A playlist de Marcos: “Isto non é un simulacro’

A playlist de Marcos: “Isto non é un simulacro’
24 Xullo, 2017 gestion

Marcos Durán comezou a pinchar no ano 93. “Rock-punk-ska nacional e estranxeiro de calquera época”. Once anos poñendo música no Tatraplán, “Os que o coñeceron saben do que falo”, asegura. Nas súas sesións pon o que quere e o que piden, “se o fas cun mínimo de educación e pega co que está a sonar”. Entre os seus fitos e anécdotas se atopa pinchar ante 4.000 persoas e ante unha soa a mesma noite. E os seus fieis lle opremiaron con detalles tan dispares como un ramo de flores ou unha paella. Aviso para navegantes: “Nin a min ni á xente do local impórtanos se estás de cumpreanos ou de despedida de solteiro/a, se queres escoitar Despacito non estás no sitio axeitado”. Poderás velo na sala Filomatic o 12 de agosto a partir da 1.30 h. E aquí resúmenos algúns temas imprescindibles na súa biblioteca musical.

“Facer unha lista de 10 ou 12 cancións é unha tortura. Non hai ningún criterio polo cal non deixe moitas fóra, así que esta lista fíxena sen pensar demasiado por que poño as cancións que están e por que non poño as moitas que non están”.

Broilers – ‘Harter Weg’ 

Punk-ska en alemán, Broilers caracterízanse por unhas letras altamente reivindicativas e de denuncia político-social. As súas feroces críticas a posicións de dereita e esquerda levaron ao seu cantante, de orixe irakí, a afirmar que no seu pobo “tanto os skinheads coma os moros ódianme por igual”.


Rammstein – ‘Te quiero puta’

Dabondo coñecidos polas súas potentes cancións e a súa coidada posta en escena, son máis xeniais se cabe cando se saen do que deles espérase. Te quiero puta vén ser algo así como unha rancheira pasada pola trituradora do Neue Deutsche Härte. Non deixedes de escoitar a súa versión de Barbie girl (Aqua).


Bad religion – ‘Punk Rock Song’

A canción por excelencia dos californianos responsables do rexurdimento do punk-rock, polo menos para o gran público. Unha letra demoledora. Non sabería elixir entre Punk Rock Song, American Jesus ou Change of Ideas.


Pantera – ‘Cowboys From Hell’

A primeira vez que escoitei o principio de Cowboys from hell souben que algo cambiara nos meus gustos musicais, en 40 segundos afeccionárame ao metal. Se non se che remove algo por dentro ao oír esta canción, é que estás morto (ou mereces estalo).


Gogol Bordello – ‘Super taranta!’

Canción que hai que escoitar con precaución. É posible que che poñas a saltar antes de chegar aos 35 segundos de reprodución. Gypsy-punk influenciado por músicas de varios países do leste de Europa.


Soziedad Alkoholika – ‘Piedra contra tijera’

Verdades como puños en cada unha das súas letras. Fai falta ter un cerebro máis ou menos funcional para entender a súa mensaxe, noutro caso, pasan cousas como vetalos en concertos ou acusalos de racistas por Nos vimos en Berlín. Os taurinos non deixedes de escoitar Motxalo.

Dropkick Murphys – ‘The State of Massachusetts’

Moitas cancións e todas boas. Empecei a escoitar folk co Irish Jig de Gwendal hai xa unha cantidade importante de anos e volvino a retomar con grupos de estilo powerfolk como Dropkick Murphys, The Real Mckenzies, Bastards, The Rumjacks ou Flogging Molly. Moi fan!

Hellyeah – ‘Demons In The Dirt ‘

Poucos grupos transmiten tanta forza nas súas composicións como os americanos Hellyeah. Heavy metal actual, son máis que dignos herdeiros das míticas bandas do xénero que triunfaron no 80’s.

Nightwish – ‘Phantom of the opera’

Finlandeses con máis de 20 anos de carreira. Non podía faltar unha banda nórdica nesta lista e Nightwish creo que é unha excelente elección. Esta versión en directo de Phantom of the opera é absolutamente impresionante.

Talco – ‘Danza dell’autumno rosa’

Ska italiano con certo son a música de circo que fai imposible non mover os pés cando estás a escoitalos. Fixeron unha canción dedicada ao F.C. St. Pauli que os fixo moi famosos entre os movementos contraculturais alemáns.

Viza – ‘Poor Pete’

Californianos de orixe armenia, acompañaron a Serj Tankian (System of a Down, tamén de orixe armenia) en varios concertos da súa xira en solitario de 2012. Mesturan elementos de hard rock con música tradicional nunha combinación que non deixa de sorprender.


MENCIÓNS ESPECIAIS:

Nao -‘Os vampiros’

Canción orixinal de Zeca Afonso (Grandola Vila Morena) versionada por NAVE coa colaboración de dous membros de Banda Bassotti. Rock en galego que pon os pelos como escarpias. Non aparece en Spotify, polo que non está na lista de reprodución, aínda así parecíame demasiado boa como para non mencionala.

Watcha Clan – ‘Mancha five ska’

De Marsella, a súa música está excesivamente influenciada por ritmos árabes para o meu gusto. A pesar diso, esta canción paréceme do mellor que escoitei na vida. Non aparece nin en Youtube nin en Spotify pero deixo un enlace onde poder escoitala.
Escoita a lista completa de Marcos DJ en Spotify.