O servizo de autobuses ampliará o seu dispositivo durante o Festival Noroeste Estrella Galicia

O servizo de autobuses ampliará o seu dispositivo durante o Festival Noroeste Estrella Galicia
30 Xullo, 2017 gestion

PERCORRIDO-BUS

O Concello da Coruña activará un dispositivo especial de transporte urbano para as Festas de María Pita, durante as que se celebra o Festival Noroeste Estrella Galicia do 8 ao 13 de agosto. Co obxectivo de favorecer a participación cidadá e fomentar a mobilidade sustentable, o Goberno local ampliará o servizo de autobuses e habilitará varias liñas de BÚHO durante a celebración dos concertos do festival.

Deste xeito o Noroeste Estrella Galicia, tanto na praia como nas súas distintas localizacións na cidade contará cun dispositivo de transporte público especial. Os días 8, 9 e 10 de agosto, celebraranse concertos ao longo da tarde-noite en varios escenarios da Coruña como a Casa Museo Casares Quiroga, as prazas de San Nicolás e as Bárbaras, o Campo da Leña, a Fundación Luís Seoane e o Castelo de Santo Antón. Para poder dar cobertura a todas as actividades funcionarán dous BÚHOS, un no sentido habitual de circulación e outro no inverso, sendo a primeira saída ás 23.30 horas e a última ás 01.30 horas.

Tamén haberá liñas BÚHO dispoñibles para as persoas que acudan os días 11 e 12 de agosto aos concertos dentro do Noroeste que terán lugar e a praia de Riazor. Unha vez máis, funcionarán dúas liñas de buses BÚHO, un no sentido habitual da circulación e outro no inverso. A novidade neste caso é que se instalará unha parada provisional no Paseo Marítimo, á altura da Couraza, previa á intersección Modesta Goicuría.