Lula Pena

Xoves_10_Agosto

Biografía

A cantora, poeta, compositora e guitarrista lisboeta Lula Pena posúe unha voz única e profunda, que segue as súas propias regras e esnaquiza fronteiras físicas e mentais. Unha voz segura e sensible, inquietante e conmovedora, que transita polas marxes do blues, do flamenco, da chanson française, do phado (como ela prefire chamarlle) e da bossa nova. A súa música é un organismo vivo, mestura pura das raíces da música portuguesa, europea, caboverdiana e brasileira, e máis da interacción da artista co público que a acompaña nos seus directos, sempre sorprendentes. Soa ou acompañada polo multi-instrumentista guineano Mu Mbana ou polo saxofonista neozelandés Hayden Chisholm, Lula Pena ten presentado as súas longas e divagantes pezas nos palcos de medio mundo, desde Chile a Zimbabwe, dos Estados Unidos aos máis íntimos recunchos de Europa. Vén ao Noroeste Estrella Galicia co seu terceiro álbum, Archivo Pittoresco, aínda fresco debaixo do brazo. Con el, explora musicalmente o movemento dos pintores do século XIX que decidiron saír dos seus talleres e explorar paisaxes, ruínas e vistas asimétricas. Faino cun directo, libre e aberto, sempre único. Irrepetible.

Retirada de entradas

As entradas estarán a disposición dos seguidores da banda o día previo ao concerto (Mércores 9 de agosto) no quiosco municipal da Praza de Ourense (máximo dúas entradas por persoa ata fin de existencias). O horario para a recollida de entradas será:

  • De 09.30 a 13.00 h
  • De 16.30 a 19.30 h

Sortearanse ademais entradas dobres a través das redes sociais (Facebook e Twitter) do Festival Noroeste Estrella Galicia o día previo a cada concerto.

A apertura do Castelo de Santo Antón terá lugar una hora antes do inicio da actuación. Prégase ao público que acceda ao recinto ao menos 30 minutos antes do comezo do concerto.

000