As Matinais e o Noroeste + amplían o horario do Noroeste Estrella Galicia desde o mediodía ata a madrugada

As Matinais e o Noroeste + amplían o horario do Noroeste Estrella Galicia desde o mediodía ata a madrugada
15 Maio, 2017 Quino

O Festival Noroeste Estrella Galicia dá un paso máis na súa aposta polas propostas musicais de calidade en espazos singulares da cidade e anuncia dúas novas liñas de programación: as Matinais, que levarán á hora do aperitivo 18 novas bandas e artistas a algunhas das prazas máis emblemáticas da Coruña, e o Noroeste+, que ofrecerá a posibilidade de vibrar nos clubes da cidade con algúns dos DJs máis recoñecidos en Galicia e España.

O Festival engade ao seu cartel 19 novas bandas, entre as que se atopan os rockeiros coruñeses Ánima, gañadores da pasada edición do concurso de maquetas de Cuac FM. Estes súmanse aos artistas e bandas da escena musical independente galega e estatal seleccionados pola asociación cultural sen ánimo de lucro Desconcierto Cultural para as Matinais do Noroeste, un ciclo programado que mestura a música coa vida cotiá dos viandantes da Coruña, contribuíndo á dinamización da hostalaría local. Nas matinais actuarán Alien Tango, Atrás Tigre, Bala, Bifannah, Calero, Druso, Espiño, Futuro Terror, Les Sueques, Los Bengala, Malandrómeda, Puma Pumku, Salto, Sen Senra, Seward, Terrier, Tórtel ou Wild Honey, unha completa mostra da nova escena musical galega e estatal para amenizar a hora do aperitivo nas prazas da cidade.

Cando rematen os aplausos na praia, prazas, rúas e parques da cidade, os locais da noite coruñesa abrirán as súas portas a DJs residentes e visitantes como sobremesa do menú que propón o Noroeste+. Pinchadas de música pop e rock internacional e española, clásicos de décadas pasadas e himnos contemporáneos, electrónica alternativa, house, synth pop… que encherán salas imprescindibles da noite coruñesa, dentro do Noroeste+, organizado da man da asociación de salas e locais de música en directo de Galicia Clubcultura.

O decano festival coruñés celebrará, así, a súa 31ª edición, ampliando ata as 200 horas a experiencia cultural única que ofrecerá á cidadanía da Coruña e ao público que decida achegarse ata a cidade do 8 ao 13 de agosto. Consolida o crecemento iniciado no 2015, cando pasou de reunir a oito artistas que ofrecían 10 horas de música na praia a programar 38 horas de música con 31 bandas en 4 espazos da cidade. No 2016 foron máis de 100 as horas de música, 60 os artistas e 9 os espazos. E neste 2017 serán máis de 90 bandas e artistas, 46 deles galegos, os que ofrecerán máis de 200 horas de música de calidade en máis de dez espazos singulares da cidade.

O Noroeste Estrella Galicia redescúbrese así neste 2017 como un festival vivo, unha proposta orixinal que ofrece distintas alternativas para públicos diversos que teñen en común o seu amor pola música, a súa curiosidade e a súa capacidade para gozar coas experiencias culturais singulares.

ÁNIMA. Guerreiros do rock progresivo en loita

Os coruñeses Ánima traen ao Noroeste Estrella Galicia o seu rock metalizado, caracterizado polos cambios de ritmo e pola descarga de enerxía que se produce sobre o escenario e se traslada ao público. Con sete anos de vida ás súas costas, a banda de rock alternativo formada por Rolo (guitarra e voz), Dabe (batería e coros), Miguel Ángel (baixo e coros) e Duro (guitarra) achega ao escenario do festival coruñés o resultado do seu último traballo, En Guerra. Unha proposta tan guerreira coma sempre, pero chea de matices, complexidade e contundencia. Prestando atención a cada detalle, con complexas instrumentalizacións e cunha impecable e versátil voz, os Ánima foron os gañadores da pasada edición do concurso de maquetas de Cuac FM.

