Doce bandas levarán os sons rock, metal, hardcore e punk ao Campo da Leña

Doce bandas levarán os sons rock, metal, hardcore e punk ao Campo da Leña
6 Abril, 2017 Quino

Durante o 31º Festival Noroeste Estrella Galicia, que se celebrará do 8 ao 13 de agosto en máis de 15 escenarios espallados pola Coruña, o Campo da Leña converterase no escaparate do rock máis extremo e contracultural da península. Tras a boa acollida que tivo o ano pasado entre o público do festival, a organización do Noroeste Estrella Galicia volve apostar pola colaboración coa asociación cultural Nave 1839 para artellar unha selección dunha ducia de bandas que “coa mirada lonxe das listas de vendas, queren facer algo diferente, explorar”.

Grupos que, nalgúns casos, levan máis dunha década curtíndose nos escenarios da Península e máis alá, fieis a si mesmos e alleos ás tendencias que veñen e van, como os galegos Hongo, Window Pane, Samesugas ou os estatais Adrift e No More Lies. Outras bandas, como Wild Animals, Mourn ou os ferroláns Klüte representan o relevo, unha nova fornada de bandas que elixen definir o seu propio rumbo. Completan o programa tres bandas galegas noveles vinculadas dun modo ou doutro a colectivos de autoxestión. Todas elas converterán durante tres días o Campo da Leña da Coruña no punto de encontro de persoas e colectivos que se sitúan fora das canles establecidas para a produción e a distribución musical. 

As bandas, una a unha

Con referentes en bandas como Neurosis, Isis, Sunn o))), Kyuss, The Melvins, Black Sabbath, Sonic Youth, King Crimson, os Adrift acercan ao cartel do Noroeste Estrella Galicia sons tan diversos como o sluge, o doom e o rock progresivo ou experimental. A consigna é intentar saír sempre do establecido, sen presa, deixando que as cousas tomen forma mentres se gozan. A banda formouse no sur de Madrid a finais de 1999 e, pouco a pouco, foise facendo un nome dentro da escena alternativa nacional e internacional. Os seus compoñentes son Jaime García (batería), Daniel Chavero (baixo), Jorge García (guitarra e voz) e David López (guitarra). Músicos activos que adoitan ter proxectos paralelos, como El Páramo, Sonnöv, Toundra ou Exquirla. En palabras de Mondo Sonoro: “Máis dunha década levan Adrift sendo o gran secreto a voces do metal nacional”.

Quince anos de traballo ininterrompido avalan a traxectoria de Hongo, un dos grupos de referencia estatal do crust-punk. Sons tétricos e potentes á vez que melódicos, crean en cada un dos seus discos e dos seus concertos, unha atmosfera escura e épica, envolta nun son e nunha composición tremendamente persoais. Hongo son David (voces e guitarra), Iván (batería), Villa (baixo) e Ernesto (guitarra). Todos eles sentiron a necesidade, en 2002, de ampliar a súa experiencia en proxectos como Madame Germen, Nashgul, Ictus ou Black Panda e mergullarse en novas aventuras musicais. Estes catro músicos incansables levaron a súa inclasificable mestura de sludge, punk, crust, metal e black melódico, por grande parte de Europa. Con cinco discos ás súas costas, xiraron en seis ocasións polo continente europeo, cinco por España, dúas por Portugal e actuaron en centos de festivais nacionais e internacionais. Agora, na Coruña, a súa cidade, levarán o Campo da Leña a outra dimensión.

Os Klüte chegan desde Ferrol para animar ao baile cunha potente descarga de power-pop e punk-rock. O trío engancha dende os primeiros segundos coa súa potencia e brillo sobre o escenario. Car (guitarra e voz), Jai (baixo e coros), e Juli (batería e coros) ofrecen unha mestura de melodía, magníficos riffs que animan a bailar, intensas liñas de baixo, estribillos pegadizos e moito sentimento. Con influencias, conscientes ou inconscientes, de Hüsker Dü, Jawbreaker, The Replacements ou Nada Surf, publican o seu primeiro EP Summer Hits to Sing Along (CGTH Records) e xa veñen presentando o segundo, Loser, que editan de maneira conxunta Monasterio De Cultura, Sello Bramante e CGTH R’n’R Party, gravado en Estudios Montealto e masterizado en North London Bomb Factory Mastering. Estes ferroláns son unha ráfaga de aire fresco, poderoso, desordenado e divertido. Imprescindibles.

