Kaiser Chiefs, primeira confirmación do Festival Noroeste Estrella Galicia 2017

Kaiser Chiefs, primeira confirmación do Festival Noroeste Estrella Galicia 2017
3 Marzo, 2017 Quino

Kaiser Chiefs confírmase como un dos primeiros grandes nomes desta 31 edición do Noroeste. A banda de Leeds actuará na Praia de Riazor o venres 11 de agosto no que será o seu único concerto en España este verán a ritmo de himnos xa clásicos do indie rock británico como Ruby ou Everyday I Love You Less and Less.

Os Kaiser Chiefs fan indie rock na terra do brit-pop. A banda naceu co século en Leeds e alí foron perfeccionando a particular mestura de power pop, post punk, new wave e indie rock obreiro coa que conquistaron as escenas independentes británica e estadounidense dende o seu primeiro lanzamento: o single I Predict a Riot, un temazo de inspiración setenteira que aínda fai poguear ao público nos seus electrizantes concertos.

Axiña chegou o álbum debut, Employment, co que acadaron un enorme éxito, vendendo tres millóns de copias e cambiando os concertos nos pubs da súa cidade polos grandes escenarios internacionais. Dende aquel primeiro disco, en 2005, ata o sexto, Stay Together, que publicaron a finais do pasado ano, os Kaiser Chiefs nunca deixaron de asinar números 1. Hits como Ruby ou Everyday I Love You Less and Less, que soaron en todas as emisoras e que agora seguen conquistando o público a través das novas plataformas de distribución musical.

O seu último single, Parachute, renova unha vez máis o son do grupo, levándoos cara ao dance pop electrónico e anticipando un petisco do que poderemos vivir no concerto do Noroeste Estrella Galicia: pura enerxía destilada. O da Coruña será o único concerto que ofrecerán este verán en España, tralo seu paso en abril polo SanSan de Benicassim, unha ocasión única para vibrar cunha das bandas de referencia na escena independente británica.

Os Kaiser Chiefs son Ricky Wilson, vocalista e líder, que dende 2013 exerce de xuíz no programa da BBC The Voice; Andrew Whitey White, guitarrista; Simon Rix, guitarrista; Nick Baines, teclista; e, dende 2012, Vijay Mistry na percusión.

Calidade, diversidade e aposta polas bandas emerxentes

Este 2017, o Festival Noroeste Estrella Galicia manterá o seu carácter urbano e aos escenarios que deron cabida aos concertos en 2016 sumaranse novas localizacións (como as rúas de Torreiro ou Orzán) para ofrecer ao público novas experiencias e novas formas de interactuar coa cidade a través da música.

En 2017, o Festival Noroeste Estrella Galicia tamén crece en artistas e localizacións e continuará a súa aposta pola calidade dos seus directos, prestando especial atención aos artistas e bandas emerxentes, que compartirán escenarios con recoñecidos nomes da escena nacional e internacional.

O festival apostará así mesmo por un cartel estilisticamente equilibrado e ampliará o seu espectro musical para dar cabida aos sons máis diversos e de calidade. Un ano máis, o Noroeste Estrella Galicia será o reflexo dunha cidade moderna e fundamentalmente musical. Da súa man, A Coruña abrirase a novos camiños, a novas maneiras de facer e de mirar, consolidándose como un reclamo de turismo atractivo, experiencial, contemporáneo e singular.

Os colaboradores do Festival Noroeste Estrella Galicia 2017

O Concello da Coruña e Estrella Galicia continúan este ano a súa colaboración tras a firma en 2016 dun convenio institucional relativo á programación cultural que se pode vivir e gozar na cidade e que ten como máximo expoñente o Festival Noroeste. Este acordo é froito da firme crenza común de que a cultura -e o festival como o seu estandarte- é a ferramenta imprescindible para definir e impulsar unha cidade cada vez máis viva, cosmopolita e avanzada. Por outra banda, Cuac FM continuará a súa vinculación co festival e celebrará un ano máis o seu tradicional Concurso de Bandas e Solistas. Así mesmo, na súa aposta por interactuar co tecido asociativo e os axentes culturais da cidade, o Noroeste contará ademais coa colaboración de Nave 1839, Músicos ao Vivo, Desconcierto Cultural e Clubtura.