Os espazos do festival III: Selección Noroeste nos teatros da cidade

Os espazos do festival III: Selección Noroeste nos teatros da cidade
2 Agosto, 2017 gestion

Tanto se es un habitual do Noroeste Estrella Galicia coma se é a túa primeira experiencia, tes que saber que o Festival é todo o que acontece ao aire libre durante os seus seis días de duración: a praia de Riazor, as rúas da cidade, as súas prazas, a xente nos bares, a romaría do domingo… Celebramos que nos encanta a música e facémolo ao mesmo tempo que saboreamos o sol e a boa brisa mariña que chega desde o veciño Atlántico en calquera punto que che atopes da Coruña, convertida por enteira no recinto do festival.

Pero este ano, ademais, para ampliar a oferta destinada aos festivaleiros e festivaleiras máis esixentes, o Noroeste quixo incluír un formato especial a todos eses concertos no exterior: a chamada Selección Noroeste. Recitais en recintos pechados e nas mellores condicións acústicas para gozar comodamente desde a butaca, e cuxas entradas -únicos concertos de pago do festival- pódense conseguir en Ticketea. Con este formato incorpórase tamén un elemento fundamental na cidade que engade ritual e maior intimidade á posta de escena dun espectáculo musical: os seus teatros.

Ademais de ver a Rosalía y Raül Refree nunha fortaleza do século XVI -o Castelo de Santo Antón-, de admirar a xa de por si orixinal proposta de Aviador Dro nunha praza a carón dun convento do século XV -a praza das Bárbaras- ou de escoitar a Helado Negro  nun centro de arte contemporáneo -a Fundación Luis Seoane-, poderás gozar do directo dos artistas, Swans e Rodrigo Leão, nos dous templos dramáticos da cidade: o Teatro Rosalía Castro e o Teatro Colón. Unha ocasión única para coñecer por dentro estes dous históricos e emblemáticos edificios e gozar ao mesmo tempo de artistas internacionais excepcionales.

Para que non che pille por sorpresa, é bo estar ao tanto do contexto histórico. O primeiro dos teatros da cidade, data de 1838, cando o Concello da Coruña adquiriu un solar dedicado á antiga igrexa de San Jorge. En tres anos, o edificio construído xa tiña nome: Teatro Novo ou Teatro Principal. Tras un incendio en 1867, o edificio tivo que ser reconstruído e en 1909 adoptou o nome actual, Teatro Rosalía Castro, en homenaxe a unha das máis grandes escritoras galegas.

Case un século máis tarde chegaría a edificación do Teatro Colón. De estilo clasicista, foi deseñado polo arquitecto Jacobo Rodríguez-Losada Trulock en 1945 para sufrir unha remodelación en 2002, aínda que conservando o esquema de teatro á italiana. Se as súas paredes falasen contarían seguramente os detalles de todas aquelas estreas que viñan de Hollywood nos anos 50 e que supuxeron numerosas tardes de entretemento  e distracción cinéfila entre os coruñeses e coruñesas.

Máis de 50 anos despois, a escena non cambiou tanto. Eses mesmos lugares serven de centro de encontro, neste caso musical, para os amantes da cultura e dos espectáculos en directo. Percórrenos un calafrío ao pensar todo o que alí ocorreu ata chegar a hoxe, ao Festival Noroeste Estrella Galicia e aos concertos que ofrecerán Swans (o martes 10 ás 20.30 h no Teatro Rosalía) e Rodrigo Leao (o mércores 9 ás 20.30 h no Teatro Colón). Proba a experimentalo por ti mesmo.