Cuac FM abre o prazo para o seu XIX Concurso para bandas e solistas

Cuac FM abre o prazo para o seu XIX Concurso para bandas e solistas
24 Marzo, 2017 Quino

A emisora comunitaria da Coruña, Cuac FM 103.4, organiza a XIX edición do seu concurso para bandas e solistas de diversos estilos musicais, con excepción da música clásica. O principal obxectivo será o de fomentar a cultura musical na nosa contorna, dándolle un valor engadido á música local. O mesmo se rexerá polas seguintes bases:

  • Primeira.- Poderán participar neste concurso todos aqueles grupos musicais e/ou solistas residentes no Estado Español de calquera estilo musical, agás GRUPOS OU SOLISTAS que haxan editado dous ou máis LPs (considéranse LPs aqueles que teñen 9 ou máis cancións). Poden presentarse os que cumpran a condición anterior, incluídos os discos editados cun selo discográfico independente ou que teñan contrato cunha distribuidora.

IMPORTANTE: As bandas e solistas que teñan contrato deben indicar o nome do seu selo ou distribuidora no formulario de inscrición. No caso de non facelo serán descualificados.

  • Segunda.- Cada participante deberá cubrir o formulario de inscrición que se encontra na páxina web de CUAC FM: https://cuacfm.org/concurso-bandas/. Ademais, debe enviar dous cancións de composición propia en MP3 ou en formato físico (neste caso valoraranse os dous primeiros cortes salvo que se indiquen outras cancións no sobre) e haberán de facelo con data límite o día 26 de maio de 2017 ás 14 horas. O xurado escoita dous temas por banda sen coñecer a quen pertencen.

O envío dos dous mp3 realizarase a través dun enlace de descarga que se deberá inserir no formulario de inscrición na casilla correspondente. No caso de producirse algún problema coa descarga a organización contactará por email para solucionalo.

Sistemas suxeridos (aínda que valen outros): Google Drive, Dropbox, WeTransfer, MEGA, UploadMe, Bandcamp se é descarga gratuíta. Revisa que estean correctamente compartidos para evitar problemas de descarga.

A dirección para o envío de cds físicos é:

XIX Concurso de Bandas CUAC FM
CUAC FM, SAPE Pabellón de Estudiantes
Campus de Elviña
15071 A Coruña

NOTA: Para solucionar dúbidas podes escribir ao correo comunicacion@cuacfm.org. No caso de non obter resposta, o teléfono de contacto é 981 14 00 45 (Horario de oficina 10 a 14 e 17:30 20:30).

  • Terceira.- Os xurados do concurso serán elixidos pola emisora CUAC FM en número impar, cun mínimo de cinco compoñentes, sendo na súa maioría persoas externas á emisora. Estas serán elixidas pola súa traxectoria no mundo da música.
  • Cuarta.- O sistema de votación será decidido polos membros do xurado, baseándose sempre nun sistema equitativo e ratificado por persoal da organización do concurso pertencente a CUAC FM. Á hora de outorgar os votos teranse en conta factores que se consensuarán entre os membros do xurado, tales como a calidade e innovación da proposta musical a nivel tanto instrumental como lírico, entre outros.
  • Quinta.- PREMIOS. Esta XIX Edición conta de novo coa colaboración do Concello da Coruña co obxectivo de mellorar os premios e lograr una maior difusión do concurso de CUAC FM por segundo ano consecutivo. Outorgaranse premios a cinco bandas ou solistas en dúas fases:
    • 1ª Fase: PREMIOS EXCLUSIVOS PARA BANDAS GALLEGAS

Grazas á colaboración co Concello da Coruña, establécense 3 gañadores nesta XIX edición cuxo premio consistirá nunha actuación no Festival Noroeste Estrella Galicia, que se celebra entre o 8 e o 13 de agosto de 2017 na cidade da Coruña.

A organización do festival será a responsable de decidir os escenarios, día e hora na que participarán as bandas gañadoras, sempre de forma coordinada coa persoa responsable da banda para facilitar a súa participación no evento.

Serán seleccionadas as tres bandas ou solistas galegos que obteñan máis puntuación nas votacións do xurado.

