Lascivos

Mércores_9_Agosto

Biografía

Cuarteto nado nos barrios obreiros da Coruña, de longo e coherente percorrido -o seu primeiro single “Chico Vudú” editouse no 2004 e o seu LP “Casi Muerto, Case Vivo” no 2005-, cuxa proposta artística os sitúa a medio camiño entre o espectáculo escénico dos Stooges e a escura poesía de Patti Smith e de Nick Cave. A modo de berro insubmiso fronte aos que afirmaban hai dúas décadas que no arrabalde coruñés non existía nada máis cultura quinqui, marxinalidade, desintegración e desestrutura, as irmás Rut (voz e letras) e Montse Morate (batería) usaron como armas de subversión a poesía e o rock’and’roll. Sustentadas sobre o baixo de Emilio Agra e sobre a guitarra de Rodrigo, lograron ser escoitadas non só no centro da Coruña, senón tamén fóra de Galicia. Os seus rabiosos directos, cunha das mulleres á fronte máis impactantes do underground estatal, contaxian ao público de actitude e militancia punk.
A banda estivo en hibernación desde o ano 2010, por diversos proxectos en paralelo dos seus membros. No 2017, dez anos despois de compartir escenario cos New York Dolls na Praia de Riazor, saen do seu letargo para amosar que nos barrios coruñeses aínda se fai punk.
000