 

AS BANDAS DAS MATINAIS

ALIEN TANGO. Refrescante pop de teatral e impactante directo

Alberto García Roca “Aitite” é o alma máter dunha banda que debutou en 2016 co seu EP Supernatural Mango, un conxunto de ácidas melodías de sintetizadores e guitarras entre sons de acordéon secular e sitar que inclúen ruídos producidos coa súa propia carne. Imaxina, se podes, unha mestura entre os Bee Gees, The Rocky Horror Picture Show e os Beatles que camiña na mesma dirección que Foxygen o Ariel Pink. Os murcianos son unha banda sorprendente e inclasificable, bizarra e divertida que fan música para facer o amor… ou outras cousas. Faise evidente que non debes perder a Alien Tango, veña da galaxia que veña, e é que estes seres estraños sitúanse como grupo emerxente do ano, despois de pasar por SOS 4.8, Monkey Week, Santander Music ou o Primavera Sound.

ATRÁS TIGRE. Un bosque de músicas que convidan á aventura

Dende o seu primerio EP de homónimo nome en 2016, a banda compostelá Atrás Tigre non deixa de soar en todas as voces. Atrás tigre (Triunvirato 2016), gravado no Laboratorio Soyuz, foi seleccionado pola revista Mondo Sonoro como un dos mellores traballos do ano pasado. Eles son Pedro (guitarra e voz), Olalla (teclados e voz), Xiana (baixo e voz) e Antón (batería) e definen o seu estilo como jangle pop sucio e cósmico, de cadencia primitiva doce ou acelerada. Este ano editan Fainos Saír, onde afondan no seu lado máis synth pop, con guitarras vibrantes e liñas de baixo revoltosas. Letras en galego e despreocupación -polo momento- con iso de buscar un son propio son as marcas da casa. Cada canción posúe a súa propia liña. As referencias poden ser Yo la tengo, Smiths, Pixies, Pavement, Hole, The Cure, Suede, Stone Roses, Planetas, Manta Ray, Slowdive ou My Bloody Valentine, entre outras moitas. Os Atrás Tigre son unha aposta segura para os amantes do pop máis envolvente e aventureiro.

BALA. Intensidade inclasificable de variada influencia

Ánxela (guitarra e voz) e Violeta (batería e voz) son un dúo difícil de clasificar, dúas voces moi distintas cun son que recorda aos grupos de rock intenso dos 90. Cunha mestura de influencias que van desde o grunge ao stoner pasando polo hardcore e o punk, o seu primeiro disco –Human Flesh– esgotouse en cinco meses. Co segundo, Lume, experimentan por primeira vez co galego e co castelán en nove impactos de grande intensidade musical. As Bala son xa un nome habitual nas listas de “O mellor do ano” nos medios musicais do Estado e chegan ao Noroeste Estrella Galicia despois de xirar por Xapón e Australia, de encher salas en Londres e Bristol e de triunfar en festivais tan diversos como WOSINC, Nordestazo, She’s the Fest ou maRock.

BIFANNAH. Suxestiva psicodelia e garage sesenteiro que namora

Bifannah nace a medio camiño entre Reino Unido, Barcelona e Galicia na primavera do 2015. Antía Figueiras, Guille V. Zapata e Antón Martínez (ex-membros de Wild Balbina, Mvnich ou Avispa) mesturan neste novo proxecto do século XXI a tropicalia e a cadencia do 60´s moddy garage. A súa primeira referencia en formato dixital, un EP gravado da man de Manu G. Sanza e Ibán Pérez, en Terraforma Estudios, regálanos cinco cancións reflexo da súa querencia polo garage, o fuzz e a psicodelia partindo da lusofonía atlántica. Hai bandas que entusiasman dende o primeiro minuto e este é o caso de Bifannah e as súas deliciosas melodías. Calidez e sensualidade da man da lírica e musicalidade da lingua. Namorar toca.

