Un obradoiro de creación audiovisual ofrece a 20 persoas a posibilidade de vivir un 31º Noroeste Estrella Galicia diferente e creativo

Un obradoiro de creación audiovisual ofrece a 20 persoas a posibilidade de vivir un 31º Noroeste Estrella Galicia diferente e creativo
6 Xullo, 2017 gestion

O ciclo de tecnoloxía e cultura Coruña Dixital, programa municipal posto en marcha pola Concellería de Culturas, porá en marcha este ano por primeira vez unha actividade relacionada cun dos eventos musicais máis importantes da cidade, o Festival Noroeste Estrella Galicia. O obradoiro Noroeste Videocamp ofrecerá a 20 persoas a posibilidade de amosar as experiencias persoais e creativas que vivan durante o evento que terá lugar do 8 ao 13 de agosto. As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o 21 de xullo a través da web corunadixital.gal/axenda.

As datas de celebración do obradoiro serán do 4 ao 18 de agosto e consistirá en sesións presenciais en horario de mañá (10h-14h) no Centro Cívico da Cidade Vella, así como en xornadas de rodaxe durante o festival.

O obxectivo desta iniciativa educativa para maiores de 16 anos é que as persoas participantes aprendan a guionizar, gravar e editar imaxes ao mesmo tempo que traballen en equipo. Un obradoiro intensivo de creación audiovisual impartido polos directores Belén Montero e Juan Lesta, onde será posible coñecer o proceso de desenvolvemento e produción dun produto audiovisual para internet, feito co material que tes a man. Ademais daranse a coñecer os equipos e ferramentas básicas que se precisan para organizar unha gravación e as indicacións de como darlle un acabado orixinal  para movelo nas redes.

Entre todos os participantes seleccionados faranse tres equipos o primeiro día do obradoiro, tendo en conta o equilibrio de habilidades dentro de cada grupo. Aínda que non se trata dunha competición, valoraranse cunha mención especial as pezas máis innovadoras e as máis populares nas redes sociais.

Finalmente, o día 18 de agosto á tardiña haberá un encontro final aberto ao público para presentar os traballos.

As persoas participantes neste innovador VideoCamp poderán vivir dunha maneira orixinal e creativa as actuacións de artistas como The Jesus And Mary Chain, Kaiser Chiefs, Surfin’ Bichos, Swans, Rodrigo Leao, Indomable, Jules & The Wolf, Cygne, Naranja Imaginario, Captains, The Allnight Workers, The Preachers, Luga, Helado Negro, Os Gru, Lisa & The Lips, Mielitza, Emilio José, The Soul Jacket, Harakiri, Isaac Peces, Proyecto Moucho, García MC, Quique Escamilla, Ricky Hombre Libre, Xoán Curial ou Eladio y los Seres Queridos, entre outros moitos.

Esferobite-DSK (Belén Montero e Juan Lesta)

Directores, produtores e creativos audiovisuais. Fundadores da produtora Esferobite, Belén Montero e Juan Lesta dirixiron a súa actividade cara ao videoclip, videocreación, multimedia, instalación e vídeo en directo, recibindo diversos premios e mencións de carácter nacional e internacional. Realizaron videoclips entre outros para Fangoria, Astrud, La buena vida, Catty Claret, Alma-X… E produciron pezas de videocreación, entre outros para a Muestra INJUVE, Centro Galego de Arte contemporáneo, Fundación Luis Seoane, Museo do Mar de Galicia, Hangar… Os seus traballos foron expostos no Centre Pompidou-Metz, CGAC, La Capella, Fundación Luis Seoane, entre outras institucións. Posúen pezas na colección do CGAC, Artium-Injuve, a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, ou a Colección Deputación da Coruña. Desde o 2002 imparten clases e talleres audiovisuais en diferentes centros de Barcelona e Galicia.