O Festival

Coñece máis sobre o festival

O Festival Noroeste

A piques de acadar a trintena, o Festival Noroeste (tradicionalmente coñecido como Noroeste Pop Rock) consolidouse coma unha das citas musicais de pop rock más imprescindibles do verán no norte peninsular. Por el pasaron bandas e artistas de referencia do panorama estatal e internacional (The Hives, Suede, Mika, Nacha Pop, Leiva, Xoel López ou Love of Lesbian foron algún dos seus ilustres invitados nos últimos anos), con actuacións aderezadas por sons emerxentes de interesantes grupos locais.

Os sinais de identidade do Festival Noroeste pasan por oferecer un atractivo programa de concertos de balde ao ar libre, que cada ano reúnen a máis de 50.000 persoas na praia de Riazor, onde se sitúa o seu escenario principal. Fiel ao seu empeño de que na Coruña soe a mellor música do momento, en 2015 o Festival Noroeste celebra a súa 29 edición do luns 3 ao venres 7 de agosto. Este ano, a cita musical coruñesa aumenta o número de días de dous a cinco e conta cunha versión “expandida”, para sumar ás súas xa tradicionais actuacións de balde na praia outras intervencións artísticas en localizacións non convencionais da cidade.

O xoves 6 e o venres 7 de agosto, o areal de Riazor vestirase do mellor son indie para acoller os pratos fortes desta 29 edición do Festival Noroeste. Eles son Sidonie, Los Planetas, León Benavente e Mando Diao. Pola súa parte, a nova versión do festival, o Noroeste Expandido, verase os días 3, 4 e 5 na explanada do Castelo de San Antón, a Praza de San Nicolás e a Praza das Bárbaras.

O ano 2015 supón, ademais, un cambio significativo na identidade do festival, cunha filosofía que queda recollida no seguinte manifesto:

© Sandra G. Rey

#recuperamosonorte

O Festival Noroeste comezou como unha aposta por dinamizar musicalmente as festas, coa participación de bandas locais e grandes artistas consagrados. Cos anos, perdeu o seu lustre, transformándose nunha cita sen liña definida, onde tiñan cabida case todos os artistas do mercado e na que se permitiron actuacións que non respondían a un traballo de marca, chegando incluso a sobredimensionar as bandas e crearlles certa frustración.

No 2015 o Festival Noroeste RECUPERA O NORTE cunha programación participada, da que forman parte os programadores habituais da cidade, que manteñen a actividade cultural todo o ano. Deste modo logrouse marcar unha liña de actuación clara: buscando a calidade e achegándoa a un orzamento realista e eficaz, apostando pola diversificación de escenarios para permitir a cabida de bandas pequenas, medianas e grandes, introducindo o festival dentro da propia cidade para programar dentro dela e non á súa marxe, facilitando unha programación escalada que fomente a circulación de público entre escenarios e creando unha marca forte que chegue a convertirse nun atractivo turístico.

En 2015, #recuperamosonorte co Festival Noroeste!


Escoita a playlist Noroeste 2015

 

Información práctica

Consulta todo sobre a cidade da Coruña, como desprazarte, os seus aloxamentos e a súa gastronomía, na páxina web oficial www.coruna.es/turismo.

Organiza

Selección de cartaces de pasadas edicións do festival