ENTREVISTA A KAISER CHIEFS: ‘Cremos que os nosos maiores fans gozaron véndonos tentar facer un son diferente’

ENTREVISTA A KAISER CHIEFS: ‘Cremos que os nosos maiores fans gozaron véndonos tentar facer un son diferente’
10 Agosto, 2017 gestion

Foron unha das grandes sensacións da nova fornada británica a principio dos 00s. Kaiser Chiefs triunfaron co seu primeiro disco, Employement (2005), atraendo a gran cantidade de seguidores dentro e fóra de Inglaterra. Unha traxectoria que lles levou ata o seu sexto disco, Stay Together (2016) e un novo son que non está rifado cos Kaiser Chiefs de sempre, debedores da New Wave. De feito, avisan, o seu próximo disco volverá ás orixes da banda. Ambas as facetas mostraranas no Festival Noroeste Estrella Galicia o vindeiro venres 11 de agosto na praia de Riazor.

Hai xa uns meses desde a publicación do voso último disco, Stay Together. Que balance facedes ata agora?

Parece que foi hai moito tempo. O mundo da música vai moi rápido na actualidade. Facer o álbum foi unha experiencia diferente e realmente pensamos que contén boas cancións. E os singles, especialmente Hole In My Soul, soan estupendos en directo así que estamos felices.

Precisamente Hole In My Soul é a sintonía do vídeo oficial do Festival Noroeste Estrela Galicia.

É marabilloso. Estamos moi agradecidos ao festival.

Como recibiron os vosos fans o cambio de estilo, máis próximo ao pop electónico? E como foi o cambio interno da banda?

É importante para nós ter un reto se non, non teriamos álbum novo. Atopar algo novo que manteña o noso entusiasmo por facer música. No último caso foi traballar con xente completamente diferente. Ao principio foi un shock para unhas poucas persoas, o cal cremos que é bo. Pero cremos que os nosos maiores fans gozaron véndonos tentar facer un son diferente. Sen ningún motivo especial e sen que teña que ver con iso, creo que o noso seguinte traballo será un disco máis tradicional na liña de Kaiser Chiefs.

Como cambioun a vosa maneira de ver e facer música cos anos?

Obviamente viaxamos moito así que escoitamos moitos tipos de música en todo este tempo, o que definitivamente tivo unha influencia na nosa música. Os dous primeiros álbums teñen fortes ecos da New Wave. The Clash e a sucesión de bandas británicas que viñeron antes que nós. Despois, no terceiro álbum, miramos cara a Nova York. Tom Tom Club, Talking Heads e toda esa escena. Dos nosos dous últimos discos, un foi definitivamente unha volta aos nosos parámetros básicos, e o máis recente, como xa falamos, ten un sentimento moito máis pop. Agora é tempo de empezar co seguinte.

Creedes que mantedes dentro do grupo un estilo británico, musicalmente falando?

Cremos que celebramos ese espírito ás veces, o disco Employment en particular ten ese son. Fomos a Atlanta para gravar o quinto disco e escribimos varias cancións alí, pero terminou soando britránico. Supoño que é simplemente o que somos.

Teredes ocasión de quedarvos en Coruña para coñecer a zona?

Se somos sinceros, non temos moito tempo para explorar os lugares aos que imos. Esta vez temos concerto ao día seguinte en Escocia… pero estamos a desexar que chegue a noite do festival.

Que poderemos ver na vosa actuación no Festival Noroeste Estrela Galicia? Que expectativas tedes?

O público en España é sempre estupendo. En canto aos directos, non nos gusta planealos demasiado. Estamos listos e desexando ver o lugar onde imos tocar -a praia de Riazor- para sentir o ambiente e ofrecer un gran concerto.