MØURΔ

Xoves 4 agosto

Biografía

Toda pista sobre MØURΔ resulta aínda un misterio. Comezando polo nome, que remite a unha das criaturas mitolóxicas de orixe prerromana máis fascinantes do folclore galego. Fonte de numerosas lendas, a MØURΔ posúe poderes sobrenaturais e inspírase en melodías psicodélicas e ritmos tribais doutros tempos. Peitea o seu cabelo louro e negro ao mesmo tempo emulando a dualidade do comezo do universo. A mesma dicotomía que na súa música -inspirada na psicodelia, o heavy-psych dos 70, o kraut-rock e o folk inglés de finais dos 60 e principios dos 70- defende esta banda coruñesa de nova aparición, aínda que con vellos coñecidos. Diego Veiga, voz e guitarra (Lüger, One Of These Days & THRTCLab), Hugo Santeiro, guitarra e voz (Ictus, Guerrera), Pedro Alberte, baixo e voz (Saharah, Julius), Fernando Vilaboy, órgano Hammond e sintetizadores (Elephant Band, Fogbound, One Of These Days & THRTCLab) e Gonzalo Casal, batería, percusións e voz (Saharah, Julius), integran o quinteto. O seu debut oficial sobre os escenarios remóntase á clausura do pasado Festival de Cinema Fantástico da Coruña, en novembro de 2015, polo que o seu concerto no Noroeste será un suculento aperitivo antes de gravar as súas primeiras cancións.

 

000