O Noroeste Estrella Galicia consolida o modelo de festival urbano que espalla a música pola cidade cunha aposta pola cultura próxima e de calidade

O Noroeste Estrella Galicia consolida o modelo de festival urbano que espalla a música pola cidade cunha aposta pola cultura próxima e de calidade
17 agosto, 2017 gestion

O Festival Noroeste Estrella Galicia consolidou, na súa 31ª edición, o modelo de festival urbano que espalla a música pola cidade, cunha aposta de cultura próxima e de calidade que conquistou a máis de 90.000 persoas. Coas rúas e prazas da cidade ateigadas de xente, os hoteis da cidade acadaron a ocupación plena e a hostalería e o comercio local implicáronse co obxectivo común de ofrecer a locais e visitantes unha experiencia de cidade dinámica e próxima, acolledora e cosmopolita que se proxectou tamén cara ao mundo a través dos medios de comunicación e das redes sociais.

A Coruña transformouse, durante unha semana, nun grande escenario para acoller ao que xa é, sen ningunha dúbida, un dos maiores festivais urbanos de España. Ademais das 40.000 persoas que vibraron en Riazor cos xa tradicionais concertos gratuítos na praia, o renovado formato que propón dende hai tres anos a organización do Noroeste Estrella Galicia, engadiu, ademáis, de martes a xoves, un ronsel de concertos de tarde-noite espallados por espazos singulares e con encanto da cidade. O chamado Noroeste Expandido conquistou a 38.500 persoas, acadando o cheo total en todos os espazos nalgún momento de cada día e propiciando o tránsito do público polas rúas e prazas da cidade, no que é un dos obxectivos principais do festival: animar a xente a (re) descubrir a cidade ao ritmo da música. E a romaría pop-rock para todos os públicos que pechou, un ano máis, o festival congregou a máis de 6.000 persoas, que gozaron ao longo de todo o día coa música e coas actividades do Mercado da Colleita.

Polo que respecta ás novas liñas que incorporou esta edición do festival, as Matinais do Noroeste congregaron a máis de 4.500 persoas e a Selección Noroeste, a máis de 1.000. A estas cifras habería que engadir as das picadas nos locais da noite coruñesa da man de Clubcultura, dentro do Noroeste+.

O público refrendou, en fin, a aposta do 31º Festival Noroeste Estrella Galicia pola cultura próxima e de calidade, cunha ambiciosa programación na que tiveron cabida estilos tan diversos como o pop, o rock, o indie, a música de vangarda, o hip hop, a fusión ou o punk e que combinaba bandas sobradamente coñecidas con novos grupos e artistas menos habituais na nosa xeografía, amais de achegar unha completa mostra da escena musical galega, cun 50% de propostas artísticas locais e autonómicas.

31 Festival Noroeste Estrella Galicia a Coruña 2017

Contratación

O festival, organizado polo Concello da Coruña coa colaboración especial de Estrella Galicia, implicou a máis de 475 artistas e supuxo máis de 150 empregos directos, contratou a 21 empresas técnicas e 14 promotoras musicais -todas ellas galegas- e colaborou intensamente con 5 asociacións culturais. Unha destas asociacións, Músicos ao Vivo, actuou como garante de que todos artistas que participaron no festival tiveran unhas condicións salariais e de seguridade óptimas, certificando así a férrea defensa das boas prácticas profesionais na contratación e no trato aos artistas que se fai dende a organización do evento.

 

Difusión

Con preto de 100 xornalistas acreditados e unha importante presenza nos medios locais, autonómicos e estatais, o Noroeste Estrella Galicia proxectou cara ao mundo unha imaxe de cidade dinámica e próxima, acolledora e cosmopolita. Tamén en Internet, o festival acadou un forte impacto, con 291.137 visitas á web e cun alcance en redes que superou os 2,8 millóns de persoas. O Noroeste ten máis de 20.000 seguidores e seguidoras nas redes sociais, que o levaron a ser Trending Topic co seu perfil de usuario @FestNoroeste e cos hashtags desta edición: #Noroeste2017 e #SOMOSNOROESTE.

31 Festival Noroeste Estrella Galicia a Coruña 2017

Dispositivo de protección ambiental

Dentro do seu Plan de Eventos Sostibles, a Concellería de Medio Ambiente desenvolveu unha serie de medidas orientadas a diminuir o impacto ambiental do Festival Noroeste Estrella Galicia, contribuíndo -xunto coa limitación da programación de concertos de rúa en horarios nocturnos, para minimizar a contaminación acústica, e máis coas accións de mobilidade orientadas ao fomento do transporte público e á redución de emisións- a celebrar un evento máis sostible e máis respectuoso coa cidadanía, co espazo público e co planeta.

Dentro do dispositivo de protección ambiental, este ano púxose en marcha de forma novidosa o uso do ecovaso nos concertos da praia e na romaría do domingo, no parque do Paseo das Pontes, debido á especial preocupación do goberno municipal por reducir o impacto ambiental dos eventos que suceden en contornas naturais. Distribuíronse 5.000 unidades cun prezo para a persoa usuaria de 1€.

Ademais do reparto de ecovasos, o dispositivo contemplou o reforzo da conteneurización en múltiples puntos da cidade. Así, as noites de venres e sábado houbo no paseo marítimo 3 grandes illas de recollida de residuos -sinaladas con vallas, lonas e bandeirolas- con 18 contedores de materia inerte, 6 de materia orgánica e 3 contedores de vidro. O domingo houbo 4 illas de reciclaxe no Paseo das Pontes, con motivo da celebración da romaría de peche do festival. E tamén se reforzou a conteneurización no Campo da Leña, Praza das Bárbaras, Praza de San Nicolás, Praza da Galera, Praza do Papagaio, Rúa Troncoso, Praza de Josep Sellier e Castelo de Santo Antón. A maiores, na Praia de Riazor emitironse cuñas de megafonía para lembrar a importancia de non tirar os residuos no areal e proxectaronse imaxes nas pantallas, lembrando a localización das Illas de Reciclaxe.