A playlist de Reflexión Sonora DJ: Oda ao século XXI

A playlist de Reflexión Sonora DJ: Oda ao século XXI
8 Agosto, 2017 gestion

Cristina Álvarez Cañas, aka Reflexión Sonora DJ, é xornalista cultural e musical, profesión que exerceu durante anos nos comezos de Supernovapop.com e en medios como Metrópolis, El Mundo ou Radio 3. Actualmente colabora na revista dixital Efe Eme e o seu gusto pola canción directa -sen artificios-, as guitarras, as melodías e as bases electrónicas fai que as súas pinchadas poidan resultar unha auténtica bomba de reloxería, así como un percorrido histórico que non esperas. Iso si, sempre elaborando seleccións musicais a medida para cada ocasión e escollendo e mesturando temas con sumo esmero e meticulosidade. Poderás comprobalo en persoa este Festival Noroeste Estrella Galicia no Perla Negra o martes 8 de agosto.

The National – ‘Abel’

Alá por 2005 The National só publicaran dous discos e este, Alligator, foi o preludio do seu gran éxito Boxer (2007). A primeira vez que escoitei este tema sacudiume por completo, pensando nesa similitude cos Pixies e os mellores grupos escuros dos 80. A día de hoxe non podo contabilizar as veces que a escoitei na miña vida.


The Veils – ‘The Tide That Left and Never Can Back’

Esta banda é unha das bandas noveis que facturaron grandes discos de debut comezos de século. A voz rota xunto á actitude crooner-rock do seu cantante Finn Andrews é unha debilidade. E o seu The Runaway Found (2004) é unha frecha directa ao corazón. Non podería decidirme entre The Tide That Left and Never Can Back, Guiding Light y The Leavers Dancers, así que recomendo as tres e que cada cal escolla a que máis lle guste.


Autour de Lucie – ‘Personne n’est comme toi’

Unha pinchada plurilingüe sempre creo que é acerto seguro. E os franceses Autour de Lucie publicaron un álbum homónimo en 2004 con esta xoiña para amantes do pop.


The Solution – ‘Get On Back’

Non podemos traizoar o espírito desta playlist -grandes cancións do século XXI- e seleccionar a Curtis Mayfiled ou Otis Redding no mellor directo da historia en televisión, aínda que podemos enganar ao subconsciente con este temazo de The Solution do seu excelente disco de 2004 Communicate!. Os pés vanse sós.

 

Asobi Seksu – ‘Thursday’

Herdeiro directo diso que chaman dream pop, este tema da banda guitarreira e neoiorquina con cantante -e nome- xaponés, Asobi Seksu, é unha delicia. Tan cheo de caricias como de arañazos.

 

Shout Out Loads – ‘Very Loud’

As bandas suecas foron xustamente as grandes triunfadoras do 00s. Desde Mando Diao a The Hives pasando por Shout Out Loads, que se marcou este desgarrador e marabilloso pranto con toque folkie no seu álbum Howl Howl Gaff Gaff (2005).

 

The Pains of Being Pure At Heart – ‘Say not to love’

Uns clásicos modernos, e un dos meus grupos favoritos do século XXI. Pop noisy e comercial do bo e do que podes escoitar baixo calquera estado de ánimo. Unha vacina contra calquera axente externo.

 

The Black Keys – ‘Gold On The Ceiling’

O espírtitu visceral e primitivo desta canción lémbrame a Gimme Shelter, unha dos meus temas favoritos dos Rolling Stones. É escoitar esta canción e empezar a flotar.

 

Villagers – ‘Nothing Arrived’

Se hai que minorar a marcha, un tema como este é perfecto. Melodía impecable que acompaña unha irónica e aguda crónica existencialista do traballador medio no século XXI. O vídeoclip e a subida do final son memorables.

 

CHVRCHES – ‘Gun’

Este trío escocés de pop electrónico irrompeu con forza en 2011. Clearest blue é un das súas últimas cancións, pero este Gun teno todo para soar na pinchada cos mellores temas no seu xénero dos últimos anos.

 

HAIM – ‘Dont’ Save Me’

Trío de irmás de Los Angeles con moito talento e humor. Acaban de editar novo single pero este tema gústame máis. Toda unha declaración de intencións. Girrrl power!!

 

Robyn – ‘Dancing On My Own’

Un himno desta nova centuria que xa vai cumprindo anos (2010). Unha historia vivida por todos -probablemente- que atopa neste tema a súa catarse persoal e sanadora.

 

** BONUS TRACK – ALGUNHAS PISTAS

Unha canción para levantar ao persoal: Pet Shop Boys – ‘You Were Always On My ’. Sempre está ben reivindicar dous clásicos ao mesmo tempo. Este tema ‘ochentero’ que seguramente espantaría aos máis devotos do Rey (Elvis) sácache de máis dun apuro. Podedes quedarvos coa versión -para ver todo o seu potencial – ou coa do vídeo para admirar a Neil Tennant de traxe.


A canción do festival: The Jesus And Mary Chain – ‘‘Between Planets’

A miña canción favorita do festival. Unha canción que respira mocidade e ansias de liberdade polos catro custados. Fuxida cara adiante.

A despedida da Coruña: 10.000 Maniacs – ‘Everyday is like Sunday’

Seguramente cando Morrissey escribiu esta canción estaba a pensar nunha adolescencia na Coruña sen sabelo… The Smiths non faltan case nunca á cita, esta vez cunha versión un pelín máis acelerada que a orixinal, pero igual de suxestivo do grupo neoiorquino que tamén versionou a tótems como The Cure ou New Order. Para cando o inverno volva á praia de Riazor. Aos seus pés.