Das tres, ao menos unha (pero poden ser máis) será obrigatoriamente da Coruña (para considerarse así ao menos a metade dos seus compoñentes deberán estar empadroados na cidade). O premio será para a banda local que obteña maior puntuación, sexa cal sexa a orde obtida na clasificación xeral das bandas ou solistas galegos. Esta banda que logre a mellor puntuación obterá o Premio á Mellor Banda Local, que será entregado nos momentos previos á actuación.

O premio económico será de 700 euros, sendo requisito imprescindible para obtelo actuar no Festival Noroeste Estrella Galicia 2017.

En caso de empate a puntos procederase tal como indica o punto sexto das presentes bases.

As outras dúas bandas galegas gañadoras recibirán unha remuneración de 600 euros por participar no festival.

A organización terá a potestade de contratar a máis bandas galegas (incluídas as bandas locais) que participen no concurso. Neste caso a negociación do caché será responsabilidade da organización do festival e a banda, sen ter CUAC FM intervención na citada negociación. Por tanto, participar neste concurso non exclúe a posibilidade de ser contratados pola organización do festival con anterioridade a coñecerse o veredicto do xurado.

Si se dera o caso de que unha banda gañadora xa estivera contratada para actuar no Festival Noroeste Estrella Galicia, deberá informar a CUAC FM desta situación e decidir se a actuación a realiza como gañadora do Concurso ou fora del.

Esta eventualidade non repercutirá no número de bandas galegas premiadas no Concurso de CUAC FM que participen no Festival Noroeste Estrella Galicia, que sempre será de tres. No caso de renunciar algunha das gañadoras, convocaríase ás seguintes por orde de puntuación obtida.

O listado de gañadores das dúas fases farase público como data límite o 20 de xuño de 2017. En función da puntuación designaranse bandas ou solistas finalistas suplentes aos que se lles comunicará esta clasificación por se xurdira algún problema cos gañadores (e non poden realizar a actuación) estean preavisados.

  • 2ª Fase: PREMIO BATALLA DE BANDAS

IMPORTANTE: As bandas ou solistas que obteñan premio na primeira fase non poderán ser seleccionadas nesta segunda.

Resultarán finalistas do concurso, con premio asegurado, os dous grupos que obteñan un maior número de puntos, sempre e cando participen no Concerto Final do Concurso de Bandas CUAC FM, que se celebrará o sábado 7 de outubro na Sala Mardi Gras da Coruña. No caso de non participar no concerto convocarase aos seguintes clasificados ata que dous confirmen a súa asistencia.

Cada grupo actuará 40 minutos. No repertorio se poden incluír un máximo de dúas versións.

O xurado determinará, unha vez finalizado o concurso, o primeiro e segundo premio, que serán de 800 euros e 600 euros, respectivamente. Estes postos decidiralos o xurado en función da actuación realizada, sendo a súa decisión inapelable. No caso de non asistir algún membro do xurado no momento de comezar o concerto, a organización designará un novo membro entre os presentes (con preferencia para persoas de CUAC FM) para que sempre sexa un número impar.

O fallo definitivo, unha vez celebrado o Concerto Final, comunicarase directamente aos interesados tras a actuación, ademais de difundirse nos diversos medios de comunicación e en CUAC FM.

Os dous finalistas faranse públicos o día posterior á finalización do Festival Noroeste Estrella Galicia.

  • Sexta.-No caso de producirse empates nas puntuacións en calquera das dúas fases, gañará quen obteña máis máximas puntuacións; e de continuar o empate, se procedería así cos seguintes niveles de puntuación ata lograr un desempate.
  • Sétima.- As bandas xa premiadas nas últimas 4 edicións, do anteriormente chamado concurso de maquetas, non poderán participar en ningún apartado do concurso.

Oitava.- A participación neste concurso implica a aceptación tácita da totalidade das súas bases. As cancións enviadas serán radiadas en CUAC FM, a través do 103.4 de FM para A Coruña e arredores, e por internet a través de https://cuacfm.org. As bandas e solistas autorizan a emisión na citada emisora dos temas enviados.