A playlist de Kino L-Cobra: desde o corazón de Kingston

A playlist de Kino L-Cobra: desde o corazón de Kingston
6 Agosto, 2017 gestion

Arqueólogo de rastrillo remexendo sempre entre cubetas cheas de ácaros, fetichista do vinilo, melómano empedernido. 25 anos de amor pola música negra, sempre que pode sae da súa cova para amenizar festas e pinchadas. Membro fundador do Kinki Reggae Clube, actualmente en Olivic Soul Club e V-Rocket Sound. A Cóbrega desenfundará o próximo martes 8 de agosto na Repichoca os mellores 7 polgadas de ritmos primixenios da súa querida illa do tesouro… A vosa dose de Mento, Ska, Rocksteady, Early Reggae. Jamaican Vibes!


Lord Kitchener – ‘Dr. Kitch’

Calypso puro e duro, ritmo quente e letra fervente. O Doutor Kitch ten sempre a punto a súa descomunal inxección.


Prince Buster – ‘Prince Of Peace’

O home que paseou o ska polo mundo. A voz do pobo!


Roland Alphonso – ‘Nimble Foot Ska’

Membro fundador de The Skatalites, un dos mellores saxofonistas da illa. Jim Jarmusch ben o sabía cando meteu este temazo de base hipnótica e repetitiva no seu film Coffe & Cigarrettes.


Doreen & Jackie – ‘Welcome Home’

Un dos meus duetos preferidos, Doreen Shaffer e Jackie Opel, vocalistas da primeira gran banda de Xamaica, Os Skatalites de Studio One.


Derrick Harriott – ‘Standing In’
Pode unha versión superar a orixinal? Aquí temos a resposta. Todo o que pasa polas máns de Mr. Chariot convírtese en ouro.


Bob Andy – ‘Let Them Say’

Bob Andy, a súa prodixiosa voz e as súas enrevesadas métricas nas liñas de voz son eternas.


The Tennors – ‘Ride Your Donkey’

Teño especial debilidade por este grupo vocal, e tamén pola batería xoguetona deste refrescante rocksteady.


The Maytones – ‘Loving Reggay’
Pouco máis que dicir. Nós tamén amamos o reggae.


Desmond Dekker & The Aces – ‘Problems’

Impoluta produción de Leslie Kong na que tito Dekker fala do cotián e de que nunca choveu que non escampara.


The Upsetters – ‘Night Doctor’

Instrumental marca Upsetters de Lee Perry. Escuridade, órganos psicodélicos e retumbante baixo.


**Bonus track:

The Specials – ‘Rat Race’

Non pode faltar no meu set algo da chamada segunda ola do ska ou a era 2 Tone, que chegou co estoupido punk. Nada mellor que este himno desenganado dos rapaces de Coventry!