Entrevista a Fernando Alfaro: “Surfin’ Bichos acaba aquí, esta xira é unha celebración, pero por moi xitana que sexa unha voda ao final ten que rematar”

Entrevista a Fernando Alfaro: “Surfin’ Bichos acaba aquí, esta xira é unha celebración, pero por moi xitana que sexa unha voda ao final ten que rematar”
28 Xullo, 2017 gestion

Nin a súa actual xira nin o seu concerto no Festival Noroeste Estrella Galicia volverán repetirse xamáis. Será coma o mellor dos sonos na mente dos afortunados que teñan a sorte de asistir á súa posta en escena. Surfin’ Bichos, o elo máis que atopado entre aquela xeración de pop español dos 80 e os indies recentemente chegados a principios dos 90, encóntranse conmemorando o 25º aniversario de Hermanos carnales (1995), o disco fetiche da súa discografía que están a levar por completo ao directo. Un exercicio conceptual e riguroso que todo ten de experiencia creativa e nada de nostálxico. O seu líder, Fernando Alfaro, ponnos en contexto mentres que se prepara para dar no Noroeste un dos poucos e exclusivos bolos do tour, o venres 11 de agosto na praia de Riazor. Un gustoso capricho dun dos grupos máis importantes da historia da música independente española.

Quen é os responsable de que Surfin’ Bichos estea celebrando o 25º aniversario de Hermanos carnales con esta xira tan especial?
Pois a verdade é que esta vez foi ‘culpa’ nosa. Cando nos reunimos en 2006 si que foi por mor da proposta que fixo  o noso manager, pero no caso desta xira especial todo partiu de nós.

Como se mantivo a relación cos vosos seguidores todos estes anos?
Unha alta porcentaxe dos seguidores de Surfin’ Bichos descubríronnos bastante tempo despois do que foi esa primeira vida do grupo. Tanto na xira do 2006 -onde a afluencia de público foi maior que na primeira etapa como grupo activo, ata o ano 94- como nos anos posteriores. É un pouco o que pasaba, salvando as distancias, coa Velvet Underground, que tivo moitos fans que a coñeceron despois. Aínda así, si que hai tamén moitos que nos seguen desde o principio. É como unha especie de “adicción”.

Fostes valentes seguindo a vosa propia maneira de facer as cousas nos 90’s, cando che miraban raro se cantabas en castelán. Como lembrades esa época?
Nós realmente fomos previos a toda a explosión indie, cando xurdiu un pouco esa escena. No ano 1992, Surfin’ Bichos xa íba polo seu terceiro disco, precisamente Hermanos Carnales. Oímos por aí o apelativo de “pais do indie”, que nos fai moita graza, coma se fósemos o Julio Iglesias do indie, o pai de todos, pero nunca pensamos neses termos. En calquera caso, sempre fomos  á nosa bóla, eramos como un tolo solto pola rúa e continúa sendo así (risas).

Esta xira é un tour conmemorativo de Hermanos Carnales. Confesa, canto facía que non escoitabades o disco? Como foi ese reencontro co álbum?
Eu os meus discos óioos o xusto e imprescindible. Normalmente escóitoo moito cando o acabo de gravar, para asumilo. De feito, cando rescato cancións antigas, que o fago moito nos meus concertos en solitario, non escoito a canción orixinal senón que a tento lembrar de memoria. É un pouco como o soño desa canción. E só recorro á gravación cando se trata dun acorde moi estraño ou teño algunha dúbida concreta sobre unha letra. No caso de Hermanos Carnales á xente gústalle moito o son das reedicións que fixo Sony este ano, pero eu resístome a escoitalo. Soa moi ao que era o disco naquel momento. Era o son que nós queriamos, a época do Nevermind, de Nirvana. Salvando as distancias novamente, tamén queriamos un son tenso, brillante, algo que sacase toda esa escuridade e eses sentimentos mesturados para que chegase á xente.

Cal é a vosa opinión sobre as regravacións de discos e cancións antigas que fan algúns artistas, cando non quedaron contentos co disco ou por propia curiosidade? Pensades que é unha especie de deber creativo ou que é mellor ser consecuente co que fixeches no seu día e non mirar demasiado cara atrás?
As motivacións para gravar un disco, xa sexa de cancións novas ou sexa regravar cancións coas que non quedaches contento, ou facer un disco de versións, paréceme perfecto. Como gravar cancións propias desde novas perspectivas -vénme á cabeza Johnny Cash, por exemplo-,  non só paréceme coherente e aceptable, senón que creo que creativamente resulta ademais moi interesante.

É esta unha xira rigorosamente conceptual ou facedes concesións?
Si, é plenamente conceptual. É moi esixente porque tocamos o disco enteiro de Hermanos Carnales, e nunca antes pasara. Mesmo hai cancións que non tocabamos nunca en directo no seu día, porque tiñamos repertorio doutros discos e porque ao final terminabamos escollendo as cancións que funcionan mellor en directo. E parece que poden ser aquelas que sexan máis movidas, porque un concerto pídeche botar, pero non sempre é así. Moitas veces, as cancións máis íntimas ou profundas son as que mellor funcionan en directo porque alteran a traxectoria emocional do concerto, o chamado efecto montaña rusa. Precisamente nesta xira o reto, e o que prometemos, é iso, tocar as 15 cancións do disco. Nada máis. E por iso é tan especial. Porque non se vai a repetir xamais.

Hermanos carnales vendeu 10.000 copias, nada suficiente para as compañías, pero aquí estamos, 25 anos despois falando del e celebrándoo como un disco imprescindible da música española. Que lectura facedes diso?
Agora estase empezando, aínda que sexa en ámbitos minoritarios, a rescatar xemas ocultas na discografía dos artistas españois de décadas pasadas. Non xa de grupos coñecidos como Los Brincos, aos que coñecemos e apreciamos, senón de artistas ocultos que non tiveron esa repercusión na súa época.

Por último, quizá a pregunta que vos estea a facer todo o mundo: Surfin’ Bichos acaba aquí, con esta xira?
Non son de pechar portas, pero neste caso, eu atrévome a dicir que si. Esta xira trátase dunha celebración, duns aniversarios ou unha voda, que por moi xitana que sexa ao final ten que rematar. Logo seguiremos sendo irmáns carnais e amigos, pero cada un seguirá cos proxectos que ten entre mans, porque todos temos actividade á marxe de Surfin’ Bichos. Estamos a rexistrar internamente o material dos concertos, pero non sabemos que parará con el. O tempo dirá.