A playlist de Rawthebarber: 10 cancións para evitar a caída do cabelo

A playlist de Rawthebarber: 10 cancións para evitar a caída do cabelo
10 Agosto, 2017 gestion

Raúl Doval é un caso singular. Veterano da escena musical coruñesa e da nobre arte do corte, peiteado e afeitado,  polas súas mans pasaron os tupés máis insignes da zona noroeste. Os mesmos paisanos aos que, ata a actualidade, foi degradando… as calugas. Un bo día, raro na nosa cidade, convidado e alentado por un amigo, segundo se mire, cambia as tesoiras polas agullas e comeza a prodigarse como DJ en guateques, festas e convites. Con gusto polo xenuíno, algúns dos discos das súas seleccións producen no oínte e bailante a mesma sensación mentolada e vigorosa que unha famosa loción para despois do afeitado, e outros espabílanche coma se a loción estivese composta na súa totalidade por alcol de 96º. Imos, que che pon desde jazz ata rockabilly sen cortarse un pelo. Aquí tedes a súa lista previa á pinchada compartida que ofrecerá o venres 11 de agosto xunto a Honky Tonk Lucky no Bâbâ Bar.

 

Lefty Frizell – ‘Shine, Shave And Shower (It’s Saturday)’

Como poderedes comprobar o de afeitarse e ducharse todos os días naquela época non era moi habitual, co que é motivo de celebración, e por iso escólloa.

The Jades – ‘Blue Black Hair’

Tema con potente introdución surfeira e atmosfera hipnótica, dos de cantar diante do espello. Sigo co tema pelo.

Billy Adams – ‘You Gotta Have A Ducktail’

Pois iso, eu que peiteei uns cantos ducktails síntome identificado. Killer.

Rudy Grayzell – ‘Ducktail’

Non saín da barbería aínda.Tanto esta como a versión de Joe Clay son referencias nas coleccións de discos dos fanáticos do rockabilly. Escollo a Rudy, pois aínda sendo máis atropelada, o fulano aullando arrásame.

Pat Cupp – ‘Do Me No Wrong’

As énfases rítmicas durante a canción estimúlanche o fluxo sanguíneo e iso é bo para estimular o crecemento do cabelo.

Ronnie Dawson – ‘Rockin’ Bones’

Hit de The Blond Bomber. Os ósos marcan o ritmo e prepáranche para incitarche ao baile. Ah! non me esquezo… dentro de cen anos todos calvos.

Johnny Horton – ‘Lover’s Rock’

Ese lugar escondido onde ías coa túa parella en coche… Unha canción para arrimar e non despegarse ata o final. Pois iso, mentres bailas que che mesen o pelo, que tamén estimula o crecemento.

Johnny Kidd – ‘Restless’

Volvemos a esa sensación de relax e cahondeo ao mesmo tempo. Con Johnny Kidd empezamos moitos e segue gustando. Tamén te pos nervioso cando ves que no cepillo quedan moitos pelos…

 

Muddy Waters – ‘You’re Gonna Miss Me’

Incrible o que transmite este home en todas as súas cancións. Póñoa porque é das miñas preferidas en calquera ocasión. E o título da canción é o que che di o teu pelo se non te fas o tratamento anticaída.

Jerry Reed – ‘When I Found You’

Perfecto dinamismo na guitarra, mantenche vivo todo o desenvolvemento da canción. Jerry Reed na súa primeira etapa, ouro puro. Para finalizar, que título tan adecuado para cando atopaches ese tratamento que paralizou a túa calvicie incipiente.

Escoita a lista completa de Rawthebarber en Spotify.