Enric Montefusco, Pantis, Prexton, Radio Océano e Travesti Afgano, únense ao cartel do Noroeste Estrella Galicia

Enric Montefusco, Pantis, Prexton, Radio Océano e Travesti Afgano, únense ao cartel do Noroeste Estrella Galicia
25 Abril, 2017 Quino

Cinco grandes artistas súmanse ao cartel do festival Noroeste Estrella Galicia. O emocionante retrato cultural e social da clase traballadora de Enric Montefusco; o kraut, pop, poesía, intimismo e beleza electrónica de Pantis; o persoalísimo pop-folk de autor do cacereño Prexton; a forza de Radio Océano, históricos pioneiros do punk galego; e o surf, post-punk, pop-noise; e a psicodelia máis libre de Travesti Afgano, levarán as Bárbaras a outra dimensión.

Enric Montefusco: Emocionante retrato cultural e social da clase traballadora

O proxecto persoal do fundador, compositor e vocalista de Standstill é unha aposta fiel á súa concepción catárquica do rock en resposta á necesidade de expresión política e social desde a intimidade persoal. Enric Montefusco avanza na súa carreira musical e literaria coa súa achega máis autoral, que da saída á súa incomodidade ante o recoñecible, a súa vontade de retratar á clase traballadora cunha linguaxe propia, multidisciplinar e emocionante.

Trae ao Noroeste Estrella Galicia o seu traballo debut, Meridiana, once cancións intensas con ecos diversos: a chanson francesa, o folclore mediterráneo, as palmas flamencas, o coqueteo co ritual percusivo da apabullante Adiós e, en definitiva, a asunción das propias raíces que culmina en El riu de l’oblit, o primeiro tema en catalán da súa traxectoria. Estará acompañado no escenario por Pere Jou (teclados e acordeón), Jaime del Blanco (violín e tuba) e Ramon Rabinad (batería e percusión).

Pantis: Kraut, pop, poesía, intimismo e beleza electrónica

Pantis é o proxecto en solitario de Rubén Domínguez, que formou parte de bandas tan imprescindibles na nova escena musical galega como Metralletas Lecheras, Telephones Rouges ou, máis recentemente, Chicharrón. Tras un período de experimentación e liberdade artística no que Rubén foi explorando novos camiños eléctricos, en 2016 publica Pranto, un traballo sobresaínte que conxuga electrónica, kraut, pop, poesía, intimismo e beleza.

Pantis chega ao Noroeste Estrella Galicia cunha selección de temas armados a base de sintetizadores, ritmos frenéticos e letras en galego, cos que percorre “espazos pechados e minúsculos, nos que as reminiscencias ao pasado, a erosión do tempo, o amor e as perdas persoais e vitais, conforman un mosaico de “non-lugares” nos que Pantis se mergulle con versos cargados de fortes imaxes, descricións oníricas e paisaxes interiores”.

Prexton: Pop-folk de autor con personalidade propia

Prexton é Eduardo Casero, un mozo guitarrista e cantautor cacereño que vive a cabalo entre a súa cidade natal e Galicia e que, tras pasar por diferentes bandas de moi distintos estilos como o folk, o hip hop ou o ska, decide en 2013 emprender a súa carreira en solitario con total liberdade creativa. Orienta esta nova etapa ao pop-folk de autor, que lle sitúa nos pódiums de certames musicais tales como o Santiautor ou o festival MúsicaXove en 2015.

A principios de 2016 Prexton firma polo selo independente Moucho Records e, en outubro do mesmo ano, lanza o seu su primeiro disco de estudo “42”, producido e gravado nos Drum&Roll Studios da Coruña. Desde entón son moitos xa os que se renderon ás virtudes das súas composicións, así que atentos, porque pode ser un dos proxectos  pop-folk do ano.

Radio Océano: Históricos pioneiros do punk galego

Pioneiros do punk patrio, os Radio Océano fundaron nos 80 a escena do rock galego á que máis tarde se sumaron grupos tan míticos como Siniestro Total ou Os Resentidos. A banda capitaneada polo xornalista Xosé Manuel Pereiro (aka Johnny Rotring, parodiando a Johnny Rotten) conta entre as súas referencias con pesos pesados como U2, Ramones, Velvet, B52, Neil Young, Pistols ou os Clash. As súas primeiras maquetas foron moi apreciadas e en 1986 conseguiron gravar o seu único disco, Nin falta que fai, grazas ao concurso de RNE para grupos noveles. No seu pico de máxima popularidade o seu tema Esto no es Hawaii foi sintonía do programa de Jesús Ordovás en Radio3 e permitíronse rexeitar representar a España en Eurovisión, fieis á súa filosofía punk. Disolvéronse en 1987.

Forman Radio Océano Xosé Manuel Pereiro (voz), Santiago Romero (guitarra), Quique (baixo) e Pablo Iglesias (batería) a partir da banda División Atlántica. Ao longo da súa traxectoria formaron parte da banda diferentes integrantes: Sito Evangelista (batería), Dani Punta (batería), Pablo Constenla (baixo), Jorge Fernández (guitarra) e Santi Pazos (baixo). Este ano cúmprense trinta anos da súa despedida e o celebrarán no Noroeste Estrella Galicia ofrecendo de novo en directo temas tan coñecidos e potentes como Narcisismo (con letra do poeta Lois Pereiro), Terra Cha ou Como o vento. Historia viva da música deste país.

Travesti Afgano: Surf, postpunk, pop-noise e a psicodelia máis libre

Formados en 2012 da unión dos grupos míticos da escena galega, Lobishome e Metralletas Lecheras, os Travesti Afgano defínense como “unha célula da Yihad musical underground galega, formada por catro muyahidines da sexualidade e o amor libre”. Son Rafa Anido (guitarra, teclado e voz), Marcos Martínez (baixo), Luismi González (guitarra e voz) e Camilo Fraga (batería), e xuntos camiñan a contracorrente, vinculados a todo o mundo e indo por libre por decisión propia.

Chegan ao Noroeste Estrella Galicia co seu segundo LP debaixo do brazo: Nos vale madre, o seu traballo máis introspectivo. Nel desmárcanse un pouco incluso de si mesmos, máis experimentais, con voces agresivas e melódicas, guitarras grosas e escacharradas e suntuosas baterías que cobran protagonismo.