Lagartija Nick

Xoves 4 agosto

Biografía

Desde Granada chega ao festival Noroeste Estrella Galicia Lagartija Nick. Esta banda, a cabalo entre o pop e o rock bastardo e sucio, sen esquecer os aires flamencos, impactou no público de principios dos 90 e converteuse nunha das formacións máis iconoclastas da historia musical do noso país. Con nome dunha canción do grupo sinistro Bauhaus, e sons con influencias de The Stooges, Sex Pistols, a escena de Seatle e, sobre todo, Sonic Youth, Antonio Arias, Eric Jimenez, Miguel Ángel Rodríguez Pareja e Juan Codorniu, editan en 1991 o seu primeiro disco Hipnosis na independente Romilar-D. Inmediatamente fichan pola multinacional CBS/Sony, coa que publican o seu emblemático Inercia, producido por Owen Davies, quen realizara traballos similares para Manic Street Preachers, XTC, The Jam e Rolling Stones, entre outros.
En 1994, chegaría Su, tralo cal empezan a traballar con Enrique Morente no que logo se convertería no inmenso álbum Omega (1995), que os leva durante 15 anos por todo o mundo; e en 1998 abordan a figura do granadino José Val do Omar no disco do mesmo título. Dous aproximacións a poemarios que marcarán, en diante, o xeito de afrontar os textos por parte de Antonio Arias. Despois chegarían Lagartija Nick (1999), Ulterior (2001), Lo Imprevisto (2004) e Homenaje a Los Ángeles (2005). Durante estes anos convive o grande e o pequeno na súa traxectoria profesional. Os cambios de formación na banda fan que o estilo de Arias sexa máis aberto e isto plásmase no disco El Shock de Leia (2007) que relanza ao grupo de novo á vangarda do rock nacional. Unha actividade frenética que continúa con Larga Duración (2009) e Zona de Conflicto (2011), ademais de constantes reedicións da súa discografía.

 

000