O Cadelo Lunático

Venres 5 agosto

Biografía

O Cadelo Lunático é o nome do proxecto en solitario do músico coruñés Javier Prado, tamén cantante de Moondogs Blues Party. O blues galego é a razón de ser desta nova aventura. Nado na cidade herculina en 1978, Javier é un autodidacta que deu os seus primeiros pasos nesto da música en 1996 xunto ao trío de pop-rock La Mezquita, que dous anos máis tarde mudaría en Tirando Pa’ Lante, a primeira banda en fusionar o blues co flamenco en Galicia. Con ela gravou dous EP´s: Transparente (1999) e Abriendo Paso (2001). Entre 2001 e 2007, Javier tocou co cantautor Antonio León e participou nun proxecto de funk chamado Por No Star, co que gravou a súa primeira maqueta homónima. Foi despois de gravar e producir o primeiro disco en solitario de Antonio León cando formou a súa propia banda, Moondogs Blues Party. En paralelo, grava e produce todos os instrumentos do seu primeiro disco en solitario, O Cadelo Lunático, co que obtén o primeiro premio do concurso “Talentos 2007” de El País.
A súa música véndese en Canadá con Kerf Music e o produtor norteamericano Kris Kaczor empregou o seu tema Walking night in Mississipi para un DVD do Instituto de Historia de América sobre a escravitude. En paralelo, compón e grava os temas do segundo disco de Moondogs Blues Party, Thirty Roads, así coma parte do terceiro álbum: Through the darkness of the forest. En 2012 compón a banda sonora para a serie infantil de animación da TVG Os Axóuxeres e a banda sonora para o corto de animación Entre Navidades. Colabora, así mesmo, en múltiples proxectos musicais e culturais, como o audiolibro de poemas Esencia de Trementina, da poeta lucense Cristina Corral Soilán, ou o conto infantil Os Poemas do Río. Ademais, é coeditor do fanzine local 16 Toneladas e do magazine cultural on line A Revolta.

 

000