Pardo

Martes 2 agosto

Biografía

No ano 2013, este coruñés de brazos tatuados e voz quebrada e profunda inicia a súa carreira en solitario. Atrás ficaban os grupos de corte rockabilly The Loveless Cousins, que Néstor Pardo fundara en 2004 cando apenas contaba con 19 anos, e a banda de R&B e swing The Allnight Workers, coa que xirou durante tres anos por festivais de renome en toda Europa xunto ao músico Roi Fontoira. En 2012, de volta na súa cidade natal, A Coruña, Néstor comeza a tocar como músico de sesión para formacións como Northwest Pickers, The Hot Chocolates, Dixie Lovers, The Honky Tonkin Boozers, Rockers Go To Hell… Desde 2013, libre de etiquetas e prexuízos e xa baixo o nome de Pardo, publica o seu primeiro disco, Waitin’ To the Other Side. O traballo inclúe once cortes de composición propia e unha celebrada versión do Everybody’s Talking, de Harry Nilson. Xunto aos músicos Miguel Martínez (contrabaixo) e Adrián Seijas (batería), Pardo lánzase á estrada para presentar o álbum de xira por todo o País. O seu segundo traballo viu a luz en xaneiro de 2015 baixo o título de Let It Stay. Ese mesmo ano, dá o salto á gran pantalla, no programa La Voz de Telecinco. A principios de 2016 chega Siento no haber sido lo esperado, o seu último disco, onde electrifica a súa banda (Miguel Martínez ao contrabaixo, Alberto Dopico á batería e Alejandro González ao piano) e canta as súas composicións -de novo, propias- en español. O Festival Noroeste será testemuño en agosto desa sorte de rock total que interpreta, influenciado polo folk e as súas orixes rockabillys.

 

000