Ritmos rápidos e letras críticas a ritmo do punk rock que nos retrotraen a mediados dos anos 90 son a tarxeta de presentación de Less Fortunate Songs. Este cuarteto coruñés formado en 2011, pero cun amplo historial en bandas punk – hardcore da cidade (Zombie Riot, Mala Sangre, Rosvelt, Wolves are coming, etcétera) comezou facendo covers de bandas ás que admiraba para terminar pouco despois compartindo escenario con grandes grupos como Mute, Mad Caddies ou Burning Heads. Tal e como eles mesmos rezan, o que fai Less Fortunate Songs é “punk vitamínico con pinceladas de hardcore dos 90″. As súas letras sociais, comprometidas e persoais, acompañadas duns ritmos veloces e pegadizos, oriéntanse cara a vella escola do punk-hardcore que soaba nos xa esquecidos Walkman, seguindo a estela de bandas melódicas como Pennywise ou Bad Religion. Uns guerreiros do punk enerxético e positivo da escena underground da Coruña que, sen dúbida, sorprenderán este Noroeste Estrella Galicia.

Alén e Adán son Lamprea Explosiva, dous vigueses que se definen como “dous namorados da vida e do ruído aos que lles gusta patinar, comer espinacas e correr entre os fentos”. Unha descrición que fai presaxiar o seu sentido do humor, que reflicten sen pudor en cada un dos seus microtemas de punk primitivo. Desde os seus inicios, e como recollen nos seus dous primeiros EPs e no seu disco Juramento, beben de fontes como Los Ramones, Wipers ou Siniestro Total, que inspiran o seu son garage, sucio e divertido. Ruidismo gamberro a base de distorsión de guitarra e incisivas baterías que dan paso a letras surrealistas en forma de pequenas píldoras de hardcore hilarante.

Barcelona, 2014. Catro mozos de entre 15 e 18 anos irrompen no mundo indie cun disco debut homónimo: Mourn. Os seus primeiros temas, inspirados en Archers Of Loaf e Sleater-Kinney, gustaron tanto que non tardaron en publicar un álbum. A autenticidade e frescura do repertorio trascende fronteiras, e o selo norteamericano Captured Tracks (DIIV, Mac Demarco) recoñece o talento destes rapaces, que xa compaxinan estudos e concertos internacionais. Despois dunha tempada encerrados no local, temos por fin a oportunidade de escoitar os temas de Ha, ha, he en directo. O público do Noroeste Estrella Galicia será partícipe da solvencia de Antonio á batería, a maxia impredicible de Leia ao baixo e o perfecto dobre ataque vocal e guitarreiro de Jazz e Carla que, en aparente simplicidade, converten o aspecto pop inicial en rock virulento enriquecido con arranxos e estruturas hipnóticas que atrapan. Os risos están asegurados.

Hardcore real, sen artificios, é o que ofrecen no escenario No More Lies, banda xurdida a mediados dos 90’s en Sant Feliu de Guíxols, entón berce estatal deste estilo musical. Formada por Santi García (voz e guitarra), Roger Ortega (batería) e Màxim Triviños (baixo), No More Lies deixou mostras dunha progresiva evolución polas canles do hardcore máis poderoso e emocional a través da súa escasa pero soberana discografía. Tan intensos como pouco prolíficos (catro discos en 20 anos), os xerundenses convertéronse en moito máis que un grupo de post-hardcore, sendo considerado como “o mellor grupo de punk-rock que deu a nosa xeografía”. As súas contundentes melodías e os seus sons densos e psicóticos, situáronos entre as bandas máis respectadas e admiradas da escena punk-hardcore estatal.

