O Mercado da Colleita pechará o Noroeste Estrella Galicia nunha animada xornada de romaría

O Mercado da Colleita pechará o Noroeste Estrella Galicia nunha animada xornada de romaría
17 Xullo, 2017 gestion

Unha romaría familiar pechará o domingo 13 de agosto o 31º Festival Noroeste Estrella Galicia, no parque do Paseo das Pontes, cun completo programa musical en sesión continua, dende as 13h ata as 21h, e cunha variada proposta de actividades para coñecer de primeira man a proposta de valor que ofrece o Mercado da Colleita, iniciativa impulsada por Corporación Hijos de Rivera.

A música correrá a cargo dos vigueses Eladio y Los Seres Queridos, que chegan co seu último proxecto debaixo do brazo, Cantares, unha homenaxe á tradición galega a través de cancións populares que escoitaban nas súas casas de pequenos; do abulense Vurro, metade vaca e metade home orquestra; do fundador do colectivo de hip hop Dios Ke Te Crew, García MC; do Xoán Curiel máis maduro e natural; do trovador mexicano-canadiense Quique Escamilla; da novísima banda coruñesa Proyecto Moucho; e máis o DJ Isaac Peces, que se encargará de que os sons da música negra, jazz, soul, funk, brazil, afrobeat, disco, boogie, electrónica e groove acompañen á xornada festiva coa que o Festival Noroeste Estrella Galicia quere despedir esta 31ª edición.

Noroeste 2017 mercado colleita 5 internetPola súa banda, o Mercado da Colleita traerá ao centro da cidade un completo programa de ocio para toda a familia que permitirá coñecer máis de preto os proxectos do rural galego e participar nunha ampla gama de actividades que incluirán dende obradoiros, xincanas e xogos ata degustacións.

Unha proposta divulgativa e lúdica que poñerá en valor as iniciativas que se están a desenvolver no rural galego e a calidade dos produtos de proximidade con garantía de orixe.

O Mercado da Colleita poñerá, así, o broche final ao Festival Noroeste Estrella Galicia por segundo ano consecutivo tralo éxito da primeira edición onde máis de 3.000 pequenos e maiores puideron gozar dun total de dez iniciativas do rural galego que ofreceron doce actividades diferentes e que se celebraron de maneira repetida e simultánea durante todo o día.

A organización anima as persoas asistentes a achegarse ao Paseo das Pontes esta última xornada do Noroeste Estrella Galicia coa súas mantas e coa súa comida, para converter o parque nunha auténtica romaría pop-rock, urbana e festiva.

 

O PROGRAMA MUSICAL COMPLETO

13:30 – 14:30 – PROYECTO MOUCHO

Con apenas un ano de vida, este trío de A Coruña pasou de actuar nas rúas da súa cidade a facelo en escenarios de toda a provincia. Martín Sánchez (voz e guitarra acústica), Jorge Salgado (Guitarra, harmónica e coros) e Gerardo González (percusión) versionan cancións de bandas tan dispares como The Black Keys, Kings of Leon, Johnny Cash, Phil Collins ou M-Clan, pero sempre dando ese toque persoal a base de guitarra acústica e caixón que lles confire un estilo propio. Este ano participaron no XI Festival Solidario “Coruña en Directo” e gañaron o concurso que realizou a organización deste evento, o que lles permitirá gravar un EP proximamente.

15:00 – 16:00 – GARCÍA MC

García MC comeza rapeando con 13 anos xa con letras propias e é un dos fundadores do colectivo de hip hop Dios Ke Te Crew. Leva máis dunha década impartindo obradoiros e cursos sobre cultura hip hop, entendida como unha ferramenta de empoderamento e de transformación social. Musicou poemas de Celso Emilio Ferreiro en clave rapeira, formou parte de Radio Kalimera ou da banda Fura Fura (homenaxe a Zeca Afonso) e ten participado ademais en diferentes mesas redondas e coloquios como defensor da cultura libre. A título individual levou o seu rap en galego a lugares como Copenhangue, Guiné-Bissau, Portugal e México. Co EP Abaixo e De Pé, García amosa amor e rabia nun ollar rebelde desde esa mesma clara posición na loita. Todas as letras son propias, agás o poema “Amor e sangue en Chiapas” de Lois Pereiro.

16:15 – 17:15 – QUIQUE ESCAMILLA

Moderno trovador mexicano-canadiense que comeza a cantar aos 4 anos nas súas reunións familiares. Hoxe é multi-instrumentista, cantautor e produtor con 25 anos de actuacións en directo ás súas costas. Rompe barreiras lingüísticas coa súa poderosa voz mentres fusiona a tradición mexicana da rancheira e o huapango con rock, reggae, ska, pop, jazz, cumbia, bolero… Música que ven directamente da alma e letras con poderosas mensaxes anti-opresión, anti-racismo, e de defensa dos dereitos humanos e indíxenas. Historias que precisamos escoitar, letras social e políticamente conscientes, combinadas cunha musicalidade excepcional que nos recorda a Bob Marley, Calle 13 ou Manu Chao. Con 500 años en la noche recibiu o premio ao Mellor Álbum de Música do Mundo na entrega dos premios Juno 2015.

