Los Mambo Jambo, Rosalía & Raúl Refree, Aviador Dro, Rolling Bowling e NYSJE, novas confirmacións do Noroeste Estrella Galicia

Los Mambo Jambo, Rosalía & Raúl Refree, Aviador Dro, Rolling Bowling e NYSJE, novas confirmacións do Noroeste Estrella Galicia
16 Marzo, 2017 Quino

A 31 edición do Festival Noroeste Estrella Galicia, que se celebrará do 8 al 13 de agosto en máis de 10 escenarios espallados pola Coruña, ven de confirmar cinco novos directos dentro da súa programación, que se suman a un dos cabezas de cartel xa anunciados para o día 11 de agosto na Praia de Riazor, Kaiser Chiefs. Os ritmos máis eclécticos e de calidade terán cabida nunha programación onde se alternarán o flamenco experimental do tándem Rosalía & Raül Refree co mítico electro-tecno-pop futurista da banda Aviador Dro, ou co ska, o reggae, o rock e o jazz do New York Ska-Jazz Ensemble. Tamén haberá oco para os riffs rockabillys da singular banda nacida en Beijing Rolling Bowling, todo un fenómeno por descubrir nos escenarios do noso país. Xunto a eles, non faltarán Los Mambo Jambo, que farán vibrar o público coa súa mestura salvaxe de rock & roll, rhythm & blues, surf e swing no que será o seu único concerto en Galicia programado para este verán.

Sons eclécticos e vibrantes para o 31 Noroeste Estrella Galicia

Aviador Dro. Pioneiros do electro-tecno-pop futurista do noso país

Toda unha veterana da electrónica española, a banda Aviador Dro suma xa case catro décadas dando que falar enriba dos escenarios. Nacida en Madrid no ano 1979, trátase dun grupo mítico e pioneiro do electro-tecno-pop futurista do noso país. Aviador Dro foi o encargado de seguir a finais dos 70 en España a liña da música electrónica mesturada co pop e co rock, sons que entón estaban a desenvolverse en Europa e Estados Unidos da man de bandas como Kraftwerk y Devo. Responsable tamén do seu propio selo discográfico, DRO, ao longo da súa dilatada traxectoria publicaron máis dunha trintena de traballos. O seu nome, abreviación de El Aviador Dro y sus Obreros Especializados, é unha homenaxe á ópera L’aviatore Dro (1915), un poema tráxico en tres actos do compositor e musicólogo italiano Francesco Balilla Pratella (1880-1955). Aínda hoxe, os seus dous primeiros álbumes, Alas sobre el mundo (DRO, 1982) e Síntesis: La producción al poder (DRO, 1983), continúan a ser os seus himnos máis escoitados e constitúen referencias fundamentais para a música española de comezos dos anos 80.

Los Mambo Jambo. Unha mestura salvaxe de rock & roll, rhythm & blues, surf e swing

O cuarteto instrumental Los Mambo Jambo naceu en Barcelona a finais da década pasada cunha proposta mestiza, directa e intemporal, que conecta co público de calquera parte do mundo. De Europa a Brasil, pasando por México, o éxito dos seus electrizantes directos reside na entrega dos membros do grupo sobre os escenarios e na execución precisa dos ritmos exóticos que conforman o Son Jambofónico. Rock & roll, rhythm & blues, surf, swing… Na mestizaxe explosiva de Los Mambo Jambo teñen cabida todas as visións e estilos dos membros da banda, amalgamados nunha manchea de temas concisos e contundentes repletos de acción que chegan directos aos pés do público e invitan ao baile.

Los Mambo Jambo son Dani Nel·lo ao saxofón, Ivan Kovacevic ao contrabaixo, Anton Jarl á batería e Dani Baraldés á guitarra. Chegan ao Noroeste co seu cuarto disco debaixo do brazo, Jambology (Buenritmo Records, 2016).

New York Ska-Jazz Ensemble. Ska, reggae, rock e jazz nun directo trepidante

Con máis de dez discos e con xiras habituais por Europa, Canadá, Estados Unidos e Latinoamérica, o New York Ska-Jazz Ensemble (NYSJE) é un grupo internacionalmente aclamado por crítica e público dende a súa formación en 1994. A marca da casa é a enerxía e a orixinalidade coas que reinterpretan o ska a partir dos estándares do jazz, nunha potente mestura que convida ao baile sen remisión posible. Coas súas propias composicións ou versionando temas diversos, os enerxéticos directos do NYSJE emocionan e conmoven ao público.

Compoñen o NYSJE Rocksteady Freddie ao saxofón e voz principal, Ric Becker ao trombón e voz, Alberto Tarin á guitarra e voz, Earl Appleton ao teclado, Wayne Batchelor ao baixo e Yao Dinizulu á batería. Esta sólida formación de músicos americanos con miles de concertos ás suas costas foi definida polo New York Times como “unha manchea de felices maniáticos do ritmo”. Unha proposta musical que traerá ao Noroeste ritmos jamaicanos, melodías de jazz moderno e bases do ska instrumental clásico, aquel ska dos anos sesenta que aínda compartía elementos co jazz e co blues.

Rosalía & Raül Refree. Flamenco experimental fora dos límites do purismo

Rosalía & Raül Reefre poñen patas arriba o panorama musical español coa súa proposta de flamenco experimental, Los Ángeles. Ela posúe unha das voces máis novas e máis prometedoras do flamenco actual, que namora e emociona coa riqueza dos seus matices. El é un mestre da experimentación instrumental, referencia da guitarra e da produción musical. Xuntos camiñan pola fina liña que separa a tradición da experimentación, para levar o público a un lugar no que non existen os límites do purismo.

Rosalía é moi nova, pero leva xa más de dez anos demostrando a súa arte e a súa versatilidade sobre os escenarios, colaborando con artistas como Rocío Márquez, Chicuelo, Fura dels Baus ou o rapeiro madrileño C. Tangana. Raúl Refree, pola súa banda, participou nalgúns dos discos más importantes dos últimos anos, xunto con Silvia Pérez Cruz, Kiko Veneno, La Mala Rodríguez, Christina Rosenvinge ou Lee Ranaldo (Sonic Youth).

Rolling Bowling. Puro rockabilly aderezado pola moda e a cultura vintage da década de 1950

Este singular trío rockabilly con base en Beijing (China) é coñecido polo seu marcado sentido da estética vintage, a súa voz grave e a vibrante enerxía dos seus directos. Como eles mesmos afirman: “a nosa música é neo-rockabilly, é dicir, rockabilly mesturado con outros estilos de rock, coma o ska e o punk. Ao principio, tratamos de tocar como unha banda tradicional de rockabilly, pero pouco a pouco engadimos novos estilos que gozamos, como o punk da vella escola, o bluegrass ou o rockabilly tradicional de 1950”.

Os Rolling Bowling atópanse actualmente inmersos nun tour por Europa, mentres preparan o lanzamento dun novo LP, que inclúe dous temas propios e unha canción da banda psychobilly española 13 Bats. Sobre as súas referencias artísticas, amósanse entusiasmados con Brian Setzer, o líder de The Stray Cats. Contan que escriben as súas cancións cunha actitude punk, pero que queren expresalas dunha maneira máis artística, a través da moda e da cultura vintage de fai case sete décadas. No 31 Festival Noroeste Estrella Galicia amosarán o seu lado máis sexy e salvaxe, cun directo imprescindible para todo amante que se precie do rock dos anos 50 e 60.