Romance é una banda de punk rock formada na Coruña a finais de 2015, tras a repentina disolución de Perpetuo Socorro. Sara (voz e sintetizador), Emilio (guitarra) e Analís (batería e voces) continúan quedando para ensaiar e compoñer novas cancións. Poucos meses despois, incorpórase Alberto ao baixo e consolidase o cuarteto. A primeira maqueta grávase en novembro do ano pasado por Zippo (TAB), e en 2017 comezan a debutar en directo. Á voz aguda e afiada de Sara e á contundencia de Analís únense a rítmica frenética de Emilio e a solidez de Alberto, transmitindo coas súas letras toda a actitude punk no escenario.

Salmiak fai referencia a un doce nórdico de cor escuro e sabor desagradable. Características que a banda quere replicar cos seus sons. Arroupados por ritmos machacóns, graves montañosos e cacofonías estridentes, este grupo coruñés conta con influencias tales como Godflesh, Swans e Esplendor Geométrico, así como todo o industrial e o noise en xeral. Encántalles improvisar sobre as súas bases, polo que os temas nunca volven soar igual. Quizais é por iso polo que aínda non atoparás nada seu na rede. Entre as súas mensaxes, unha importante dirixida ao público: “se tes os oídos sensibles é recomendable que non esquezas os tapóns”.

Samesugas, 18 anos dando guerra co garage, punk e rock’n’roll. Desde aquel verán de 1999 no que se formou a banda en Compostela teñen percorrido toda a xeografía galega e acumulan múltiples xiras en Portugal, Euskadi e o resto da Península Ibérica. Criados no hardcore underground dos anos 90, mantéñense alleos a modas e poses con letras en galego e en inglés. Alex á batería, Ramón á guitarra, Alberte como baixo e voz e Joaquín á voz e á guitarra, editaron tres traballos longos en solitario: Machine in your brain, Alá vai e They are out there, ademais de participar en diferentes iniciativas, como Manifesto Dobarrista: Un Disco Tributo a Andrés do Barro (Falcatruada, 2007), disco homenaxe a Andrés do Barro onde se reuniu o mellor da escena independente galega, e o Split, con The Homens versionándose mutuamente.

En menos de tres anos, Wild Animals converteuse nunha das bandas máis internacionais do panorama underground madrileño. O grupo, formado desde 2014 por Paula (batería e voces), Fon (baixo) e Jamie (guitarra e voces), marca o seu son nunha clara influencia do indie e o punk dos 90’s , cun característico son de guitarra con fuzz, voces melódicas e enerxéticas bases rítmicas que hipnotizan en cada directo. Aterran na Coruña co seu LP de debut baixo o brazo, Basements: Music to fight hypocrisy, un traballo que abandeira o movemento DIY e que homenaxea os sotos “onde hai tantos anos que pasan cousas”. Despois, tras completar a súa terceira xira por Europa neste 2017, Wild Animals cruzará por primeira vez o charco para realizar cinco concertos en Xapón.

Con nada menos que 20 anos coa mesma formación, os ferroláns Window Pane: Lorena (batería, voz), Mito (guitarra), Chechu (baixo, voz) e Willi (guitarra, voz) presentan 4, un dobre vinilo autoeditado este 2017. Nel atopamos cortes realmente eclécticos que van dende os once viscerais minutos de Fireblood á acústica Secrets, evitando sempre o predicible e deixando fluír a creatividade. Os catro integrantes da banda encárganse da composición, de aí a variedade estilística que os enriquece. Entre os seus gustos: Led Zeppelin Physical Graffiti, The Beatles White Album, Hüsker Dü Zen Arcade, Pink Floyd The Wall, The Clash London Calling, Can Tago Mago, Stevie Wonder Songs In The Key of Life. Deixando atrás o efémero da moda, un grupo honesto como Window Pane chega con ganas ao escenario do Noroeste Estrella Galicia. Intensidade, emotividade, melodía e ritmo están asegurados.