Niño de Elche

Mércores 3 agosto

Biografía

A rama experimental do flamenco ten en Niño de Elche o seu embaixador máis visible e aclamado dos últimos tempos. Francisco Contreras, nacido en 1985 na localidade alacantina de Elx e residente en Sevilla, logrou acaparar a atención da crítica especializada conseguindo situar o seu disco Voces del extremo (2015) como o mellor do ano para medios como El País ou Rockdelux. Porén, a súa traxectoria remóntase a case unha década, coa edición de Mis primeros llantos (2007), ao que seguiron outros proxectos tan dispares como o espectáculo VaconBacon, cantar las fuerzas, sobre o artista plástico Francis Bacon, ou os personalísimos traballos discográficos Sí, a Miguel Hernández (2013) e Las malditas órdenes del coronel (2013), xunto ao grupo de improvisación SEIDAGASA.
Interesado en mostrar un flamenco do século XXI plural, intenso e descontextualizado, este verdadeiro catalizador de sons rock, electrónicos e minimalistas asegura sentir a mesma devoción por Antony & The Johnsons ou Kraftwerk que por Fátima Miranda, Diamanda Galas ou Metálica. No escenario, o cantaor mestúrase co autor performance, deixando vía libre á poesía e á improvisación. Unha experiencia paroxística que, segundo o seu creador, procura o equilibrio entre o físico e o sonoro.

 

000