A playlist de Dani Peligro: abanico de sons negros para non deixar de bailar

A playlist de Dani Peligro: abanico de sons negros para non deixar de bailar
31 Xullo, 2017 gestion

Dani Peligro comeza hai case 15 anos a amenizar as noites de diversos locais coruñeses centrándose nos sons xamaicanos dos anos 60 e 70 coma Rocksteady, Ska, Roots ou Dub. Pouco a pouco vai incluindo no seu repertorio temas de todos os paus da música negra ata completar eclécticas sesións que inclúen dende o soul e o funk máis clásico ata latin, hip-hop ou afrobeat. Ao longo destes anos ten amosado o seu gusto e bo facer en diversos locais tanto da súa cidade coma de Vigo, Ferrol, Pontevedra ou Santiago. Actualmente é habitual escoitar as suas sesións no café Universal ou na Barbería. Alén disto, formou parte como saxofonista de diversas bandas destacando Bush Doctors, Skarnio, Dandy Fever ou The Absenters, levando ao directo o mellor da música xamaicana e o soul dos anos 60. Se che gusta Sam Cooke, Fela Kuti, Etta James, Os Mutantes, Mongo Santamaria e tantos outros imprescindibles, non perdas a ocasión de mover os pés coma se non houbese mañá! Será o sábado 12 de agosto no Garufa Club.

 

The Flirtations – ‘Nothing But A Heartache’

Poucas cancións hai tan elegantes coma esta. Non chegaron a triunfar comercialmente pero convertíronse nun clásico dentro da escena northern soul.


The Honey Drippers – ‘Impeach The President’

Tema sampleado en infinidade de discos de hip hop. No seu día adicáronllo a Nixon, hoxe con Trump está máis vixente que nunca.


Etta James – ‘Watch Dog’

Pouco máis se pode dicir desta muller. A voz máis potente dos ’60, deixando ben claro que non quere homes controladores.


Betty Davis – ‘Shut Off The Lights’

Ninguén quentou os ’70 coma ela, sensual e salvaxe. Nin Miles Davis puido resistir os seus encantos. Do seu matrimonio ela levou o apelido e el descubriu a Sly Stone e Jimi Hendrix.


Daniele Patucchi – ‘Telemark’

Forma parte da banda sonora dunha peli dos ’70 española protagonizada por Paco Rabal (Metralleta Stein). A película pasable, e a banda sonora unha xoia con cortes coma este.


Calibro 35/Beastie Boys  – ‘Sabotaggio’

Quítalle a música a Sabotage dos Beastie Boys e ponlle de base un dos mellores grupos italianos actuais. Grupazo de Milán que levan uns aniños reivindicando as bandas sonoras dos ’70.


Rage Against the Machine – ‘Renegades Of Funk’

No seu disco de versións incluíron este pelotazo que, na miña opinión, supera sobradamente á orixinal de Afrika Bambaataa.


Tim Maia – ‘Vou Com Gas’

O xefe da música negra no Brasil. Ninguén coma él encarnou unha vida excesiva. A súa biografía podería dar para varias películas, polo momento xa lle fixeron unha. Máis grave! Máis agudo! Máis eco! Máis retorno! Máis tudo!


Novos Baianos – ‘Tinindo Trincando’

A primeira vez que os escoitei fascináronme. Unha banda impresionante; o disco enteiro é unha marabilla, e está considerado un dos mellores da música brasileira, que non é pouco…

 

Rachid Taha – ‘Rock The Casbah’

Un deses temas que cando o pinchas todo o mundo se pregunta que carallo fas… e despois  todos rematan coreando o estribillo.

*** BOLA EXTRA

Equipe 84 – ‘Io ho in mente te’

Ás veces gustame rematar con esta canción, e préstase moi ben para facer un brindis. Orixinalmente foi composta por Ian & Sylvia pero despois foi versioneada por moitísimos grupos, incluidos Los Salvajes ou esta banda de Módena que lle dan un toque bastante gamberro.

Escoita a lista completa de Dani Peligro en Spotify.