Servando Carballar: “Queremos que o público mova os pés pero tamén as súas neuronas”

Servando Carballar: “Queremos que o público mova os pés pero tamén as súas neuronas”
13 Xuño, 2017 gestion

Servando Carballar leva máis de trinta anos axitando ás masas ao fronte de Aviador Dro. O grupo madrileño, visionario e pioneiro indiscutible na súa mestura de electrónica e rock, actuará o xoves 9 de agosto no escenario da Praza das Bárbaras. Desde La chica de Plexiglás a Nuclear sí, a banda escribiu algún dos temas máis recoñecibles da música alternativa baixo a mensaxe revolucionario da tecnoloxía. Sempre mutando e en estado permanente de cambio, seguen no seu afán de mirar ao futuro do futuro.
 
Empezastes sendo un fanzine, bebendo de reminiscencias fílmicas e literarias. Como afectou á vosa música e en que medida marcou a vosa liña musical?
Nós éramos o que se di unha banda de instituto, concretamente do Santamarca de Madrid, que era moi revoltoso. E cara a 1975-76 o que facíamos eran fanzines, fascinados polas vangardas: o dadaísmo, o surrealismo, o futurismo… porque nunca pensábamos que iamos ser capaces de subirnos a un escenario e facer rock. Ata que chegaron os Sex Pistols e ensináronos que iso de saber tocar daba igual, que o importante era ter algo que dicir. Basicamente é o que fixemos, pero disfrazándoo todo do noso amor pola ciencia ficción e as vangardas de principios do século XX.

Contades con máis de 30 anos de carreira musical. Tiveches a sensación de ser un grupo culto e de culto?
Eu creo que si. Nunca fomos un grupo de masas -por moitas razón obvias-, pero houbo un momento nos 80 no que tivemos o noso momento de fama soando en Los 40 Principales e aparecendo en programas coma o Un, dos tres.. ou Aplauso. Pero igualmente o noso público foi moi fiel e mantívose todos estes anos. Aínda que tamén sorpréndenos descubrir nos concertos que hai moita xente moza para a que a nosa mensaxe ten sentido. Probablemente o noso discurso a favor da tecnoloxía revolucionaria ten máis sentido hoxe en día -cos ataques dos hackers, Anonymus ou os movementos cidadáns nas redes sociais, por exemplo- que a finais dos 70, cando éramos uns bichos raros. Entón ninguén entendía nada. A tecnoloxía relacionábase politicamente coa dereita e co fascismo, cando nós formulabamos algo totalmente diferente.

No voso caso, o feito de percibir a vosa diferenza fixo que quixerades mostrala, nada de encerrarse na casa.
Nós estabamos encantados cando facíamos un concerto en Avilés e remataba con lanzamento de botellas sobre o escenario. Esa impresión non deixaba indiferente a ninguén, que era o que nós procurábamos nun primeiro momento, que a xente reaccionase dun xeito ou outro. E hoxe o que pretendemos é transmitir a mensaxe de que a tecnoloxía e a ciencia poden empregarse como armas revolucionarias, e facelo ao mesmo tempo dunha forma divertida, que faga ao público mover os pés pero tamén as súas neuronas.

Parece que o mundo que vós vaticinabades chegou. As vosas ferramentas e linguaxe están máis en consonancia cos chamados nativos dixitais que quizais coa xeración que vos tocou vivir. Cal é a vosa relación con eses novos seguidores?
Cada vez más estreita. Co auxe de Internet no século XXI vivimos unha segunda xuventude. Por primeira vez saímos a tocar fóra de España, estivemos en Alemaña, México, Perú, Estados Unidos…. As ferramentas actuais abríronnos as portas a un mundo no que puidemos comunicarnos cuns fans de Filipinas que están a facer una versión dunha das nosas cancións, por exemplo, ou cuns seguidores en Australia que queren incluír o tema Nuclear sí nun documental. Non soamente diciamos que isto ía suceder, se non que nos sucedeu a nós (risas).

