Iván Ferreiro completa o cartel da 31ª edición do Festival Noroeste Estrella Galicia

Iván Ferreiro completa o cartel da 31ª edición do Festival Noroeste Estrella Galicia
10 Xullo, 2017 gestion

A organización do Festival Noroeste Estrella Galicia revela o nome do último dos catro cabezas de cartel que quedaba por coñecer. Iván Ferreiro únese aos máis de 100 artistas que se darán cita na Coruña entre o 8 e 13 de agosto. O ex-compoñente de Los Piratas subirá ao escenario da praia de Riazor o sábado 12 ás 22.00 h para presentar o seu último disco, Casa, editado o pasado outono e que recibiu numerosas loubanzas por parte da crítica e do público.

O festival pecha así o cartel desta edición, continuando desta maneira o  ambicioso lavado de cara iniciado hai dúas edicións e que inclúe unha aposta pola expansión e pola variedade. En total, serán máis de 200 horas de música dentro dun abano de sons eclécticos -pop, rock, indie, vangarda, hip hop, fusión, punk, etc.- que anegará todos os recunchos da cidade.

Xunto ao músico de Nigrán, actuarán na praia de Riazor os escoceses The Jesus And Mary Chain -nunha das súas escasas actuacións en España este verán-, os británicos Kaiser Chiefs -no seu único concerto no noso país nos próximos meses- e Surfin’ Bichos -reunidos en exclusiva para a xira do 25 aniversario do seu mítico álbum Hermanos Carnales-.

Ademais, o festival trasladarase durante a semana a lugares emblemáticos da cidade e en diferentes horarios (mañá, tarde e noite) con artistas como Rosalía & Raül Refree, AviadroDro, New Day, Terrier, Mourn, Tórtel, Enric Montefusco, Wild Honey, Les Sueques, García MC, Eladio y los Seres Queridos, Vurro, Los Mambo Jambo, The Soul Jacket, The Allnight Workers, Helado Negro, Swans, New York Ska-Jazz Ensemble, No More Lies, ALA.NI, Lula Pena, Lisa & The Lips, Valgeir Sigurðsson ou Rodrigo Leão.

 

IVÁN FERREIRO

Despois de liderar trece anos un dos grupos máis importantes da escena alternativa española -Los Piratas-, Iván Ferreiro emprendeu a súa carreira en solitario en 2005 con Canciones para el tiempo y la distancia, convertido nun dos discos en castelán de referencia do século XXI. En 2008 chegaría Mentiroso, mentiroso e en 2010 Picnic extraterrestre para consolidar unha traxectoria na que ademais se rodeou e colaborou con numerosos amigos e músicos como Xoel López, Leiva, Quique González, etc. Despois doutros dous traballos –Confesiones de un artista de mierda (2011) y Val Miñor-Madrid. Historia y cronología del mundo (2013)-, Iván Ferreiro editaba en outubro de 2016 Casa, un álbum de catarse persoal moi ben recibido pola prensa especializada e polo público. O músico de Nigrán é, ademais, autor de himnos xeracionais como El equilibrio es imposible, Mi coco ou M.