CALERO. Inquedo talento pop cheo de matices

Tras varios anos ao fronte de bandas como WolRuS ou Graham Summer, explorando os terreos do folk-rock americano de inspiración clásica, Calero presenta o seu álbum debut: Un as en la manga. Un disco que supón un paso adiante e un cambio radical en todos os sentidos. Cambio de idioma e cambio de estilo formal. Gravado e masterizado en Summerfield Records, este álbum caleidoscópico é un intento de romper barreiras creativas e abordar dunha forma renovada o proceso artístico. Coa participación doutros músicos que achegan diferentes xenialidades e matices, é unha das novidades máis interesantes do presente ano xurdida dende Galicia. Arte ata as súas últimas consecuencias.

DRUSO. Cancións de amor romántico desde a pureza do local de ensaio

Un novísimo cantante, compositor e multi-instrumentalista que comeza a tocar no instituto obsesionado con grupos noventeiros como Pavement, Sonic Youth ou Yo la tengo e, tras pasar por moitas e moi diversas formacións, consegue definir a súa proposta musical. El é Druso, nome real, a aposta de Subterfuge Records para 2017. A súa música está conectada cos Beatles, os Byrds ou Modern Lovers. Un son moi persoal que celebra a mocidade e a naturalidade da música feita nun local de ensaio. Neopsicodelia, garage, pop… todo, con moito amor.

ESPIÑO. Un proxecto persoal e imaxinativo que afonda no pop psicodélico

Alfonso Espiño é un compostelán vencellado ao mundo da música desde hai máis de 25 anos. Despois de pasar por Contrastes, Mega Purple, Sex Toy Kit ou Los Chavales, agora lánzase cun proxecto persoal que dá un paso adiante para afondar no pop de corte psicodélico con certas pingas de rock progresivo e un chisco de folk-rock. Desta vez, Alfonso aposta pola produción propia e polo galego. Acompañan á voz e ao baixo de Espiño, Brais Sánchez ás guitarras e aos coros, Alexandro González aos teclados e aos coros, e Curro Marcos á batería. A banda, creada en outubro de 2016, xa se fixo co primeiro premio do II Certame de Galicia Creativa, convocado pola Fundación Autor. Alfonso nunca defrauda no escenario, e podemos confirmar que esta nova etapa, a máis persoal e imaxinativa do músico compostelán, non é unha excepción. O baile e a ledicia están asegurados.

FUTURO TERROR. Actitude punk, directa, inmediata e fresca

Letras ácidas de ton cínico e toque canalla con melodía sempre en primeiro plano. Guitarras frenéticas, convulsos ritmos de baixo e batería, inmediatez, frescura, personalidade… Sinxeleza e estrutura clásica que crea adicción desde o primeiro momento. O futuro deste trío alicantino é terrorificamente impredecible, como a actitude punk que recolle o seu último traballo, Su nombre real es otro. 13 temas directos e sen rodeos, gravado nunha soa toma e todos á vez, á antiga usanza, conseguindo así un son tan fresco e valente coma o dos seus directos.

LES SUEQUES. Pop, garage, post punk… o importante é o contraste

Cunha posta en escena valente e xenuína, á banda indie Les Sueques gústanlle os extremos: da delicadeza ao ruidismo -e viceversa- son a marca da casa. Guitarras puntiagudas, baixos cadenciosos, teclados seixanters e voces crúas que xa pasaron polos escenarios do Primavera Sound, Vida festival, She ‘s the fest, PopArb, Let’ s Festival, Festigàbal,Palmfest, Los Conciertos de R3, La [2] Nitsa, Windmill London ou do JazzCava de Vic, entre outros. Con letras sinxelas e mordaces, cheas de ironía, Blanca, Tuixén, Raquel e Pau exploran once visións do movemento no seu terceiro álbum, Moviment, que soa máis compacto e ordenado, sen perder a frescura e a inmediatez de traballos anteriores. Rebeldía e madurez con contundente claridade de ideas que se plasma nun directo cheo de adrenalina.

