Entrevista a Músicos ao Vivo: “A nosa participación no Noroeste consiste en velar porque se cumpran as condicións dignas, tanto laborais coma legais e económicas”

Entrevista a Músicos ao Vivo: “A nosa participación no Noroeste consiste en velar porque se cumpran as condicións dignas, tanto laborais coma legais e económicas”
25 Xullo, 2017 gestion
Que a situación dos músicos é un asunto que concierne a todos, promotores, espectadores e artistas, xa o sabiamos. E que se pode facer moito máis por mellorala, tamén. Desde o Festival Noroeste Estrella Galicia estamos a poñer todos os nosos esforzos para que así sexa. Por iso, entre as novedades desta edición, contamos coa colaboración de Músicos ao Vivo, unha asociación que vela polo ben dos músicos na contorna laboral.  Segue lendo se queres coñecer a súa función e se crees, como nós, que aínda hai moito por facer.


Cal é o traballo específico de Músicos ao Vivo?

MAV é unha asociación de músicos fundada en 2008 co obxectivo de mellorar as condicións nas que os músicos galegos desenvolven a súa actividade. O noso traballo abrangue moitas frontes. Por unha banda ser o interlocutor cualificado coas administración, empresas privadas e outros colectivos; e por outra, servir de plataforma de posta en valor e visibilización pública de todo o inmenso, heteroxéneo e excelente panorama musical galego.

Cales son as fases desde que un músico se asocia ou acude a vós?

Asociarse a MAV é un proceso único e moi simple, so hai que decidir se se quere ser unicamente membro da asociación ou se ademáis se quere facer uso do noso sistema de facturación para músicos e xestionar a través del a actividade musical. Na actualidade somos preto de 500 socios e socias e aproximadamente un 20% facturan a través de nós.

Como estades colaborando co Festival Noroeste Estrella Galicia?

O Festival Noroeste acadou unha gran dimensión neste últimos anos e nel teñen cabida dende grandes bandas de renome internacional ata pequenos grupos locais amateurs. A nosa participación no Noroeste consiste en velar porque se cumpran as condicións dignas, tanto laborais coma legais e económicas, para aquelas bandas que non dispoñen dunha estrutura empresarial que o faga. Así mesmo, exercemos de servizo de consultoría e asesoramento técnico ao concello sobre esas condicións e informamos ás e aos músicos sobre os seus dereitos e a necesidade de que os esixan sempre.

XuntaDirectiva_Festival Noroeste Coruña

Xunta directiva de Músicos ao Vivos no discurso final dos IV Premios Martín Códax da Música.

Cal é a situación dos músicos desde as experiencias que estades vivindo?

O mundo da música é moi heteroxéneo, non só nos estilos musicais, senón tamén na percepción que cada músicos ten da súa actividade e da súa vida musical. A experiencia de MAV nestes nove anos de traballo é realmente moi satisfactoria e alentadora. Existe xa unha identificación dos músicos con MAV e co seu labor e ano tras ano son máis os que se achegan a nós, independentemente do estilo musical, do nivel musical ou do número de concertos.  A cantidade de músicos neste país é descomunal e as necesidades e demandas son en grande medida as mesmas.

Como se pode mellorar a súa situación?
Primeiro cumprindo a lei, algo que non ocorre a cotío, aínda que pareza mentira. Segundo, considerando sempre ao músico coma un traballador, e facer entender ao público e aos contratadores a diferenza entre traballar e gozar do teu traballo. E por último, creando plataformas e estruturas que dean visibilidade á música galega con dignidade, tanto nos medios de comunicación públicos coma nos eventos organizados por entidades públicas ou privadas.
Que factores non coñece o público sobre as condicións dos músicos que creedes que debería coñecer?
Pois como veño de decir, quizá o máis importante sexa a condición laboral dos músicos, non so a lúdica, e a partir diso a necesidade de que se cumpran garantías económicas, de seguridade no traballo, de cotización á seguridade social, etc.

Como evaluades o traballo do Festival Noroeste Estrella Galicia na súa relación coos músicos?

Dende MAV valoramos moi positivamente a decisión do Concello da Coruña de converter o Noroeste 2017 nun referente no cumprimento das condicións laborais de todas e cada unha das bandas e artistas que participan nel. É unha decisión valente e fundamental para comezar a mudar as cousas, e oxalá cunda o exemplo entre outras entidades. Neste sentido queremos agradecer ao Concello, e en concreto á Concellaría de Culturas, ter asumido esa decisión, e dende MAV faremos todo o posible para que o Noroeste Estrella Galicia sexa todo un éxito.