ENTREVISTA A LOS MAMBO JAMBO: “Tocamos cada concerto coma se fose o último das nosas vidas, non nos gardamos nada”

ENTREVISTA A LOS MAMBO JAMBO: “Tocamos cada concerto coma se fose o último das nosas vidas, non nos gardamos nada”
1 Agosto, 2017 gestion

O seu promete ser un dos concertos máis bailongos de todo o Festival Noroeste Estrella Galicia. Los Mambo Jambo levan case oito anos mostrando a súa querenza pola mestizaxe e estilos coma o swing, o rock and roll e o rhythm and blues, entre outros. O seu cuarto álbum, Jambology (2016), supuxo ademais o asentamento dun son vintage pero propio e actual ao mesmo tempo. 100% Mambo Jambo. 100% diversión e cultura musical. No Festival Noroeste Estrella Galicia estarán a dar fe de todo iso o xoves 10 de agosto na praza de San Nicolás.

No Festival Noroeste Estrella Galicia esperamos ansiosos o voso concerto, cal é o obxectivo do directo de Los Mambo Jambo? Como foi cambiando nestes anos?

Desde os inicios da banda démonos conta que o directo era o noso activo máis potente. Supoño que inflúe un tema de química entre os membros da banda que fai que nos realimentemos enerxéticamente. O obxectivo? comunicarnos co público e gozar xuntos a experiéncia única que é un concerto de rock & roll. Cos anos fomos perfeccionando. Creo que nalgún período pecamos un pouco de enerxía sen control. Houbo bolos que nos desbordaba, e démonos conta que o que máis nos gusta é a enerxía con precisión. Creo que agora temos un bo equilibrio.

Cal é a vosa relación co son vintage á hora de facer música hoxe en día, pero ao mesmo tempo mantendo a vosa filosofía de vida?

Nunca estivo nos nosos plans facer revival ou aferrarnos ao pasado. As nosas influencias son moi variadas, pero o que máis nos marcou como músicos é o rhythm & blues e rock & roll dos 50. Sempre dixemos que o que queremos é tomar toda esa enerxía e traela aos nosos tempos. No caso do saxo está claro, desde finais dos 40 ata finais dos 60 o saxo de r&r, r&b e o soul teñen o seu máximo explendor. Os saxofonistas desas décadas marcaron a historia da música. Doutra banda, tanto Iván como Anton teñen unha influencia “jazzística” moi forte. Iso dálles unha riqueza e un swing á hora de interpretar rock&roll instrumental. E Dani Baraldes ten unha formación entre “bluesera” e “roquera” que liga moito coa filosofía “jambofónica”.

Precisamente, ata onde levades esa filosofía tan marcada na vosa música?

Creo que máis que filosofía aferrámonos á música. O que facemos é ser o máis xenerosos posible nas actuacións. Non gardarnos nada no peto e tocar en cada concerto coma se fose o último das nosas vidas. En canto á gravación de Jambology houbo un antes e un despois. Foi o traballo no que investimos máis tempo; tanto na preprodución como na composición.

Despois dun ano no mercado, como vistes evolucionar Jambology, o voso último álbum? Estades listos para o próximo traballo?

Hai un ano e pouco da saída de Jambology e xa desde hai meses imos incluíndo temas novos ao repertorio, versións, etc. Trátase de non parar e ir facendo camiño. Editamos o single El Hombre y la Tierra hai uns meses e deica pouco editaremos outro 7” con tres temas que quedaron fóra de Jambology. Estamos a falar de gravar nalgúns meses.

Jairo Zavala foi o produtor. Algúns quizais non coñecían esta faceta del. Que buscabades nel?

Unha visión con perspectiva. Unha mirada distinta á que temos nós sobre como ten que soar o noso material. Achegounos moito e axudounos a crear un espazo sonoro moi rico.

Que creedes que outorga e que resta o feito de compoñer e interpretar música xenuinamente instrumental no voso caso?

Desde os inicios foi así e tiñamos claro que queriamos iso. Todo ten un prezo: sabemos que ao ser instrumentais temos un teito de público. Doutra banda a nosa linguaxe é universal e alá onde imos enténdennos. Doutra banda, que sentido tería para nós estar na franxa do pop-rock?

Creedes que grazas a todos os paus musicais que tocades, con tantas referencias ás vosas costas, ampliades tamén a cultura musical das persoas que vos seguen? 

Oxalá por mor de escoitarnos a nós haxa xente que profunde no r&b ou no r&r instrumental e descubra a xente. Bo, de feito, xa pasou. Despois dalgún concerto veunos xente dicindo: “Descubrín que faciades un tema de Red Prysock. Ese tío é brutal!!! Cousas así axuda a seguir unha tradición de r&r.

Puidestes botar unha ollada ao cartel do Festival Noroeste Estrella Galicia? Cales serían as vosas recomendacións?

Coincidimos con The Soul Jacket e gustáronnos moito en directo. Los Bengala, New York Jazz Ska Ensemble, etc. Hai para todos os gustos. O feito de que haxa tanta variedade creo que é moi bo para que se mesturen distintas escenas. Iso é enriquecedor!