AVIADOR-DRO-Foto-de-Fernando-Villar

Algúns deses novos seguidores estarán no Festival Noroeste Estrella Galicia. Sodes un grupo de festivais?
Facía tempo que non xurdía a oportunidade de tocar nun festival coma o Noroeste Estrella Galicia e temos moitas ganas. Actuamos no Sónar e en festivais máis especializados en electrónica, pero non nun tan aberto e variado. A nosa formulación en directo é relativamente sorprendente porque está máis próximo ao rock do que a xente sole crer. Achegámonos máis a Nine Inch Nails ou a Kiss que aos Chemical Brothers. Non imos estar detrás dos nosos ordenadores dándolle aos botóns ou disparando luces. É un espectáculo que mestura bases electrónicas con moita presenza de guitarras.

Ese sentido do espectáculo é inherente a Aviador Dro?
Para nós é xenético, non é que esteamos creando unha serie de personaxes robotizadas. Nós sentímonos desa maneira e é o froito de todos estes anos que levamos tocando. É a nosa filosofía feita carne.

Onde credes que queda a provocación e a revolución nos parámetros da música na actualidade?
A mensaxe é fundamental. A posibilidade da ambigüidade e do sentido do humor -que non se sole empregar moito no rock-, a autocrítica, o verse desde fóra e desde dentro… conceptos que ás veces son demasiado serios para o cantautor ou a banda de rock clásica.  Nós intentamos darlle a volta a todo e velo desde un dron facendo unha especie de panorámica. Impórtanos moito que a nosa mensaxe sexa interpretada dun xeito e que poda ser interpretada doutros mil. Que o público sexa partícipe e nos devolva as súas impresións a través dunha foto en Instagram, un vídeo en YouTube ou de gritos dando saltos en directo.

O futurismo no cine, a música e a literatura ás veces manéxanse entre a realidade e a distopía. Feitos verosímiles e inverosímiles. A realidade superando á ficción. En que momento nos atopamos?
Eu creo que hai que tomar as rendas da transformación tecnolóxica na que estamos, coa que imos descubrir nos vindeiros anos desde técnicas de  rexuvenecemento ata probablemente a inmortalidade, ou incluso vidas noutros planetas… Unha serie de elementos que xa soamente a nivel filosófico ou ideolóxico teñen un interese completo para indagar nese futuro e en como queremos asumilo. Nós defendemos que calquera posición artística ou creativa debe ter unha ideoloxía que tense que enfrontar ás realidades políticas que nos arrastran ao pasado. Imos sufrir profundos cambios sociais para os que non so hai estar preparados, se non tamén definir onde queremos estar e como queremos que sexa o balance entre o 2% de persoas que domina o mundo e o 98% restante. Esa preparación para ese combate é fundamental.

Como manexa os tempos un grupo que leva máis de 30 anos na brecha á hora de crear novas cancións e preparar novo material?
Pasa o tempo moi axiña. Hai cinco años que sacamos o noso último traballo, La voz de la ciencia (2012), e a verdade é que estamos con dous proxectos en marcha pero tampouco temos ese abafo que había antes, cunha compañía de discos que realizaba un control do teu tempo ligado ao negocio. Agora estamos a traballar cun grupo mexicano de electrónica alternativa nun proxecto sobre universos paralelos. Narra a historia á inversa, os Aztecas descubrindo a Europa da peste negra, e a súa maxia e a súa tecnoloxía son as que dominan o século XXI. Estamos a recrear musicalmente o ambiente que creemos que podería existir nese mundo paralelo. Levamos un ano traballando niso e esperamos que salga en 2018.

Que tipo de música credes que faría Aviador DRO se houbera comezado hoxe?
Eu creo que non nos diferenciaríamos demasiado. A nosa impresión é que moitas das nosas cancións seguen estando vixentes. Probablemente estariamos a facer algo moi parecido.

E no futuro do futuro?
No futuro do futuro gustaríanos ser un instrumento biónico, soamente con pensar estar emitindo a música que nos gusta.Todo iso seguramente mutará e teremos uns grupos de punk mutantes brutais (risas).