Michael Gira: “Esta é a última xira e o último disco que faremos xunta a formación actual de Swans”

Michael Gira: “Esta é a última xira e o último disco que faremos xunta a formación actual de Swans”
20 Xullo, 2017 gestion

Michael Gira pertence á xeración que creu no punk como arma arreboladiza contra a sociedade autocomplaciente do benestar. Iso fíxolle crear Swans en 1982 e ser a súa arteria principal ata a súa disolución, en 1997. Como os bos viños, madurar fíxolles ben e volveron en 2010 para facturar ata a data catro álbums, o último, The Growing Man (2016). Esta nova etapa congregou ao seu redor miles de fieis que agardan como auga de maio a súa xira por España. O martes 8 de agosto Swans estarán a actuar dentro do ciclo Selección Noroeste do Festival Noroeste Estrella Galicia, no Teatro Rosalía, e Michael Gira quixo compartir co festival as súas impresións previas a unha das actuacións máis esperadas.

Estiveches numerosas veces de xira en Europa, mesmo viñeches cando eras tan só un adolescente despois de escapar de casa. Hai algo que che atraia especialmente?

A verdade é que tocamos en moitos lugares do mundo. Realmente nunca penso onde estou, concéntrome máis ben nos concertos. Nunca teño tempo de facer turismo. Non sabería dicirche que é o que máis me gusta de Europa, levo vindo desde que tiña trece anos. Para min é normal estar aquí.

Nalgunha ocasión comentaches que estiveches  a piques de ser artista visual ata que o punk cruzouse no teu camiño. Como cambiou esa experiencia a túa vida para sempre?

En 1978 estaba na escola de arte e empecei a darme conta inmediatamente de que o mundo da arte era como ser avogado ou publicista, outra profesión máis, que non tiña un efecto verdadeiro na sociedade nin unha consecuencia na xente de maneira real, e ademais era elitista. Cando o punk chegou pensei que por fin sería posible facer algo relevante e real.

Dá a sensación de que a banda sempre está no alto dunha montaña rusa, porque cada xira e cada concerto empúxanvos a ir máis lonxe e a dar máis de vós. Esa intensidade pódese ver en todo o que facedes.

Como calquera outro ser humano, teño pouco tempo sobre a terra e creo que o meu traballo é o que son, e define quen son. Ademais da familia e o amor, é a cousa máis importante que vou facer mentres estea vivo, así que poño todo o que teño niso.

The Growing Man publicouse hai un ano. Como envelleceu en directo? Hai letras que revelaron cousas que descoñecías cando as escribiches?

As nosas actuacións son sempre abertas. Temos un setlist concreto, pero imos cambiando o material a medida que imos tocando de concerto en concerto. Facémolo así para sentirnos vivos en cada momento. En canto ás letras, ás veces podo improvisar, son sobre cousas que penso pero non son textos autobiográficos, ningunha boa canción debería selo, porque necesitan ter algo valioso para o resto de persoas igual que o ten para ti.

Este é o cuarto álbum desde que a banda volveu xuntarse. Gústache falar en termo de fases ou períodos vitais? En que momento vos atopades?

Pois precisamente este é o último álbum e a última xira que facemos todos xuntos, o grupo de xente que estamos agora. Imos darlle continuidade ata que podamos e logo pararemos. Eu vou seguir con Swans con xente diferente, tanto nos discos como nas próximas xiras. Encántame a banda coa que estou agora pero levamos practicamente na mesma habitación once anos, así que é tempo de cambiar un pouco.

Como foi cambiando a túa maneira de compoñer cos anos? É agora máis reflexiva ou acougada que antes ou sentes a mesma responsabilidade creativa?

É unha combinación de factores. Xeralmente teño unha idea e logo empezo a desenvolvela cun grupo de xente. Hai anos, cando tiña 16 ó 17 anos, deime conta de que era artista e sentín a presión ou responsabilidade, que aínda hoxe sinto, de ter que traballar niso, pero non creo que sexa diferente de cando fas calquera outra cousa.

Parece que estás todo o tempo traballando, entre as xiras e os lanzamentos de discos. Como che gusta pasar un día de descanso?

Gústame estar coa miña muller e os meus fillos, pero tamén me gusta ler, ver películas… aínda que agora mesmo tamén estou a traballar na miña casa, cavando foxos e construíndo un valo… Facer este tipo de cousas físicas reláxame.

A vosa xira por España e o voso concerto no Festival Noroeste Estrella Galicia están a causar gran expectación. Ademais, celebrarase nun precioso teatro da Coruña. Estades a planear algo especial?

Cada noite é especial para nós, pero cando tocamos nun bo recinto cun son apropiado, a sensación é marabillosa. Do concerto no Festival Noroeste queremos que a xente saque conclusións positivas e transformadoras, o mesmo efecto que causa en nós a música.