Neil Halstead

Xoves 4 agosto

Biografía

Un dos cantautores británicos máis respectados da escena musical internacional aterrará este verán na Coruña para presentar o seu hipnotizador son folk no escenario máis singular do Festival Noroeste, o Castelo de Santo Antón. Líder de dúas bandas de culto na década dos 90, primeiro Slowdive e despois Mojave 3, das que foi cantante e compositor, Neil Halstead publicou o seu álbum debut en solitario, Sleeping Roads, no ano 2002. En 2008 chegou o seu segundo traballo, Oh! Mighty Engine, e, en 2012, o terceiro, Palindrome Hunches. Guitarra acústica, voz, contrabaixo, violín e piano son as ferramentas sinxelas que lle dan forma aos seus discos en solitario, eloxiados pola crítica como sobresaíntes e intimistas.
Sutileza, inxenuidade, profundidade e tenrura. Tales son os adxectivos que veñen á nosa mente ao pensar neste ex shoegazer de barba salvaxe que, na súa estupenda corentena, se instalou no formato acústico. Nunha das súas visitas a Madrid, tralo concerto que ofreceu na mítica Sala Siroco en 2013, o cronista de El Mundo Quico Alsedo eloxiaba así a súa posta en escena: “Halstead abriu a boca, enfilou a senda dese folk hipnotizador e ‘de profundis’, tocado polos fados, e parou o tempo un momentiño”. Noutro dos seus concertos españois, cando Halstead fixo seu o disco The Velvet Underground & Nico, Fernado Neira de El País apuntaba: “É un vocalista curtido, experimentado; con pouso e matices”. No Noroeste, Halstead fará gala unha vez máis da súa voz cálida e borboriñará para elevar o público de Santo Antón coa súa música acolledora, intelixente, amable e bela.

 

000