A playlist de Iago Gordillo: o rock como mellor amigo

A playlist de Iago Gordillo: o rock como mellor amigo
27 Xuño, 2017 gestion

O multi-instrumentista coruñés Iago Gordillo capitanea desde 2013 a banda Diariodeverano. Tras tocar o ano pasado no Festival Noroeste, esta edición poñerase aos pratos para ofrecer unha sesión na que deixará ver o seu perfil máis ‘rockeiro’. Ademais, é autor dalgunhas bandas sonoras, entre elas, a de Galicia Crime, webserie gañadora en 2017 do Premio Mestre Mateo, e na súa faceta radiofónica podes escoitalo os sábados polas mañás en Canciones de andar por casa, de Radio Coruña Cadena Ser, unha sección onde recopila rarezas musicais varias. En carne e oso estará dándoo todo o martes 8 de agosto a partir das 00.30 h no Sham-Rock Bar. Aquí deixa constancia da súa lista de favoritos!


Radiohead – ‘I Might Be Wrong’

A miña banda favorita, se dúbida. E este é un dos seus temas máis bailables pero que segue mantendo esa escuridade e densidade de textura sonora.

Muse – ‘Map Of The Problematique’

En Black Holes and Revelations atopamos a Muse no punto ideal entre o seu particular son rock e a experimentación electrónica. Ten un piano moi na onda de Mike Oldfield e é imposible non zarandear a cabeza e os brazos cos breaks de batería.

The Beatles – ‘Hey Bulldog’

Escoller calquera tema dos Beatles da súa última época é acertar case seguro. Escollo este polo xeito de usar o piano como portador do riff principal do tema.

Deluxe – ‘Song For Ana’

Xoel López na súa primeira etapa con Deluxe deixou himnos como este, impregnados dun regustiño british.

Standstill – ‘Poema Nº3’

Riff hipnótico e desgarradora letra e interpretación. Boa nova poder ver este ano ao seu líder, Enric Montefusco, no Festival Noroeste Estrella Galicia.

Charlie Winston – ‘In Your Hands’

Este anglofrancés é unha delicia para os oídos, sen medo a combinar instrumentos e estilos como soul, funk, pop ou electrónica.

UNKLE – ‘Burn My Shadow’

Ian Astbury, de The Cult, pon a voz ao tema deste produtor británico. Un tema de grandes contrastes marcados pola apabullante base de percusión.

The Rapture – ‘How Deep Is Your Love’

Unha masterclass de como facer un rompepistas cunha idea de oito segundos. As capas de instrumentos e melodías vanse sumando e ti  vaste enganchando coa mesma facilidade.

Woodkid – ‘Run Boy Run’

Todo este disco é unha delicia de arranxos sinfónicos. Quédome co single porque funciona moi ben como ese tema para cambiar estilos nunha pinchada.

 Daft Punk – ‘Aerodynamic’

Foi casualidade que esta canción tamén empece cun “badalazo”. O que non é casualidade é que despois deste adrenalínico tema haxa grupos posteriores como Justice ou Digitalism que soen como o fan.

Escoita a lista completa de Iago Gordillo en Spotify.