Radio océano

Mércores_9_Agosto

Biografía

Pioneiros do punk patrio, os Radio Océano fundaron nos 80 a escena do rock galego á que máis tarde se sumaron grupos tan míticos como Siniestro Total ou Os Resentidos. A banda capitaneada polo xornalista Xosé Manuel Pereiro (aka Johnny Rotring, parodiando a Johnny Rotten) conta entre as súas referencias con pesos pesados como U2, Ramones, Velvet, B52, Neil Young, Pistols ou os Clash. As súas primeiras maquetas foron moi apreciadas e en 1986 conseguiron gravar o seu único disco, Nin falta que fai, grazas ao concurso de RNE para grupos noveis. No seu pico de máxima popularidade o seu tema Esto no es Hawai foi sintonía do programa de Jesús Ordovás en Radio3, e permitíronse rexeitar representar a España en Eurovisión, fieis á súa filosofía punk. Disolvéronse en 1987.
Forman Radio Océano Xosé Manuel Pereiro (voz), Santiago Romero (guitarra), Quique (baixo) e Pablo Iglesias (batería). Este ano cúmprense 30 anos da súa despedida e celebrarano no Noroeste Estrella Galicia ofrecendo de novo ao vivo temas tan coñecidos e potentes como Narcisismo (con letra do poeta Lois Pereiro), Terra Cha ou Como o vento. Historia viva da música deste país.
000