Testemuñas da #XENTENOROESTE

Testemuñas da #XENTENOROESTE
17 Xullo, 2017 gestion

Como cada ano, A Coruña transformarase no mes de agosto para celebrar unha nova edición do Festival Noroeste Estrella Galicia. Nesta 31 edición as prazas, as rúas, os parques, e agora tamén os teatros e as salas da cidade, acollerán máis dun cento de concertos e pinchadas ao longo dunha semana. Cun formato xa consolidado, e un cartel ecléctico que se traducirá en 200 horas de música,o Noroeste só agarda que veciños e visitantes da Coruña saia á rúa a gozar, compartir e (re) descubrir unha cidade viva na que a música é un dos seus bastión culturais.

Pero, como vive a #XENTENOROESTE o festival? Que lles parece a programación? Que destaca e que bota de menos? A quen lle gustaría ver? Saímos á rúa e isto é o que nos contaron.

 

retrato noroeste 4

 

Lorena Marrozos

Son da Coruña, así que coñezo o Noroeste desde sempre, cando soamente había concertos na Praia de Riazor. Confeso que algúns veráns pilloume de vacacións, pero teño amigos aos que lles gusta moito a música e dinme que ao longo dos anos viñeron grupos moi bos. Segundo a miña opinión o mellor de todo é a variedade de estilos. Hai música diferente, para todos os gustos, e distintos públicos, incluso para gozar en familia. Penso que o Noroeste atrae a moita xente a coñecer a cidade, e así faise “Marca Coruña”. Se tivera que pedir, gustaríame ver na Praia a artistas tan distintos como Ara Malikian, Björk ou Calamaro.

 

retrato noroeste 5

 

Carlos Freire

Vendo outros festivais que hai este é distinto a todos, enmárcase noutro estilo. Quizais sexa un pouco indie pop de máis para min, pero gústame que haxa diversidade de na oferta de festivais en Galicia. Como músico que son dunha banda que fai rock en galego (é o baixista do grupo compostelán Ruxe Ruxe) gústame tamén moito que haxa grupos de Galicia, pero recuperaría algúns dos clásicos como Os Diplomáticos de Montealto.

 

retrato noroeste 2

 

Pablo Vázquez

Gústame o Noroeste porque é un festival que crece. O ano pasado non o puiden gozar todo o que quixera porque tiña unha perna escaiolada, pero non podía deixar pasar a oportunidade de ver algúns concertos, como por exemplo a Niño de Elche nas Bárbaras. Unha pasada! Polo tanto este ano voume desquitar. Vin cousas moi interesantes no cartel, como un par de grupos de trap que teño ganas de escoitar en directo, e por suposto a Rosalía & Raül Refree.

 

retrato noroeste 6

 

Jessica Suárez

Ademais de gozar coa música, estou metida no circuíto galego de concertos, así que do Noroeste encántame o peso que se lle dá ás bandas locais e emerxentes. É unha forma de coñecer o que é de aquí, de descubrir novos grupos de proximidade, e sobre todo de valoralos. Hai un par de anos estivo Familia Caamagno, e se puidera pedir algunha banda gustaríame moito volver a velos nalgún escenario do festival.

 

 

retrato noroeste 3

 

Iñaki Fuentes

A min o Noroeste que máis me gusta é o “Expandido”, o das prazas, xa que me recorda ao Metrópoli de Xixón, que é de onde son eu. É un formato que me gusta, descóbrese música nova e hai espazos cunha moi boa acústica como San Nicolás ou o Castelo de Santo Antón, así que hai que gózalo. A pesar da variedade que hai, gustaríame ver a algún grande como Metallica. Se ven rebenta Coruña!

 

retrato noroeste 1

 

Andrea Franco

A verdade é que non coñezo demasiado o festival, aínda que si comecei a oír falar sobre el xa o ano pasado. Paréceme xenial que haxa un evento musical de tal calado que a cidade xa o agarda de ano en ano con tantas ganas. En canto a bandas o de The Jesus & Mary Chain paréceme moi grande, se me preguntas que me gustaría ver a min no festival, pediría unha banda arxentina que estou a escoitar moito ultimamente e que se chama “Él mató a un policía motorizado”.