O Noroeste Estrella Galicia inclúe o ciclo ‘Selección Noroeste’ cos concertos especiais de Swans e Rodrigo Leão

O Noroeste Estrella Galicia inclúe o ciclo ‘Selección Noroeste’ cos concertos especiais de Swans e Rodrigo Leão
9 Xuño, 2017 gestion

O Festival Noroeste Estrella Galicia continúa co seu principal obxectivo de elaborar unha programación variada, plural e de calidade, coa que poder gozar de todo tipo de públicos. Aos formatos da praia e dos escenarios urbanos unirase un máis: o dos teatros da cidade, o Rosalía Castro e o Colón. Os dous templos do xénero dramático albergarán dúas importantes actuacións internacionais -orixinais e nun formato máis íntimo- para aqueles e aquelas que busquen esa opción entre as numerosas dispoñibles.

Despois do Noroeste Expandido -concertos en lugares e prazas emblemáticas da cidade-, das Sesións Matinais -nas que a música tomará A Coruña á hora do aperitivo- e do Noroeste+ -sesións de DJs en locais e salas-, chega este cuarto incentivo, a Selección Noroeste, un ciclo no que participarán a banda de rock experimental Swans e o compositor e músico portugués Rodrigo Leão. Subiranse, respectivamente, ao escenario do Teatro Rosalía Castro e do Teatro Colón os días 8 e 9 de agosto ás 20.30 h, para ofrecer unha experiencia diferente dentro do ambicioso cartel do festival. Neste caso, poranse entradas á venda a través do portal ticketea.com a prezos que oscilan entre os 16 e os 22 euros.

Unha maneira máis de gozar da maior oferta musical do ano na cidade.

Rodrigo  Leão. Exquisitez pop e sensibilidade chea de melancolía

Versátil e inquieto, o músico e compositor de Madredeus e de Sétima Legião sempre é garantía á hora de crear atmosferas sonoras máxicas. Tras un disco –Life is Long– cun bo amigo, o músico australiano Scott Matthew, en 2017 Leao regresa á súa faceta pop máis simple. Entendendo simple como sinónimo de lixeireza e de falta de artificios. Un formato íntimo que unicamente contemplará tres instrumentos: guitarra, baixo e batería. Ademais, nesta nova xira acompañarao ás voces Ana Vieira, quen xa compartiu escenario e estudo de gravación co portugués entre 2004 e 2010. Un celebrado reencontro para interpretar cancións extraordinarias de discos como Cinema (2004), A Montanha Máxica (2011) ou A mãe (2009), a máis diso pezas dun dos seus últimos traballos, A Vida Secreta Dás Maquinas (2015).

 RODRIGO LEAO redes (2)

 

SWANS. Sons viscerais desde as profundidades do post-rock experimental

Os veteranos Swans -formados en Nova York no xa afastado 1982- están a aproveitar ao máximo a súa segunda vida. Desde que se volveron xuntar en 2010, tras trece anos seguindo camiños separados, non deixaron de gravar e tocar directo. Primeiro foi My Father Will Guide Me up a Rope to the Sky (2010), ao que seguiron The Seer (2012) e To Be Kind (2014), antes de facturar o seu último disco ata o momento, The Glowing Man (2016). Unha regularidade e unha disciplina dignas de encomiar para unha formación que leva na brecha máis de trinta anos. A banda liderada por Michael Gira, no seu día incluída na escena No Wave con outros exemplos como Sonic Wave ou Mars, practicou sempre un estilo baseado no rock experimental con altas doses de distorsión, aínda que cunha tendencia natural cara ao risco e a exploración. En 2017, ademais, remasterizouse e reeditouse un dos seus discos máis soados, The Great Annihilator, de 1995.

SWANS redes