A Coruña celebra do 7 ao 12 de agosto unha nova edición do Festival Noroeste Estrella Galicia (e xa van 32!). As prazas, as rúas, os teatros e a praia de Riazor acollerán máis de 80 artistas e bandas para encher de eclecticismo a cidade. Música para todos os gustos que achegará o Noroeste tanto a veciños e veciñas como a visitantes. Saímos á rúa para coñecer opinións sobre o festival coruñés e a #XENTENOROESTE resalta o seu carácter aberto e o feito de poder atopar algún concerto en diferentes recunchos paseando pola cidade.

Mathiew Ward

Son de Irlanda pero levo moitos anos aquí na Coruña. Nas últimas edicións encantoume o feito de que haxa concertos en todos os sitios. Tamén a promoción de grupos locais. Do cartel deste ano gústanme moito Belle and Sebastian e The Pretenders, que son os grupos internacionais, pero hai bandas locais que teño moitas ganas de ver.

Lorena Garea

Paréceme un festival moi bo e un punto clave é a súa localización, con concertos no centro da cidade e na praia. Tamén traen moitos grupos nacionais polo que é un impulso á música nacional. É moi divertido e xúntaste con xente de moitos sitios que veñen á Coruña. De feito, eu invito a amigos de fóra para que veñan. A min paréceme un festival moi acertado.

Pablo López

Do Noroeste gústame que haxa concertos na praia e ata en emprazamentos como o castelo de Santo Antón. É un festival diferente pola cidade e del destacaría os concertos nacionais e internacionais, como por exemplo The Pretenders nesta edición. Tamén é unha forma de descubrir grupos da Coruña. Levo pouco tempo vivindo na cidade así que só estiven o ano pasado un pouco pero este ano espero estar máis.

Ana Anido

Paréceme un festival moi interesante porque a xente se pode mover pola cidade, non só vir á praia. Podes estar no Campo da Leña ou na praza de San Nicolás gozando da música e vendo concertos e iso dá movemento á zona. O ano pasado fun ao concerto dos Lascivos, que ademais gravei cunha amiga miña, e estivo moi ben.

Juan Porta

Do Noroeste destacaría a variedade de grupos. Do cartel deste ano chámame a atención a cantidade de mulleres que veñen tocar e, como noutras ocasións, a variedade de lugares nos que tocan, pois podes ir a calquera praza escoitar os artistas.

Ánxela Sánchez

Está ben que haxa concertos gratis e de diferentes estilos. Do festival tamén destacaría que é unha oportunidade para ver a artistas que xa coñeces e poder coñecer outros. En canto á programación deste ano, si que teño escoitado a Viva Suecia así que estarei en Riazor para velos.

Susana Porta

Eu son moi de rock e tamén pop. Este ano gústanme Belle and Sebastian. Creo que é moi positivo para o turismo da cidade que se faga un festival así.