Entrevista a Mourn: “Cabréanos bastante o concepto ‘girl band’. Un grupo de chicas non ten dereito a considerarse ‘band’ a secas?”

Entrevista a Mourn: “Cabréanos bastante o concepto ‘girl band’. Un grupo de chicas non ten dereito a considerarse ‘band’ a secas?”
12 Xullo, 2017 gestion

Eles non o son. Estritamente. Unha ‘girl band’. Pero o cuarteto Mourn está liderado por dúas amigas que nos seus días de instituto comezaron a facer o que máis lles gustaba: tocar xuntas. Jazz Rodríguez e Carla Pérez, acompañadas de Antonio Postius -á batería- e Leia Rodríguez -ao baixo-, presentarán o mércores 9 de agosto (22.15 h) no escenario do Campo da Leña o seu último disco, Ha, Ha, He (2016). Ao seu debut todo foron boas reaccións, e a prensa internacional fixouse neles (The New York Times, Pitchfork Media). Co seu segundo álbum parece que o traballo, o esforzo e as ganas vertidas están a dar os mesmos resultados. Mourn seguen sendo unha das bandas ás que todo o mundo quere ver en directo. Nós farémolo este Noroeste Estrella Galicia.

A vosa carreira comeza cunha historia de instituto: un par de amigas que se coñecen en clase, ven que conectan e empezan a tocar xuntas. Que queda desa etapa? Aínda que non faga tanto diso, haberán cambiado moitas cousas neste tempo…
Cambiaron moitas cousas e pasounos de todo. En esencia segue a ser o mesmo, aínda que non nos vemos cada día en clase como antes.

Non sodes unha girl band, pero intúese un espírito feminista -ao menos polo que supón que mulleres leven a iniciativa no mundo rock-, que fai pensar en Patti Smith, Deborah Harry ou PJ Harvey. É así? Cal é a perspectiva desde dentro?
Cabréanos bastante o concepto “girl band”. Un grupo de chicas non ten dereito a considerarse “band” a secas ou que? Se todas as compoñentes dun grupo son mulleres automaticamente o grupo é unha girl band, xa non pode ser unha band, síntoo. Vaise falar principalmente do seu xénero nas entrevistas, e ademais se lle das un pouco de caña xa se dirá “tocades riot girrrrrrl, aínda que a vosa música non  se pareza nin en medio compás a este movemento.

Algunhas só queremos tocar con quen conectamos e con quen hai química no local de ensaio, compoñer cancións que nos salgan de dentro, gravar estas cancións, e logo tocalas para quen queira escoitalas. Todo o demais, sinceramente, son simplemente nomenclaturas, etiquetas e merdas. Que se tocades punk rock, jazz punk espacial, postmetal salsa latino, sodes unha girl band... que máis da? Escoita a música sen prexuzgala e o que che faga sentir será.

Falouse bastante da volta ao son dos 90. Que significa para vos esa época? Creedes que existe unha volta a ese son?
Como dixemos antes non nos gusta definir a música e encasillala nun xénero. Entón para nós significa unha etiqueta máis. Un grupo pode recordar a outro dos 90, pero aparte diso danos bastante igual o concepto.

O voso último álbum, Ha, Ha, He (2016), acaparou moitas miradas. Nalgúns casos afirmouse que parece un disco de transición, tras a boa resposta ante o voso debut. Compuxéchelo desa maneira? En que momento vos atopades agora?
Non sei que significa exactamente un disco de transición, pero en ningún caso o compuxemos como tal. As cancións son vivencias que tivemos e o noso medio de expresión.

Aínda que se publicara en 2016, o disco é de 2015, cómo evolucionaron as cancións? Estades xa nun proceso de composición de novos temas? 
Agora estamos a compoñer novos temas. Tivemos moito tempo libre en 2016 e saíron cousas interesantes. Depende da canción e do que represente, ten unha vida máis longa ou máis curta para nós. As de Ha, Ha, He. non as puidemos xirar demasiado aínda, xa veremos como evolucionan, de momento témolas ben vivas.

Na crítica do disco do portal musical Pitchork Media menciónase a Steve Albini. Cales son os vosos produtores preferidos? Con quen vos gustaría traballar?
A verdade é que Lluís Cots e Santi García son os nosos preferidos e con quen nos gustaría traballar de momento. Aínda que postos a soñar fliparíanos gravar con Nick Launay.

Deixando a un lado a idade, que é ou onde creedes que está a madurez musical dunha banda ou dun artista?
Nin idea, sinceramente. Así en frío diría que en coñecerse a si mesmo e saber por que fas o que fas.

Cales pensades que son as vantaxes e desvantaxes de haber empezado cedo no mundo da música? Posiblemente haberá moitos mozos e mozas plantexándose dar o paso pero pensan que son moi novos, que teñen que estudar, etc…
Pódese estudar e ter unha banda ao mesmo tempo, non creo que sexa incompatible. Realmente non che podo dicir pros e contras de empezar novo porque nunca tiven o momento de plantexarme “empezo ou non?”. Simplemente púxeme a facer o que me apetecía e punto. Aínda que si que podo dicir que co tempo molesta que se remarque tanto a idade. Realmente importa? Eu creo que non.

Discos, xiras… Onde vos vedes en dez anos?
Con máis discos e máis xiras, xa sexa xuntos ou separados.

Se botades unha ollada ao cartel, cales serían as vosas recomendacións do Festival Noroeste? Que vos apetece ver?
No More Lies, por supostísimo! os nosos prefes do cartel.