Como cada ano, A Coruña transformarase no mes de agosto para acoller unha nova edición do Festival Noroeste Estrella Galicia. Este 2018, o festival celebrarase do 7 ao 12 de agosto e contará con máis de 100 bandas e artistas que inundarán cos sons máis eclécticos -pop, rock, indie, heavy, vangarda, fado, hip hop, fusión, folk, punk, noise, canción de autor, etc.- todos os recunchos urbanos da cidade. Dentro do cartel para esta 32º edición, que segue fiel á súa aposta pola calidade, a contemporaneidade e a singularidade de todos os seus directos, están xa confirmados os nomes de Ana Curra, Christina Rosenvinge, Group A e Mordem. Catro xeracións de mulleres cunha brillante e celebrada traxectoria, estilos variados e moito que dicir enriba dos escenarios.

 

ANA CURRA

Teclista, vocalista e compositora, nos anos 80 Ana Curra (Madrid, 1958) foi unha das artistas de referencia da Movida madrileña e, sen dúbida, tamén a máis auténtica. Formou parte de Pegamoides, Parálisis Permanente e Los Seres Vacíos e algúns medios chegaron a denominala “a raíña do punk en España”. Pasaron xa tres décadas desde aquela euforia oitenteira, pero ela segue igual de irreverente e reivindicativa que entón. Este verán, chegará coma un torrente aos escenarios do Noroeste Estrella Galicia. A que fora líder do icónico grupo Parálisis Permanente xunto á súa parella de entón Eduardo Benavente, alza agora a voz para poñer en valor o legado da súa banda de culto e reivindica a capacidade de transformar, a través da música, todo aquelo co que non estamos conformes. Sempre cunha aguda mirada e vestida en coiro negro, medias de reixa e complementos con chatolas, Ana Curra presentará na Coruña a versión máis punk e gótica de si mesma, cos temas do álbum El Acto, que Parálisis Permanente publicou cando Naranjito trataba de usurpar a imaxe de todo un país. O desaparecido Eduardo Benavente sobrevoará como referente ineludible no seu directo xunto a temas como Quiero ser santa, Unidos, Nacidos para dominar ou Tengo un pasajero. Punk en estado puro.

 

CHRISTINA ROSENVINGE

Con máis de tres décadas de carreira ás súas costas, Christina Rosenvinge (Madrid, 1964) é a única artista española que pode presumir de ter sobrevivido ao pop adolescente e de converterse nun referente do pop independente, da composición chea de desencanto e madurez. Icona da movida madrileña, a súa maratoniana carreira en solitario comezou en 1991. Rosenvinge metamorfosea disco tras disco, o seu nome faise más grande e o seu rango musical expándese a límites descoñecidos. Rodéase de artistas como Lee Ranaldo, Steve Shelley, Benjamin Biolay ou Georgia Hubley, con quen traballa en varios dos seus discos. Tu labio superior(2008) e, principalmente, La Joven Dolores (2011) consagráronse coma discos referentes da canción alternativa en castelán.

A capacidade compositiva e o talento da madrileña son os artífices dun legado extenso e admirablemente diverso. En Lo Nuestro (2015), móstrase escura e introspectiva e suma outra capa musical a todos os seus álbumes anteriores. En febreiro de 2018 saíu á venda Un hombre rubio, o seu décimo traballo en solitario, no que Rosenvinge se adentra na fortaleza emocional masculina e asume distintas identidades: un pai, un fillo, un amante…

Un espectro percorre Un hombre rubio: é a sombra dun home misterioso que dialoga cos seus fantasmas mentres busca o Santo Graal e pide protección aos deuses durante a travesía. Cando unha muller fala da soidade como emoción universal debería falar en masculino para incluír aos homes? A artista fala así da súa última creación: “existe outro fantasma máis que sobrevoa poderosamente o disco: musicalmente, seguín a estela de David Bowie. The Rise and Fall of Ziggy Stardust and the Spiders from Mars foi o pasadizo que me levou ata o mundo do pop aos 15 anos. Sentín a súa morte coma unha perda persoal e regresei aos seus discos”. E continúa: “De xaneiro a marzo de 2016, durante as últimas semanas da xira de Lo nuestro, encerreime a compoñer, escribir e arranxar cancións de forma obsesiva. En apenas catro meses enviei á banda as nove cancións que conforman Un hombre rubio coa idea de entrar a gravar antes de que se enfriase o impulso”.

A gravación levouse a cabo no estudio de Dany Richter, o seu técnico de directo en 2017. Manuel Cabezalí sitúase na guitarra e no baixo; Juan Diego Gosálvez, na batería; e David Tuya Ginzo, nos teclados. Un hombre rubio responde á enerxía de tocar ao vivo. Está concebido coma contrapunto dun directo que gañou en contundencia e dramatismo grazas á extensa xira de Lo nuestro. Rosenvinge tomou as ferramentas do rock clásico e púxoas ao servizo da poesía máis desesperadamente lírica.

 

GROUP A

Ondas sen fin de ruído experimental, lecturas de poesía intensamente emocionais e pinturas sobre corpos espidos en directo. O dúo nómada de noise pop xaponés Group A mestura performance e DIY post punk nos seus desafiantes directos, como poderá ser testemuña o público do Festival Noroeste Estrella Galicia este 2018, na que será a súa primeira visita a Galicia, tralo seu paso por unha cita de referencia do territorio estatal como o Festival Villamanuela. O tándem feminino de vangarda nacido en 2012 da man de Tommi Tokyo (sintetizadores, voz, percusión) e Sayaka Botanic (violín e cintas de cassette) xunta sobre o escenario ondas sintetizadas de inspiración minimalista, chamativas imaxes e arte performativo moina liña de pioneiros do xénero coma Throbbing Gristle ou Cabaret Voltaire. A súa fama non deixou de medrarnos últimos tempos e permitiulles compartir proxectos con artistas do talle de Acid Mother Temple, Merzbow, Nisennenmondai, Phew ou Melt Banana.

 

MORDEM

A palabra galega “morden”, sacada dun poema de Rosalía de Castro, serviu a Elba Fernández para bautizar o seu novo proxecto, Mordem, co que publicou o disco Fragments to Dominate the Silence(2017), o seu traballo máis autobiográfico e introspectivo, co que nos enfrenta á fraxilidade do ser humano, pero para reconciliarnos coa nosa condición. Este verán, Mordem presentará esta colección de 10 fragmentos nas rúas da súa A Coruña natal dentro do Festival Noroeste Estrella Galicia 2018.

Elba Fernández deuse a coñecer en 2010 baixoo pseudónimo de Jane Joyd e, coa súa primeira maqueta, resultou gañadora do Proxecto Demo de Radio 3 e o Festival Internacional de Benicássim. En 2012 publicou o seu primeiro EP, Shy Little Jane Presents: The Dramatic Tale Of Her Animals, ao que lle seguiu unha segunda entrega un ano despois, Shy Little Jane Presents: So Lost In This Bleak Winter Landscape, ambos editados por Origami. Quen a coñece de entón, atopará neste novo álter ego de Elba amesma habilidade para crear ambientes e estados, pero en Mordem xa non predominan as cordas e, ademais, o folk da súa anterior encarnación deu paso a sons máis variados, ás veces próximos ao trip hop, outras ao novo R&B, o ambient, o pop, o dream pop…, todos eles atravesados por pianos contemporáneos que van vertebrando, xunto coa voz e os coros, un novo estilo máis nórdico e menos americano.