LOS BENGALA. Dous salvaxes cunha enerxía irresistible

Cancións curtas, concisas, que dan un golpe na mesa. Estimulantes explosións musicais que non deixan a ninguén indiferente. Los Bengala son só dous artistas -dous instrumentos e dúas voces- que non inventan nada novo, pero son unha enerxía salvaxe cun son único. Os poderosos acordes de Guillermo á guitarra vense apoiados polos complexos ritmos de Borja á batería, ambos a coro na voz principal. Unha enerxía irresistible fórmase no seu directo e calla no público grazas á súa actitude descarada. Establecéronse como unha das bandas de rock and roll máis estimulantes do Estado co seu aclamado álbum debut Incluso Festivos e compartiron cartel e escenarios con The Libertines, Wilco, Kula Shaker, The Sonics, Los Saicos, The Cynics, Kase.O, Guadalupe Plata, Amaral, Vetusta Morla, Novedades Carminha, Lisa & The Lips, Dead Moon e un longo etcétera. A prensa sitúaos como unha das bandas máis relevantes do rock’n’roll patrio e o Noroeste Estrella Galicia será unha ocasión excelente para comprobar por que.

MALANDRÓMEDA. Vangarda e costumismo en ráfagas

Hevi e O Master do Son forman a banda de rap galego da que todo o mundo fala. Co humor galego como sinal de identidade, os Malandrómeda combinan vangarda e costumismo en rimas de batalla e ritmos imaxinativos. Os reis do hip hop galego ofrecen moita retranca e mal xenio, nun directo cachondo para bailar sen descanso. Despois de cinco anos de silencio, en 2016 publicaron simultaneamente Os corenta e oito nomes do innimigo e Cada can que lamba o seu carallo da man do selo Matapadre. Dous discos independentes que funcionan como dúas caras da mesma moeda. Ao Noroeste Estrella Galicia traerán as súas cantigas astutas e absurdas, obra dun fumeante cerebro tribal: da vangarda á retagarda, nunca Galicia foi tan caníbal.

PUMA PUMKU. Pop enlamado e psicodelia multicor

Con referencias en Deerhunter, Pink Floyd, Can, Neu!, Tame Impala, King Crimson, Beach Boys ou The Beatles, a banda composta por Amadeo Varela (guitarra e voz), Óscar Raña (batería), Coque Dosil (guitarra), Francisco Varela (teclados) e Pamper Cavero (baixo) acadan un son directo ás entrañas e son aplaudidos polos amantes do pop psicodélico. O directo é o punto forte do grupo, onde crean unha atmosfera delicada e adictiva que hipnotiza coma se flotases noutro espazo. Publicaron Is It in You? despois dun exitoso proxecto de crowfunding. Producido por Roberto Mallo e Rodrigo Caamaño, o disco ten dúas edicións: unha con nove cancións e outra, especial, cun tema máis e en vinilos únicos de cores.

SALTO. Reminiscencias sixties, tintes folk e refrescante power pop

O primeiro traballo unipersoal de Germán Salto evoca grandes clásicos como The Beatles, Beach Boys, The Kinks ou Neil Young cunha manchea de cancións máxicas que combinan a herdanza anglosaxona e a tradición norteamericana. O cantante, compositor e músico madrileño formou parte de bandas como Serpientes, Hairy Ladies ou Timón, e foi guitarrista con R. Von Timón e Willy Tornado. Esta vez, dá un paso cara adiante ao interpretar os seus propios temas, compostos en diferentes viaxes e sobre o mesmo ceo, coma piloto de avión. Salto é un traballo de matices que atrapa desde os primeiros acordes, con melodías magnéticas e cautivadoras. Elegante tratamento de guitarras e fina sutilidade no son, pop sixtie de impecable retrouso. Con aires folk que endozan sen cargar.

SEN SENRA. Onde o pop e o rock se atopan coa música negra

Sen Senra perfila un cancioneiro ultra-melódico e inmediato, amplificando o seu rexistro vocal cara a territorios imprevisibles, máis conectados que nunca co groove e co flow das músicas negras, preto desa curiosa zona común onde caben dende o rock de autor ou o garage de aires R&B ata achegamentos á música urbana de baile. Christian Senra, líder da banda, obreiro da súa arte e fascinado polas melodías, ten claro que son quere e como executalo. Sorprende e gusta inevitablemente. Co soado Permanet Vacation, os Sen Senra participaron en múltiples festivais, como SOS 4.8, Monkey Week, Vida Festival, BIME, Sinsal, Cara-B, Villamanuela, GetMad, Fuzzville ou Osa do Mar. Chegan ao Noroeste Estrella Galicia co seu segundo álbum, The Art of Self-Pressure, recén saído do forno.

