Xosé Manuel Pereiro: “Formamos unha banda por influxo do punk, que determinaba que calquera con algo que dicir podía subirse a un escenario”

Xosé Manuel Pereiro: “Formamos unha banda por influxo do punk, que determinaba que calquera con algo que dicir podía subirse a un escenario”
22 Xuño, 2017 gestion

A comezos dos ‘80 souberon que algo estaba a pasar na música deste país e quixeron ser parte diso. Os coruñeses Radio Océano acenderon a faísca da escena galega xunto a formacións como Siniestro Total ou Os Resentidos. Tras anos de actividade, editaron un cobizado LP en 1986, Nin falta que fai, para separarse un ano máis tarde sen vocación de facer diso unha profesión. Deixaron para o recordo unha actuación na primeira edición do Festival Noroeste (1986) e numeroso material inédito que axiña verá a luz nun disco dobre da man de Subterfuge. Pero Xosé Manuel Pereiro, cantante de radio Océano e xornalista na actualidade, alerta de que non se trata de ningunha volta aos escenarios -“Xa tocamos hai cinco anos”-, soamente de saldar unha conta pendente co pasado da banda e de seguir gozando do que máis lles gusta, as horas de ensaio.

Como explicariades o que pasaba musicalmente en Galicia en 1981 a un dos numerosos mozos e mozas que seguen o Festival Noroeste?
Aquela escena era moi efervescente, aínda que creo que agora hai máis calidade e diversidade. A vantaxe que había antes é que todo era novo e fresco. Nós tocamos no primeiro ‘Noroeste Pop Rock’, en 1986, que era un concurso ao que nos presentamos con oito horas de ensaio e un batería encapuchado porque dicía que non quería subir ao escenario con xente tan “impresentable” que non sabía tocar.

Que recordos tedes daquel concerto?
Preseleccionáronnos cunha maqueta que gravamos cun radiocasete cuberto por unha manta, para paliar a distorsión, e tocamos ante miles de persoas. As crónicas do evento dixeron que durante os paróns para afinar, o cantante aproveitaba para insultar ao público. Era certo, pero eran os nervios de estar diante de cinco mil persoas sen cantar nunca, excepto nas tascas, e sen ensaiar. Pero estivo ben, por iso seguimos. Creo que só tocamos noutro Noroeste máis, no que se foi retrasando todo tanto que cando saímos ao escenario do pavillón xa eran as 5 da mañá e amencía. Disto hai un fragmento gravado en vídeo.

O voso único LP á unha peza de coleccionista…
Como dicía Iggy Pop: “Ser un grupo de culto só che serve para que non se poña ao teléfono o responsable da túa discográfica pero che chame calquera colgado ás cinco da mañá”. Nin falta que fai é unha peza de coleccionista porque como non se promocionou, o que o quixo comprar non se decatou… Hai xente que asegura que incluso tiña mellor son o casete que o vinilo.

En calquera caso, tedes un single novo, editado o ano pasado, e Subterfuge vai publicar un disco dobre con maquetas da banda. Era unha débeda que tiñades pendente?
Si, editamos un single con tres temas, que tamén é unha peza de coleccionista, pero editáronse moi poucos (risas). O proxecto do disco dobre conterá material inédito con maquetas e verá a luz o ano que ven, se en Subterfuge non se botan para atrás. A idea é que un vinilo sexa de gravacións e o outro de directos, quizais con algo nalgún formato máis.

Cal é a vosa reacción ao saber que tocariades nesta edición do Noroeste?
A verdade é que tocamos no Noroeste pola insistencia da organización, que xa nolo propuxo a pasada edición. Este ano, despois de dar un concerto público, xa non tiñamos escusa, pero puxemos a condición de non facelo nun escenario grande. Non queremos ter ningunha presión nin responsabilidade. Isto non é unha volta, de feito xa tocamos, sen avisar, hai cinco anos. En realidade, a nós o que nos gusta é ensaiar, non andar de músicos profesionais. Nin sequera no seu momento o intentamos, cando era a única opción que tiñan as bandas. Eu deixei a música -bo, o que eu facía-  porque había que aguantar máis idiotas que no xornalismo, que xa é dicir. Outra cousa é que cantara cando foi a invitación de Diplomáticos, Manu Chao, Ultraqüans… Ademais, agora temos cousas que facer, antes viviamos de noite (risas).

Cales foron entón os motivos que vos levaron a formar a banda? Sen que factores culturais, políticos e musicais non existiría Radio Océano?
Nacemos baixo dous influxos. A eclosión musical de comezos dos ‘80, na que había unha enorme receptividade do público e medios ás novas tendencias da música (novas aquí, claro). A movida de marras… Participabamos desa ansia creativa, non só musical, e acometemos outros proxectos, como a revista La Naval. Se nos animamos a formar unha banda foi por outro influxo, o do punk, que determinaba que calquera con algo que dicir podía subir a un escenario.

Nesa eclosión musical e cultural, como era a relación entre as escenas das cidades en Galicia? Y co resto de España?
Creo que era máis fluída, entre outras cousas porque á xente dos grupos uníannos moitas máis cousas que o que nos puidera separar, que non era moito, ou nada que recorde. Había curiosidade mutua e afinidade. Entón naceron amizades coa xente de Vigo que aínda perdura. Pero naquela época algúns “ganapans” xa empezaron as políticas de promoción do localismo como método de disfrazar os seus intereses. Aquilo que discutían Samuel Johnson e Ambrose Bierce: o primeiro dicía que o último recurso dun canalla en envolverse na súa bandeira, e o segundo argumentaba que non era o último, senón o primeiro recurso.

Fálanos da portada inquietante e inocente ao mesmo tempo do voso LP…
Eliximos a un colega de sempre, Antón Patiño, para que a fixese, e el interpretou o espírito do grupo, épico e atlántico, con ese debuxo dun barco que atravesa unha cabeza. Si que era unha portada rara para unha banda e máis de punk. O normal era aparecer con pinta de “malotes” e postura desafiante.

Que dificultou a pervivencia do grupo?
Un grupo é un matrimonio de catro, pero sen a compensación de que haxa sexo -ao menos en Radio Océano-, e ao final acabas cansando. Hoxe en día cando nos vemos rimos moito, pero se entras no ámbito profesional tes que asumir que toda a farándula de arredor da música tamén é teu traballo, e iso non nos convence. Como outros grupos, que hoxe seguen tocando xuntos pero non se poden ni ver. Se non estás a gusto con quen tocas, para iso é mellor deixalo. No seu momento puidemos gravado máis discos e epés pero non quixemos someternos a esa vasalaxe das firmas de discos en grandes almacéns, etcétera. E non me parece honrado crear unhas expectativas que logo non vas cumprir.

Fostes elixidos para ir a Eurovisión, pero decidistes declinar a invitación. Non deben existir moitos casos similares, Serrat no 68 tamén rexeitou ir, aínda que por outros motivos.
Nolo propuxeron porque fomos o primeiro grupo que editou co selo Nacional 3 que promovía Radio 3 e RTVE. Eramos o grupo da casa, por así dicilo. Pero Serrat rexeitou ir, cando xa estaba anunciado, porque non lle deixaban interpretar unha canción en catalán. Nós dixemos que non porque, honradamente, non nos viamos como representantes da música española, e tampouco nos interesaba ese camiño. Iso si, quedamos moi agradecidos. Acabo indo Cadillac, con Valentino.