Cia Campillo, The Riggos, Boyanka Kostova e Eager Platypus súmanse ao cartel do Noroeste tras gañar o XIX Concurso de Cuac FM

Cia Campillo, The Riggos, Boyanka Kostova e Eager Platypus súmanse ao cartel do Noroeste tras gañar o XIX Concurso de Cuac FM
26 Xuño, 2017 gestion

Os vigueses The Riggos súmanse ao cartel do 31º Noroeste Estrella Galicia despois de gañar o XIX Concurso de Bandas e Solistas organizado pola radio comunitaria Cuac FM. Un xurado composto por cinco profesionais do mundo da música valorou, entre outros aspectos, a calidade e a capacidade de innovación das distintas propostas, tanto a nivel tanto instrumental como lírico, e escolleu a proposta do grupo de punk guitarreiro, xunto coa banda de Cia Campillo, Small Field Band, o dúa de rap/trap de Compostela Boyanka Kostova e a banda de rock con influencias clásicas e actuais Eager Platypus. Todas ellas compartirán o mítico escenario da praia de Riazor con The Jesus And Mary Chain, Kaiser Chiefs e Surfin’ Bichos.

Completa o cartel da 31ª edición do Festival Noroeste Estrella Galicia unha variada selección de máis de 100 bandas e artistas, dentro da cal destacan nomes como Swans, Rodrigo Leao, Indomable, Jules & The Wolf, Cygne, Naranja Imaginario, Captains, The Allnight Workers, The Preachers, Luga, Helado Negro, Os Gru, Lisa & The Lips, Mielitza, Emilio José, The Soul Jacket, Harakiri, Isaac Peces, Proyecto Moucho, García MC, Quique Escamilla, Ricky Hombre Libre, Xoán Curial ou Eladio y los Seres Queridos.

AS BANDAS GAÑADORAS

Escoitar a Cia Campillo é descubrir a unha cantante e compositora comprometida coa súa obra. Tras ser a vocalista nunha banda de versións, esta cantautora decide sacar á luz as súas propias cancións, emprendendo así a súa carreira en solitario e recorrendo coa súa guitarra escenarios de pequenos bares. Despois dun tempo de procura interior, comeza a gravación do seu primeiro traballo discográfico, Calibrando (Rock CD, 2016), enmarcado dentro do estilo pop indie con algunha pincelada rockeira. Gravado en Bonham Studios, na Coruña, mostra unha cantautora renovada, con enerxía e forza nas súas cancións. Nesta nova etapa da súa carreira musical, Campillo combina a súa esencia e dozura en acústico coa alta intensidade da banda que a acompaña, The Small Field Band, composta polos galegos Óscar Quintáns, Jorge Quesada, Juan Folla e Anxo Seco.

Boyanka Kostova é unha banda de rap/trap de Santiago de Compostela. Despois de facer música xuntos en diferentes agrupacións, empezan a facer cancións en marzo de 2016. Dous meses despois publican a súa primeira maqueta con dúas cancións dispoñible para descarga gratuíta na rede e comezan a dar concertos. A finais de 2016 a banda pasa a formar parte do selo discográfico A Melona. En 2017 comezan a sacar temas que serán incluídos no primeiro longo do grupo que sairá a finais deste ano. A música de Boyanka é universal, baseada en ritmos hipnóticos e flow costumista.

Eager Platypus é unha banda de rock, con influencias clásicas e actuais, que nace a mediados de 2015. Todo empeza cando Pablo Fonteboa e Esteban Vázquez se xuntan para buscar un son propio. Pronto entran a formar parte o resto de compoñentes e o proxecto comeza a ter o son que ansiaban. Ao pouco tempo compoñen os seus dous primeiros temas, Stop trying e Not the estafe, que en novembro de 2015 pasarían a ser a banda sonora dunha curtametraxe en contra da violencia de xénero chamado Disfraces. Dentro do seu repertorio, ademais das súas propias creacións, pódese atopar un amplo abano de versións que van desde o rock clásico, como Led Zeppelin ou Janis Joplin, ata rock máis actual, como Foo Fighters, Pearl Jam ou Jack White. Actualmente, atópanse traballando no seu primeiro EP.

The Riggos fúndase en 2011, a cabalo entre Gondomar e Monforte, polos irmáns Bruno Elvis Costas (voz e guitarra), Yago Ray Costas (batería), Mike Vázquez (guitarra) e Martín Fernández (guitarra e baixo). Tras varias formacións, chegan á definitiva en 2016 coas incorporacións de Denis Carballás (guitarra) e Arturo Peixoto (baixo). O seu estilo esténdese desde o punk guitarreiro con influencias e o rock californiano dos anos 90 ata o blues dos anos 20. Actualmente, atópanse traballando no seu primeiro disco, que verá a luz en setembro de 2017.