17:30 – 18:30 – XOÁN CURIEL

Sen percusión e con bases electrónicas, Xoán Curiel chega á madurez creativa cunha proposta íntima, cálida, lírica e doce, cun matiz experimental. Gravou o seu novo traballo directamente nun magnetófono nos estudos da Radio Galega en Compostela e en Brasil. A maxia e a dificultade que ten este tipo de gravación supuxo un reto para o artista, que asegura sentirse agora “máis músico”. Nomeado aos Premios Opinión este ano por partida dobre (Mellor álbum e Mellor canción), as sete cancións de Ecuacións transmiten a naturalidade do directo e a calidez da gravación e mestura analóxica.

18:45 – 19:45. VURRO

Unha proposta ante a que ata o máis crédulo fregarase os ollos. Metade humano, metade vaca, Vurro é un home orquestra que, defendendo os preceptos clásicos do rock and roll, poñerá ao persoal a bailar sen que o público poda deixar de sentirse parte dun espectáculo, a medio camiño entre a performance e o concerto. Desde Jerry Lee Lewis a Canned Heat, Vurro evoca numerosas reminiscencias nas súas propias composicións cheas de trepidantes melodías a ás que dá forma co seu órgano, o seu teclado, a súa batería… e por suposto cos seus cencerros. Non estamos no oeste americano se non na serra de Ávila.

20:00 – 21:00. ELADIO Y LOS SERES QUERIDOS

Tras dous anos desde o seu último álbum, en 2016 Eladio y los Seres Queridos autoeditaron un disco moi persoal: Cantares. Nel homenaxeaban á tradición galega a través de cancións populares que escoitaban nas súas casas de pequenos. A súa relación co folklore da súa terra ven de lonxe cando foron escollidos para interpretar o Himno Galego na presentación dos deseños conmemorativos do Día das Letras Galegas. Aparte do mencionado disco, desde a súa formación en 2005, a banda capitaneada polo compositor Eladio Santos publicou tres traballos: Esto que tienes delante (2007), Están ustedes unidos (2011) e Orden invisible (2014).

ISAAC PECES, en sesión contínua

As sesións do Dj coruñés Isaac Peces caracterízanse pola súa elegancia e o seu eclecticismo, xa que aúnan música negra, jazz, soul, funk, brazil, afrobeat, disco, boogie, electrónica e groove. Foron publicadas por selos como Lovemonk e radiadas en emisoras como Radio 3, e destacan por ser moi bailables. Habitual da escena galega e nacional, pinchou en festivais como Womex ou Jazzaldia e en salas coma o Cafe 1001 de Londres, Primeiro Andar de Lisboa ou as madrileñas Siroco, Berlín Café, El Junco e Kathmandú. Tamén é asiduo ás cabinas da súa cidade, como as de Lautrec, Mardi Gras, Patachím, Portiño, Telefunken, Puticlú, El Corralón, Barbería, Fuzz, Velvet, Moom 57, Garufa ou Soweto.

 

cartel-mercado-da-colleitaO MERCADO DA COLLEITA

O Mercado da Colleita é unha iniciativa de responsabilidade social impulsada pola Corporación Hijos de Rivera. Naceu no ano 2012 coa colaboración doutras grandes empresas galegas como Gadis e R, que comparten o obxectivo de fomentar o desenvolvemento socioeconómico de Galicia e a sustentabilidade do medio rural. Para isto, promoven diferentes actividades de divulgación e promoción, como é o caso dos Parladoiros do Mercado da Colleita, que xa celebraron diferentes edicións en Galicia, o evento Son d’Aldea, de exaltación do mundo rural, ou a pop-up store do Mercado, que estivo presente nas ciudades de A Coruña e Vigo.

Baixo os principios de innovación, calidade e sustentabilidade, o Mercado da Colleita propón unha serie de accións que pretenden actuar como panca de desenvolvemento na xeración de riqueza no entorno rural galego, así como poñer en valor “o noso” a través de:

  • Promoción de actividades colaborativas como punto de encontro de todos aqueles que teñan como obxectivo a posta en valor do noso cun valor engadido e diferencial.
  • Divulgación de achegas innovadoras que sexan panca do desenvolvemento socioeconómico do medio rural galego a través da xeración de riqueza e valor.
  • Impulso no desenvolvemento de ferramentas que permitan promover iniciativas innovadoras de alto potencial para o sector.