SEWARD. Acción sonora e performance en movemento

Percusións tradicionais e baterías experimentais, un banjo con distorsión e efectos, unha voz con moitas personalidades, guitarras eléctricas, extractos manipulados de discursos, conversacións e películas, artefactos sonoros, gravacións de campo, un contrabaixo e, en ocasións, ata unha sección de ventos libres… En Mondosonoro describen o directo de Seward como “xenial, efervescente, potentísimo e chalado, inclasificable e contaxioso, máxico, único, encantador… sempre quedan ganas de máis”. Rockdelux, pola súa banda, reseña o seu último disco como “unha apaixoante viaxe emocional e espiritual arredor das músicas populares”. No Noroeste Estrella Galicia ofrecerán, simplemente, unha performance inesquecible.

TERRIER. Pop vitaminado e agridoce que combina a penumbra co technicolor

A Lili “La duquesa” (voz e órgano), Enrique Gutiérrez “Don Matías” (batería), David Iñurrieta “Dave Petrone” (guitarra e voz) e María Manolí (baixo e voz) gústalles bailar ao tolo e sorrir incorruptiblemente. As súas cancións liberan de angustias cotiás, converténdose en hits impactantes e revitalizadores. A súa historia é curta, pero intensa. Levan anos tocando na capital en diferentes bandas (dous compoñentes veñen do garage, un do heavy e outro do pop), pero é en 2012 cando gravan o seu primeiro EP. Chegan ao Noroeste Estrella Galicia co seu segundo longo debaixo do brazo, La Plaga. Entre as súas influencias: The Raveonettes, Broadcast, Os Mutantes, Beach Fossils, Girls Names, The Fresh And Onlys, Shannon And The Clams, Deerhunter ou The B-52’s; pero é a súa personalidade propia a que se impón. Evolí, Tus ojos son puñales, Déjate brillar, Aliento final, Gafas estrábicas ou Dos cabezas son algúns dos temas que non debes deixar escapar.

TÓRTEL. Folk, pop e psicodelia de ensoño

Tórtel é o nome propio do proxecto de cancións de Jorge Pérez. Os seus primeiros álbumes estiveron nas listas do mellor do ano e serviron para definilo como un gran compositor, capaz de mesturar con personalidade dende o folk de aires mediterráneos á psicodelia máis ensoñadora, pasando polo pop actual máis inquedo e explorador. Transparente, o seu novo traballo, chega ao escenario do Noroeste Estrella Galicia cargado de samples e trazos melódicos que culminan na cálida voz do valenciano. Unha fórmula sinxela que, aderezada con esa imaxinería tan poderosa das letras, converteuse no selo de calidade de este autor que non desiste no seu empeño de abrir camiño a cada paso que dá.

WILD HONEY. Pop soleado con ecos da costa oeste americana

Guitarras eléctricas e acústicas, sintes, baterías, pianos, arranxos de trompeta e fliscorno… e coros, moitos coros. Ritmos tropicais e emocións bisbeadas ao oído que te transportarán ao cine en technicolor dos 60 ou a unha poolparty con cócteles de cores e bañadores estampados con palmeiras. Melodías sinxelas, directas, pegadizas. Pop bonito de verán que se fai familiar dende o primeiro momento. Todo iso e moito máis ofrece Guillermo Farré, cantante, compositor, multi-instrumentalista e cerebro que se agocha detrás do alias Wild Honey, no seu terceiro traballo, Torres blancas, para o que contou con Sean O’Hagan (The High Llamas, Stereolab) e máis co xenio do lo-fi pop Frank Maston. Unha viaxe a unha era tinguida de rosa na que as harmonías vocais soan edificantes sobre melodías melancólicas.