Entrevista a Prexton: “É moi importante ser honesto cun mesmo, crer no que fas e ter en conta que esta é unha carreira de fondo”

Entrevista a Prexton: “É moi importante ser honesto cun mesmo, crer no que fas e ter en conta que esta é unha carreira de fondo”
29 Xuño, 2017 gestion

Asombra a súa experimentada traxectoria no mundo da música a pesar da súa xuventude. Hai algún tempo, Eduardo Casero, alias Prexton, decidiu emprender unha carreira en solitario tras o seu paso por bandas de diferentes estilos musicais. Esta nova etapa chegou cun disco bilingüe en clave folk debaixo do brazo o pasado setembro, 42, publicado tras a súa fichaxe por Moucho Records. Dende entón no pararon os encomios. O vindeiro 8 de agosto poderedes comprobalo no escenario da Praza das Bárbaras (19.00 h) do Noroeste Estrella Galicia.

Hai músicos que agardan bastante tempo ata lanzarse en solitario, ti fixéchelo aínda sendo moi mozo. Parece que tiñas as cousas claras…
Lanceime en solitario pola necesidade de ser independente a nivel creativo e tamén á hora de desenvolverme coa miña música. Naquel intre, sen unha residencia fixa, con amigos que ían e viñan, era difícil formar un proxecto que puidese ter a continuidade necesaria.

Formaches parte de proxectos que abordaban distintos estilos musicais, coma o hip-hop ou o ska, son posibilidades que aínda seguen abertas no teu proxecto máis persoal?
Cando a xente pregúntame polo meu estilo adoito responder que fago cancións con raíz no folk americano, pero isto é só unha etiqueta para clasificar gran parte das miñas cancións e de 42, non son límites que eu me impoña. Considero que fago música, e estou aberto a calquera posibilidade que marquen as cancións.

Que significado especial ten a cifra 42 para dar nome a todo o álbum?
O 42 é “o sentido da vida, o universo e todo o demais” na “Guía do autoestopista galáctico”. O disco compúxeno nun momento de cambios vitais, de procura dese sentido vital, así que me pareceu unha maneira divertida e interesante de encapsular todas as cancións e o que hai detrás. Ademais, o disco contén seis cancións, catro en inglés e dous en castelán.

Como transcurriron estes meses desde que saíu o disco?
As sensacións, tanto a nivel de crítica como de resposta do público, foron moi boas. Xa tiven experiencias incribles grazas ao disco como tocar no Teatro Colón da Coruña ou no festival WOMAD de Cáceres, ademais de visitar moitas cidades por primeira vez. Dentro dun mes estarei a tocar en Inglaterra e un pouco máis adiante noutro festival tan importante como é o Noroeste.  O balance é moi bo.

O apoio fundamental dun selo recente, como Moucho Records, engade aínda máis frescura e savia nova ao proxecto. En que medida cres que é importante para un músico ter un selo detrás en plena era da autoedición na que nos atopamos?
Creo que cada un debe traballar da forma que lle resulte útil e adecuada para a súa situación e momento. No meu caso, traballar con Moucho Records supuxo poder gravar un disco que soa como eu quería, gravar videoclips que acompañen ás cancións e, en definitiva, dar un paso adiante, profesionalizar o meu proxecto e que empecen a pasar cousas tan boas como as que contaba na pregunta anterior.

Fálanos das colaboracións do disco, como a de Julián Saldarriaga (Love Of Lesbian ou Mi Capitán) en Fugaz delirio.
Tiven a sorte de que no disco participasen grandes músicos: Iago Blanco (batería), Álex Rapitis e Alejandro Masafret (baixo), Rosalía Vázquez (cello) e Antonio Facal (violín). Todos eles melloraron as cancións coa súa interpretación. O só de Julián en Fugaz delirio foi a guinda para o disco, ademais de ser un luxazo que o guitarrista dunha banda á que admiro colabore no meu debut.

Quizais moitos non saiban que es multi-instrumentista, tocas guitarra, piano, voz, banjo, saxofón, harmónica… Que vantaxes ten á hora de enfrontarche á gravación dun disco? Como o empregaches no teu primeiro traballo?
Creo que tocar diferentes instrumentos pódeche dar unha visión máis global da canción, tanto á hora de compoñer como de arranxala, ademais de ser un recurso moi útil nos bloqueos creativos. En canto ao disco, toquei as guitarras, gran parte dos teclados e o banjo que soa en All Together.

Como pensas que ten que ser unha carreira musical no tempo no que vivimos? Algunha lectura de proveito que queiras compartir con todos aqueles que están a comezar unha banda?
Apenas estou na casa de saída, así que sigo aprendendo cada día. Considero moi importante ser honesto cun mesmo, crer no que fas, traballar moito e ter en conta que esta é unha carreira de fondo. Creo que quen se deixa moldear ou non segue o seu propio camiño, acaba perdido.

Levas xa meses de xira e rodando o disco, cómo vas preparar o teu concerto no Festival Noroeste? Haberá algunha sorpresa?
Durante esta xira fun alternando tres formatos: acústico en solitario, trío e cuarteto. En agosto estarei en acústico (guitarra, voz e looper) na praza das Bárbaras disposto a dar esa visión máis espida e particular dos temas. Tocarei as cancións de 42, claro, pero tamén outras cancións que están a soar durante a xira e que marcaron gran parte do camiño ata aquí.

Algunhas bandas ou artistas que non queras perder no Noroeste? Fai a túa quiniela…
É difícil elixir, xa que hai moitísimas bandas e artistas aos que hai que escoitar no Noroeste. No meu caso, párteme o corazón ter que elixir o mércores entre Enric Montefusco e Rosalía e Raúl Refree. E, por suposto, quero ver a Kaiser Chiefs e The Jesus And Mary Chain en Riazor. Pero vou ir cos oídos abertos e disposto a descubrir moitas bandas interesantes.