Os espazos do festival II: As Sesións Matinais

Os espazos do festival II: As Sesións Matinais
26 Xullo, 2017 gestion

Como xa apuntamos no primeiro post sobre os espazos do festival, a grande protagonista do Noroeste Estrella Galicia é a cidade da Coruña. As súas praias, as súas rúas, as súas prazas, a súa Cidade Vella… Toda ela será un recinto sen acotar onde a música percorrerá e resoará -tamén ao lonxe- en cada recuncho. No Mapa de Sons -coma se dun mapa do tesouro se tratase- terás un aliado para non perder ningún escenario. Ningún se atopa entre si a máis de 20 minutos camiñando. Zapato cómodo e a patear!

Imprimir

A celebración da mellor música trasladarase ademais este ano durante o día. Poderás madrugar para ver saír o sol desde os mellores miradoiros ou durmir ata entrada a mañá para recuperar forzas. Ti decides. Pero á hora do aperitivo as bandas programadas cada xornada darán o pistoletazo de saída nas Sesións Matinais, que  se celebrarán o xoves 10, o venres 11 e o sábado 12 de agosto, e son unha das novidades desta edición. Cinco escenarios repartidos pola cidade darán conta do espectáculo rueiro. E aquí detallámolos todos para que non te despistes.

En pleno barrio do Orzán, moi próximo á praia e de gran percorrido nocturno, asoma a praza José Sellier Loup, dedicada ao fotógrafo español de orixe francesa e pioneiro do cine en Galicia. Alí comezará o xoves a actividade musical con Seward (13.45h) e as esperadísimas Bala (15h). Dous días despois, o sábado, será a quenda para ver a Alien Tango e a Malandrómeda (15 h), estes últimos representantes do mellor rap galego.

Non moi lonxe, de camiño ao casco vello, a rúa Torreiro preséntase como bisagra entre a arteria principal da rúa San Andrés e as rutas sacras do tapeo coruñés (a santa trinidade: as rúas Barreira, Galera e Franxa). Alí, entre terzo e tapa de tortilla, poderás gozar de Tórtel (14 h) e de Calero (15.15 h), o xoves, e de Druso (13.30 h) e Futuro Terror (14.45 h ), o venres.

E se queres honrar debidamente ao pobo coruñés, terás que facer unha visita á estatua de María Pita que coroa a praza do mesmo nome. A heroína autóctona loitou contra o asedio dos ingleses. Na maxestuosa praza, flanqueada polo edificio da sede do Concello, atoparás nun dos seus laterais a modo de canellón aberto a rúa Capitán Troncoso. Rodeado de tascas e bares, o seu escenario recibirá a Sen Senra (13.30 h) e a Salto (14.15 h), o xoves, e a Espiño (14 h)  e Los Bengala (15.15 h), o venres.

Baixo o suxerente e tropical nome do Bulevar do Papagaio, moi preto do Campo da Leña, outro escenario urbano cobrará vida. O venres coas actuacións de Les Sueques (13.45 h) e Puma Pumku (15 h), e o sábado coas de Atrás Tigre (13.30 h) e Wild Honey (14.45 h).

Finalmente, a céntrica praza da Galera, á beira dunha das rúas de peregrinación gastronómica obrigada, recibirá o sábado 12 primeiro a Bifannah (14 h) e a continuación aos madrileños Terrier (15.15).

Como vedes, as Sesións Matinais antóllanse case como un mini festival dentro do Noroeste Estrella Galicia. E serán a mellor maneira de sacarlle o maior partido á experiencia urbana.