporáneo. Con todo, coincidiu no tempo coa icónica Amy Winehouse e nunca saberemos se iso foi bo ou malo para a súa carreira. Lamentamos as mortes prematuras das dúas, pero seguiremos celebrando a súa música.

Little Richard  ‘I saw her standing there’

Little Richard non é só o antecedente directo de Prince; el é O ANTECEDENTE. O meu primeiro recordo dunha convulsión producida pola música, na infancia máis remota, foi con Tutti frutti. Aquí colle un clásico dos inevitables Beatles e faille o fundido a negro. Que máis se pode pedir? Por certo, Little Richard segue vivo e, se todo vai ben, este ano cumprirá 85.

Curtis Harding – ‘Keep on shining’

Curtis é un home de Atlanta (EE UU) que parece que quedase prendido nalgún momento na década dos setenta do século XX. Cantou góspel e tamén hip-hop, e foi corista de Cee Lo Green. Pero o seu disco de debut, Soul power (2015), ofrece algunhas escenas memorables que o asocian ao máis puro do xénero soul. Ou incluso northern soul, como é o caso desta peza.

Osaka Monaurail – ‘Fruit basket’

Música negra vista dende a perspectiva xaponesa. Curioso, cando menos. Osaka Monaurail levan 25 anos facendo funk e, aínda que non teñen a soltura orixinal, compénsana con disciplina e resultan máis gozosos canto máis se achegan ao seu referente de cabeceira: James Brown. Velos en directo é un souvenir certamente divertido.

Eli “Paperboy” Reed – ‘(Doin’ the) Boom boom

Branco, estadounidense e algo pequeneiro. Eli “Paperboy” Reed ten 34 anos e leva dando que falar dende os 20. A súa oferta resúmese nun revival ortodoxo dos xéneros negros cercanos ao soul e por iso nunca será un gran nome, pero sempre será ben recibido se soa no teu equipo de música cando teñas convidados na casa. Pero a el non o convides: en persoa é algo estirado.

The James Hunter Six – ‘Stranded’

Antes das súas colaboracións con Van Morrison, James Hunter coñecía ben os garitos londinenses (e algún do resto do Reino Unido), onde aprendeu cómo levantar a xente ofrecendo racións de soul e R&B clásico. Por iso, máis incluso que o seu falsete, o que a min me fascina deste home é tamén o ritmo que ten na súa man dereita. O resto é oficio. E unha sección de metais notable.

Deluxe – ‘Tendremos que esperar’

Na Coruña, pode dar a impresión de que Xoel López é referente ubicuo. A miña impresión é que a escena musical coruñesa necesitaba un Xoel. Pero o artista antes coñecido como Deluxe non xurdiu porque si. Fíxose nos bares da cidade, de madrugada, bailando tamén northern soul coma ese que se albisca nesta peza, de celebrada melodía e gozosos arranxos de vento.

James Brown  – ‘I got you (I feel good)’

Da defunta Lola Flores din que non cantaba ben e non bailaba ben, pero que era imperdible. Co tamén defunto Michael Jackson as cousas eran distintas: cantaba, bailaba e facíao todo ben; por iso era imperdible. A escola artística de Jacko foi James Brown, o padriño de toda a negrura. Con iso e o sentido melódico de Stevie Wonder, Michael converteuse no rei do pop, un estilo dominado por brancos que en esencia quixeron ser negros. Rematamos con James Brown por todo o que lle debemos. Porque Brown, en si mesmo, é un xénero completo. E porque incluso cando tusía marcaba o compás. Aínda que tiña o mesmo tipo, aproximadamente, que Lola Flores.

 

Escoita a lista completa de Tito Lesende en Spotify.