Brais Morán

Domingo 7 agosto

Biografía

Tres lustros de profesión e oficio avalan este músico e autor coruñés que escribe e interpreta as súas propias cancións. Despois de ser a cabeza visible da banda funk Loretta Martin, onde exercía de vocalista e guitarrista, e de tamén pasar polo grupo Jamiros de Monte Alto, Brais Morán decidiu dar un paso á fronte. O pasado inverno presentouse por primeira vez en solitario acompañado dun traballo -moito máis persoal e con temas en galego- chamado Cruzando o eclipse. Unha carta de presentación a modo de declaración de intencións -o primeiro single titúlase En paz-, onde, á parte de escribir todos os temas baseándose na súa experiencia vital ligada á Costa da Morte e á Galicia actual, puxo melodía a un poema de Rosalía de Castro. Música de base pop-rock que non desdeña chiscar o ollo ao funk, á raíz folk ou aos sons étnicos, todo iso baixo a atenta mirada dos seus admirados Crosby, Stills, Nash & Young. Unha nova etapa onde ademais o acompañan en directo os músicos Manu Seoane (guitarra eléctrica), Miguel Queixas (batería) e Denís Morán (baixo eléctrico).

 

000