New York Ska-Jazz Ensemble

Martes_8_Agosto

Biografía

Con máis de dez discos e con xiras habituais por Europa, Canadá, Estados Unidos e Latinoamérica, o New York Ska-Jazz Ensemble (NYSJE) é un grupo internacionalmente aclamado por crítica e público dende a súa formación en 1994. A marca da casa é a enerxía e a orixinalidade coas que reinterpretan o ska a partir dos estándares do jazz, nunha potente mestura que convida ao baile sen remisión posible. Coas súas propias composicións ou versionando temas diversos, os enerxéticos directos do NYSJE emocionan e conmoven ao público.
Compoñen o NYSJE, Rocksteady Freddie ao saxofón e á voz principal, Ric Becker ao trombón e á voz, Alberto Tarin á guitarra e á voz, Earl Appleton ao teclado, Wayne Batchelor ao baixo e Yao Dinizulu á batería. Esta sólida formación de músicos americanos con miles de concertos ás súas costas foi definida polo New York Times como “unha manchea de felices maniáticos do ritmo”. Unha proposta musical que traerá ao Noroeste Estrella Galicia ritmos jamaicanos, melodías de jazz moderno e bases do ska instrumental clásico, aquel ska dos anos sesenta que aínda compartía elementos co jazz e co blues.
000